Feijóo lembra ás empresas que a planificación do transporte público "compete á Administración"

Avoga por "utilizar os millóns de euros que a Xunta paga" ás compañías "en beneficio dos cidadáns que usan ese sistema"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2017 | Actualizada ás 16:04 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou como "lóxicas" as discordancias entre o Eejecutivo autonómico e as compañías de transporte á hora de negociar o novo Plan de Transporte para Galicia, pero insistiu en que "non ten sentido que as empresas planifiquen o transporte público" porque é unha competencia da Administración pública".

Así o sinalou este mércores, a preguntas dos medios en Ourense, onde acudiu para inaugurar a nova estación depuradora da cidade, tras ser preguntado pola adxudicación da metade dos contratos do plan de transporte de Galicia por parte de Infraestruturas que está prevista para esta xornada.

As federacións Anetra, Fegabús e Transgacar auguraron, a través dun comunicado, o fracaso deste proxecto pola "baixa" concorrencia de ofertas aos 41 contratos zonais da primeira fase do plan.

Ademais, xustificaron o escaso interese do sector en que as concesións "serán economicamente moi deficientes" e suporán "unha enorme carga de inestabilidade no sector".

Pola súa banda, Núñez Feijóo considerou que a "discordancia de criterios" entre as empresas e a administración pública "é lóxica" porque "as empresas teñen como obxectivo a súa conta de explotacións e a Administración pública ten como obxectivo ofrecer un servizo" aos cidadáns.

RESPOSTAS Ás NECESIDADES

Nesa liña insistiu en que "non ten sentido que as empresas planifiquen o transporte público, que compete á Administración pública". Para o presidente galego o "importante" é que o novo Plan de transporte para Galicia de resposta a tres necesidades fundamentais.

Deste xeito, reivindicou que todos os galegos "aínda que vivan nos lugares máis difíciles e inaccesibles" teñan acceso a transporte público.

Tamén apostou por que as pequenas e medianas empresas "queden dentro das posibilidades de repartición" dese transporte público. Trátase dunha das principais demandas do sector, que mostraba a súa preocupación pola necesidade de contar cunha frota mínima para poder acceder aos contratos.

Ademais, Feijóo avogou por "utilizar os millóns de euros que a Xunta paga ás empresas de transporte en beneficio dos cidadáns que usan ese sistema".

"OPTIMISTA"

O xefe do Executivo galego detívose especialmente en detallar a aposta do seu Goberno por un sistema que permite viaxar nos mesmos autocares aos nenos do transporte escolar, baixo a tutela dun coidador, co resto de usuarios.

De feito, xustificou que "non ten moito sentido que un pai leve ao seu fillo a unha parada de bus. O neno poida ir nese autobús e o pai non poida utilizalo, cando non hai outro".

O presidente da Xunta incidiu en que o transporte conxunto entre escolares e o resto dos usuarios é o sistema que están a implementar a maioría das comunidades autónomas e que xa funciona en Castela e León "tal e como acreditou o seu conselleiro de Transportes".

Respecto ao futuro do plan de transporte, Feijoó mostrouse "optimista" e confirmou que o seu executivo "seguirá traballando" coa premisa de que "non se pode obrigar ás empresas a ter perdas pola prestación dun servizo".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta