Temas: NATALIDADE

A Xunta quere impulsar e democratizar o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

Aproba facelo máis participativo incorporando representantes do Consello Económico e Social e a representantes dos grupos parlamentarios.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/07/2017 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

A Xunta quere democratizar o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica co obxectivo de convertelo nun instrumento “máis participativo e plural”. Por iso, decidiu modificar o decreto da súa composición para  para que pasen a formar parte deste órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía tanto o Consello Económicoe Social de Galicia, coma os  grupos políticos que forman parte do Parlamento galego.

Viñeta de Hermanager sobre a natalidade
Viñeta de Hermanager sobre a natalidade

Ademais destas incorporacións, refórzase a maioría exixida para a toma de acordos, que pasa de ser “a maioría dos membros presentes” á “maioría de 3/5 dos membros”. Por outra banda, incorporan dúas modificacións máis referidas a Vicepresidencia do Observatorio e a Secretaría. Para o primeiro, substitúese a persoa titular da dirección xeral competente en materia de dinamización demográfica, por unha persoa que, formando parte do observatorio, pertenza ao mundo académico ou ás distintas forzas sociais e económicas na procura de dotar estes ámbitos de maior visibilidade. 

Para o caso da Secretaría, o Decreto 104/2016 establecía que lle correspondía a unha persoa funcionaria adscrita á dirección xeral competente en materia de dinamización demográfica e, na modificación proposta, pasa a ser desempeñada de forma rotatoria e cunha periodicidade semestral por unha persoa funcionaria pertencente ao Consello Económico e Social de Galicia e por outra persoa funcionaria pertencente á Consellería de Política Social. 

A derradeira modificación ten que ver coa sede, que se traslada ao Consello Económico e Social de Galicia, como un símbolo da vocación de pluralidade e consenso con que nace este órgano.

Impulsar a natalidade en Galicia

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica nace co propósito de asesorar ás administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia na incorporación da perspectiva demográfica, ao tempo que serve de canle de divulgación da información de interese desde o punto de vista demográfico na consideración de que a situación de cambio demográfico e a xestión dos desafíos que derivan dela é un dos grandes retos a que se enfronta na actualidade o conxunto da sociedade galega. 

Adri, un neno de Ferrol
Adri, un neno de Ferrol | Fonte: FB

O Observatorio adscríbese á Consellería de Política Social e contará cun presidente/a, cun vicepresidente/a, cun secretario/a e vogais en representación das administracións públicas, entes, entidades e axentes sociais. As súas funcións serán as de recompilar, analizar e intercambiar información relevante desde o punto de vista demográfico ou definir e aplicar indicadores que permitan medir as variables demográficas, con especial atención ao fenómeno da exclusión territorial ou á singularidade e especificidade dos impactos do cambio demográfico en Galicia.

Segundo a Xunta, a creación do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica non comportará custo económico ningún, toda vez que os membros do Observatorio exercerán as funcións inherentes á dita condición de maneira gratuíta. “Constitúe unha peza máis das distintas actuacións que a Xunta de Galicia está a desenvolver en materia de dinamización demográfica”, apuntou Feijóo.  

Temas: NATALIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 OQfaltaba

Fillos han telos eles, carafio