Os meciñeiros de Cunqueiro

O menciñeiro (ou curandeiro) vén ser o equivalente da figura antigua do chamán: un personaxe recoñecido pola comunidade como posuidor de poderes para axudar os demáis.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 20/09/2010

Comparte esta noticia

Esta figura está a desaparecer da nosa xeografía, desprazada pola medicina moderna e por prácticas paramédicas importadas doutras culturas e que nada teñen que ver coas nosas raíces. Pero a mediados do século pasado, o recurso á axuda do curandeiro era habitual cando a doenza entraba nunha casa, afectando a un membro da familia ou a un animal doméstico.

Moitos dos menciñeiros que Cunqueiro retrata coñeceunos na farmacia de Mondoñedo rexentada polo seu pai, don Joaquín, quen lle ensinou tamén o amor pola natureza, o coñecemento das plantas e o manexo das substancias utilizadas na botica. El mesmo di na cabeceira do libro: "xente é esta da que eu falo que coñecín, e algunha de moi perto". O humor de Cunqueiro impregna cada unha das páxinas deste fermoso libro. Cando describe a Pardo das Pontes, por exemplo, di: "Era moi lido, e por darlle solemnidade ás súas receitas, acostumaba meter entre o nome da menciña e a dosis un ´verbigracia`. De propina admitía unha tortilla de chourizo ou de xamón, e un vaso de viño. Iba a Romariz visitar dez enfermos, poño por caso, e dez eran as tortillas que papaba".
Os menciñeiros de Cunqueiro préstanlle moita atención aos seus doentes. Perrón da Braña "estaba unha hora cumprida cabo do doente, fumando, falando de cousas de ir e vir, do tempo que corría e máis de xente allea". Lamas Vello "tiña, como todos os curadores que eu coñecín, unha postura de amigable escoitar, de garimoso confesor". Borrallo de Lagoa "levaba a Listeiro -un doente-, tódalas tardes a pasear; paseos de dúas ou tres leguas, e como quizaves se faría de noite na volta, quedaban a durmir nunha pousada ou nun palleiro". Velaquí unha forma de entender e coñecer o que lle pasa a unha persoa enferma: pasear e falar.

Algo debemos aprender os actuais sanadores agora que a figura do menciñeiro está a piques de desaparecer. Debemos asumir que a persoa enferma é algo máis que unha maquinaria coas pezas desaxustadas, que precisa de nós unha actitude de escoita respectuosa e empática. Cómpre, en fin, recuperar o uso da palabra como instrumento de gran valor terapéutico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.