Temas: EMPREGO PIB

A Xunta revisa á alza a previsión de crecemento do 2,4% ao 3%

O conselleiro de Facenda considera que "consecuentemente haberá unha mellora dos parámetros de emprego".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2017 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, adiantou que o Goberno galego prevé unha "forte revisión á alza" da previsión de crecemento da economía galega, fixada no 2,4% para este exercicio. "Achegarémonos ao 3% de crecemento e consecuentemente haberá unha mellora dos parámetros de emprego", anunciou. Díxoo durante o debate da modificación dos orzamentos da Xunta deste ano 2017, que sumarán 228 millóns de euros coa aprobación por lectura única do proxecto de lei que os cambia, nunha operación que a oposición criticou duramente e na que viu unha "chapuza" que "furta o debate" e "desvaloriza" as funcións do Parlamento galego.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no pleno
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no pleno | Fonte: Europa Press

O pleno este martes comeou co debate sobre a tramitación polo procedemento especial de lectura única desta modificación, algo que censuraron duramente os grupos de En Marea, PSdeG e BNG, con protesta incluída por parte do portavoz dos socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga, ao presidente da Cámara, Miguel Santalices.

O PPdeG defendeu como "razoable" a solicitude do Executivo, avalada ademais polos servizos xurídicos do Pazo do Hórreo, como previamente lembrou Santalices. Aludiu, así mesmo, aos prexuízos que suporía atrasar "dous meses" ou "mes e medio" este trámite se se seguise o procedemento ordinario ou o de urxencia, como propuxo o PSOE.

Tras a votación e aprobación da lectura única grazas ao apoio dos populares, o primeiro en tomar a palabra foi o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, quen defendeu como "responsable" esta actuación que incorpora novos recursos ás contas do país.

Ademais, adiantou a previsión de realizar unha "forte revisión á alza da previsión" de crecemento da economía galega, fixada no 2,4% para este exercicio. "Achegarémonos ao 3% de crecemento e consecuentemente haberá unha mellora dos parámetros de emprego", anunciou.

CRÍTICAS Á LECTURA ÚNICA

O primeiro debate centrouse nas críticas á utilización do procedemento de lectura única, para Manuel Lago (En Marea) unha "deturpación" do necesario proceso de debate e un "ordena e mando" do Partido Popular.

Leiceaga, facendo referencia a ditames de varios expertos, reprochou que esta fórmula "impide as achegas dos grupos" e converte a actividade parlamentaria en "un xogo de todo ou nada".

Mentres, a nacionalista Noa Presas incidiu en que "non hai urxencia excepcional xustificada", a pesar de que "sexa regulamentario, co regulamento na man". "Non queren escoitar a ninguén", recriminou aos populares, a quen acusou de "prepotencia".

Pola súa banda, o portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, cualificou de "plausible" a petición da Xunta de tramitar este proxecto de lei por esta vía e, ademais, reivindicou que si "hai debate", "aínda que só sexa dun día".

TRES OBXECTIVOS

A continuación produciuse o debate en si mesmo do proxecto, que se votará tras abordarse a lei de identidade de xénero, tamén na mañá deste martes, e saldarase coa previsible luz verde do grupo maioritario.

Ao principio interveu o titular de Facenda, Valeriano Martínez e o dirixente lembrou (como xa avanzou o presidente da Xunta o pasado 29 de xuño) que o Goberno persegue tres obxectivos fundamentais con estes case 230 millóns adicionais.

En primeiro lugar, "consolidar" o crecemento da economía galega "para seguir crecendo con forza e que iso se traduza en máis e mellor emprego"; en segundo posto, reforzar o gasto social para que os cidadáns vexan "maximizado o seu benestar"; e en terceiro termo, que os empregados públicos poidan ver incrementado un 1% os seus salarios con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.

Martínez defendeu aprobar esta lei "coa máxima axilidade posible" e "con responsabilidade", tendo en conta que está "confirmada" a posibilidade de recibir estes novos fondos. Antes, subliñou, "non se incluíron por non ter esa certidumbre", xa que a Xunta aprobou as súas contas meses antes que o Executivo central.

A continuación, o conselleiro describiu a repartición destes 230 millóns, con partidas como 102 millóns para gasto social, 53 para políticas de crecemento e 73 para gasto de persoal (a subida do 1% das nóminas dos empregados públicos). Esta última implicará que, de media, os traballadores ao servizo da a administración autonómica recibirán uns 1.430 euros máis en 2017.

DEBATE SOBRE OS RECURSOS

Xa nunha segunda quenda, Lago indicou que En Marea cre que o orzamento galego debería volvers a debaterse "de cero" e rexeitou tamén, en consecuencia, a presente modificación, cun proxecto que pediu devolver.

Previamente, preguntou a Martínez "como pode presumir" da situación de Galicia cos niveis de paro e risco de exclusión social existentes. "Como pode explicar que sexa a comunidade coa peor evolución laboral das 17?", interrogoulle.

Neste sentido, indicou que "é certo" que crece o produto interior bruto (PIB), pero opinou que o fai "a pesar das políticas económicas do PP", que vinculou, ben ao contrario, co feito de que a crise "durase tanto". "A economía galega sae da recesión, pero a cidadanía segue en crise", resolveu.

Xoaquín Fernández Leiceaga cualificou de "pura propaganda" as actuacións previstas para impulso económico, e falou de "reforzo insuficiente" en varias partidas sociais. Por iso, o socialista trasladou a proposta do seu grupo de incrementar o destinado á Risga (renda de integración social de Galicia) e á dependencia, entre outros ámbitos.

Así, no campo referido á reordenación do mapa de autobuses, cunha crise "que ameaza con enquistarse", viu rechamante que non haxa "nin un euro adicional" dirixido a este problema, e sinalou que o PSOE propón para iso seis millóns.

Presas expuxo, por parte do Bloque, un "plan de reversión de peches de centros públicos" e outro "específico" para a educación no rural e na montaña.

Xunto a estas presentou outras medidas alternativas como o incremento de fondos para a loita contra incendios. Ao seu xuízo, o "remendo" que supón este cambio orzamentario "resta eficacia" ao gasto público.

Ao lado dos populares, Puy fixo alusión ao "desbloqueo da situación política" e á recente aprobación das contas estatais como unha das causas deste debate —a política—.

Outro motivo, segundo afirmou, é xurídico (relacionado coa capacidade de gasto); e unha razón máis é a económica, ao seu xuízo a "fundamental". "Que a economía vai ben e hai máis recursos para poder facer cousas", resaltou, antes de reivindicar a maneira en que orzamenta o Goberno de Núñez Feijóo.

Temas: EMPREGO PIB
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta