Deica logo a unha icona

O capitán Álex Bergantiños amplía contrato un ano máis co Deportivo e marcha cedido por unha campaña ao Sporting de Xixón. “Vai estar no Dépor máis anos ca min”, asegurou Tino Fernández na despedida. "Agora mesmo son máis útil saíndo", apuntou o capitán.

Por gcdeportes | A Coruña | 12/07/2017 | Actualizada ás 08:48

Comparte esta noticia

“Vaise un deportivista, unha persoa de referencia para todos, para os maiores coma min e para os nenos que xogan na canteira, porque encarna uns valores que a todos nos gustan”, foi a despedida do presidente Tino Fernández ao capitán Álex Bergantiños, que amplía contrato co Deportivo ata xuño do 2019 e marcha cedido por unha campaña ao Sporting de Xixón, un dos candidatos ao ascenso en Segunda División.

Álex Bergantiños bica o escudo para festexar o gol da vitoria ante o Barça.
Álex Bergantiños bica o escudo para festexar o gol da vitoria ante o Barça. | Fonte: lfp.es

“Creo que agora mesmo son máis útil saíndo. Hai una gran plantel, o equipo está medrando, na miña posición hai catro xogadores espectaculares. É mellor dar un paso ao lado e tentar gozar do fútbol”, dixo Álex Bergantiños, consciente, tras falar con Pepe Mel, dos escasos minutos de que disporía este ano, con varios xogadores de calidade na súa posición (Guilherme, Pedro Mosquera, Celso Borges) e a chegada de Fede Valverde. “Para mín non é un momento agradable porque sempre queres estar no equipo que cho deu todo”, recoñeceu o da Sagrada Familia. "Tampouco quero molestar. Hai que ser conscientes da situación de cada un en cada momento. Ninguén me empuxou a saír".

Tanto xogador como presidente ven na marcha de Álex, con 32 anos, un “ata logo” ao seu club de sempre. “Podo asegurar que vai estar no Dépor máis anos ca min. Volverá ao Deportivo, a seguir con nós no campo e en moitas outras facetas”, asegurou Tino Fernández.

Coa marcha de Álex Bergantiños, o Dépor perde a todo un referente no campo e no banco das seis últimas campañas, e un dos capitáns do ano pasado, outro máis, trala marcha de Laure e Poroto Lux. Só queda Pedro Mosquera.

“Quero gozar do fútbol ata que o corpo aguante. Seguir poñendo a proba a miña calidade como xogador”, dixo Álex Bergantiños, que ve na súa decisión a mellor a curto prazo, e que escolleu Xixón polo proxecto do club, pola insistencia do adestrador Paco Herrera e pola cercanía da cidade á Coruña, o mellor para a súa familia e á súa filla pequena, unha deportivista máis. “Vou con toda a ilusión do mundo a competir en Segunda. Alí danme a oportunidade de ser alguen importante”, explica o coruñés. “Veremos o futuro o que nos depara”, sentencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta