(AM) Sánchez e Villares, xuntos no acto de En Marea, rebaixan a transcendencia de celebrar por separado o 25 de xullo

Podemos reivindica o Día da Matria e EU ensalza a memoria "para ter futuro" na homenaxe en Mugardos ao alcalde Juan Prieto

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2017 | Actualizada ás 20:33 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A unidade popular non depende de como se celebre unha festa. É a idea na que coincidiron o portavoz de En Marea, Luís Villares, e Antón Sánchez, o seu viceportavoz na Cámara e dirixente de Anova, que buscaron este 25 de xullo rebaixar a "transcendencia" de que as distintas formacións ligadas ao partido instrumental decidisen celebrar o Día da Patria con actos propios por separado.

Antón Sánchez e Luís Villares no acto de En Marea
Antón Sánchez e Luís Villares no acto de En Marea | Fonte: Europa Press

Aínda que as declaracións aos medios as fixeron nos seus respectivos actos, Sánchez e outros dirixentes de Anova, como o deputado no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello, desprazáronse ao parque compostelán de Vistalegre para participar, aínda que brevemente, no acto de En Marea.

Todo iso, cando está a piques de cumprirse un ano da asemblea fundacional de En Marea, en Vigo, e despois dun recente plenario no que se evidenciou a división existente no seo do partido instrumental. Unha impresión revalidada coa decisión das distintas forzas de celebrar o Día da Patria con actos diferenciados.

Fronte a esa interpretación, antes de regresar a Galeras, unha localización próxima na capital galega onde Anova celebraba a súa propia romaría popular, Antón Sánchez saudou a Villares, quen, posteriormente, proclamou que, con independencia de como se faga, celebrar o Día Nacional de Galicia é sempre "motivo de alegría".

"Nós sempre dixemos que a diversidade sumaba; o feito de que cada un festexe a patria de formas que son moi similares, para nós é motivo de alegría. O grave sería que non se celebrase o Día Nacional de Galicia", sentenciou o portavoz de En Marea.

"Unha vez que estamos próximos, imos de campo a campo, botaremos un pé no campo de abaixo e os de abaixo botarán un pé no campo de arriba", chanceou Villares.

"A UNIDADE POPULAR CONSTRÚESE TODOS OS DÍAS"

Pola súa banda, Antón Sánchez, en declaracións aos medios xa en Galeras, proclamou a "unidade popular non é facer un día de festa", senón que "se constrúe todos os días".

"E Anova vén demostrando nos últimos tempos que, día a día, tamén construímos a unidade popular con xenerosidade porque, se nós estamos aquí, é evidentemente para que a loita teña sentido. E ten sentido se xuntamos ás persoas con intereses comúns", recalcou, antes de apelar a non darlle "outra transcendencia política".

O "PRIMEIRO EXEMPLO" DAS MAREAS LOCAIS

Baixo a lema 'A Galicia que queremos', o acto lúdico-festivo de En Marea tamén tivo unha forte carga política, con intervencións de representantes de colectivos sociais, sanitarios, animalistas e ambientais, nunha rolda que pechou Luís Villares.

Villares empezou a súa intervención rexeitando "o acto covarde de violencia machista" da pasada xornada en Santiago, onde unha moza foi acoitelada presuntamente polo seu exmozo, e proseguiu reivindicando un espazo político que sexa "Fénix e voe das cinzas que deixaron outros".

Fixo un percorrido pola "estafa xerada pola crise, desde os recortes en servizos sociais, ata o empeoramento da sanidade, da educación e dos servizos sociais". Todo iso nun clima de corrupción "xeneralizada" que deu lugar a unha Galicia "minguada, resignada e sen dereitos".

Fronte á "resignación", lembrou que brotou "un movemento de rebelión cidadá, unha nación alegre e solidaria, combativa e defensora do ben común", un proxecto cidadanista que "tivo e terá nas mareas municipais o primeiro exemplo de traballo de unidade popular, o primeiro exemplo de empoderamiento cidadán onde ninguén está por encima da cidadanía".

En declaracións aos medios, aludiu á 'árbore dos desexos' integrada no seu acto deste martes como un símbolo do cambio de fase dunha En Marea "de impugnación" ao reto de deseñar "unha alternativa de esperanza" con tres craves: ruptura democrática con "participación plena da cidadanía", "reconfiguración do carácter plurinacional do Estado" e unha "blindaxe clara dos dereitos sociais", como a renda social básica ou unha vivenda digna.

ANOVA, CO FOCO TAMÉN NAS MAREAS LOCAIS

'República e ruptura' foi, pola súa banda, a lema escollido por Anova para a súa festa do Día de Galicia nun acto no que Antón Sánchez reafirmou o compromiso da formación coa unidade popular e chamou a abrir un "novo ciclo de rebeldía" e "deixar de pensar nas miserias orgánicas".

Na súa intervención, Sánchez reivindicou que Anova "fixo o camiño" da "unidade popular" e non vai abandonalo porque é "o fío que cose república e ruptura". Ao tempo, apostou por "renovar o compromiso" coas mareas locais, como instrumento que mellor plasma o espírito da confluencia.

Coas próximas eleccións locais a dous anos, o tamén viceportavoz de En Marea no Parlamento apelou a coordinarse para "dar a batalla" e preparar a "primavera municipalista" de 2019. Todo iso, co obxectivo último de acabar cun réxime "podrecido" no que transcenden "día a día" os casos de corrupción.

Tamén o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, en declaracións a Europa Press, incidiu na idea de "fortalecer Anova para fortalecer a unidade popular, sobre todo coas mareas municipais e coa cidadanía". E é que esta, defendeu, quere "unidade popular" e "non regueifas por movementos de marcos entre leiras de partidos".

'DÍA DA MATRIA'

Ademais dun acto privado na Estrada (Pontevedra), Podemos Galicia difundiu este martes un manifesto no que ratifica que decidiu conmemorar este 25 de xullo como "Día da Matria Galega". A formación morada aspira a "recuperar a memoria daquelas mulleres invisibilizadas na historia que tamén contribuíron á construción de Galicia como nación histórica".

O partido explicou, como mostra dunha "débeda coas mulleres", a súa referencia ao 25 de Julio como "Día da Matria Galega": "Desde Podemos Galicia queremos con este día homenaxear cada ano a cada unha delas". Tamén reivindicou a plurinacionalidade.

Por outra banda, Podemos Galicia interpretou como unha "provocación" e un "acto de soberbia de Feijóo" que o PP dedicase este 25 xullo á figura de Manuel Fraga --en alusión á ofrenda floral que realizaron os populares recentemente ante o seu busto en Vilalba--, xa que, aseveraron, "as súas mans están manchadas de sangue por asinar sentenzas de morte".

Desde a formación sinalaron ao que fora presidente da Xunta "como un dos culpables do problema territorial" e afirmaron que "sempre o perseguirá o seu pasado franquista".

REIVINDICACIÓN DA "MEMORIA"

Á súa vez, a coordinadora nacional de Esquerda Unida (EU), Eva Solla, sinalou que "é necesaria a memoria para ter futuro como pobo" e avogou por "coñecer e reivindicar" esta "para loitar por un futuro republicano", durante a homenaxe que a organización realizou este 25 de xullo ao alcalde republicano Juan Prieto.

En Mugardos (A Coruña), a alcaldesa, Pilar Díaz, agradeceu a celebración deste acto dedicado a Prieto, que foi nomeado rexedor o 14 de marzo de 1936 e fusilado o 24 de xullo dese ano no levantamento militar.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta