A medicalización da vida

Moitos autores teñen alertado, nos últimos anos, sobre a crecente medicalización da nosa vida (Ivan Illich) e os excesos da prevención (Skrabanek).

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 12/09/2010

Comparte esta noticia

Semella que, no mundo occidental, o progreso da medicina levou a un punto en que se pode abolir a dor, erradicar a enfermidade e prolongar indefinidamente a vida mediante a utilización dos servizos sanitarios e o consumo de fármacos. Chegouse á crenza de que é posible acadar o benestar perfecto e mesmo burlar a morte.

E non é así. A vida humana ten límites e a práctica da medicina tamén os ten. Os sanitarios somos unha profesión de axuda, e o noso obxectivo é apoiar a xente para vivir máis e mellor, máis estamos moi lonxe de acadar a omnipotencia. Pero a actividade sanitaria ten tamén unha enorme importancia económica e percíbense cada vez máis as presións da industria farmacéutica e de grupos profesionais para "hipertrofiar" as intervencións sobre a saúde das persoas e dos colectivos humanos. A persecución da seguridade en relación coa saúde e a baixa tolerencia ao malestar fai que moitas persoas teñan hoxe en día unha boa "saúde hipocondríaca": uns parámetros biolóxicos perfectos acompañados da angustia permanente polo medo a enfermar.

As estratexias usadas polos lobbies para xerar alarmas en relación coa saúde son moi diversas. Unha das máis usadas é a esaxeración dos riscos. O mal das vacas tolas e a gripe aviar xeraron situacións de pánico global hai poucos anos. O paso do tempo veu amosar que os riscos para a saúde humana eran, por fortuna, ben inferiores ao que se vaticinaba.

É ben recente o caso da gripe A, que provocou pánico colectivo despois da súa aparición en México en marzo de 2009. A OMS puxo en alerta a tódolos gobernos do mundo ante a pandemia que se aveciñaba. Cando o virus comezou a circular polo cono sur deseguida se soubo que se trataba dun virus máis benigno que o da gripe estacional. A pesar diso non se modificou o estado de alerta mundial, producíronse situacións de pánico colectivo, realizáronse actuacións sanitarias innecesarias e custosas e os gobernos gastaron parte dos seus orzamentos na adquisición de antivirais e vacinas que agora deben ser destruídas. Os laboratorios fabricantes acadaron enormes ingresos. Hoxe sabemos que algúns asesores da OMS, que alimentaron o pánico, tiñan evidentes conflitos de intereses pois recibían tamén remuneración desas empresas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.