A Xunta reabre parte da ría de Pontevedra 20 anos despois do seu peche

Mar di que conseguiron melloras nas partes internas das rías de Cedeira e Betanzos, así como no polígono de bateas de Vilagarcía A

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2017 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar reabrirá ao marisqueo 19 anos despois a parte interna da ría de Pontevedra ao constatar unha mellora na clasificación microbiolóxica das augas da zona. 

Marisqueo
Marisqueo | Fonte: Europa Press

A parte comprendida entre Punta Praceres e o peirao de Lourido leva catalogada como zona C --pechada ao marisqueo-- desde 1998 e desde este venres o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) decidiu que pase a ser zona B --o produto pode comercializarse tras pasar por unha instalación depuradora--.

A ría de Pontevedra é unha das máis contaminadas de Galicia tanto microbiolóxica coma químicamente (pesticidas e materiais pesados). A causa deste problema, segundo teñen denunciado ecoloxistas e investigadores, ten que ver coas industrias –Ence, principalmente-- e núcleos de poboación existentes na zona, que botan os resíduos á ría. Tamén a actividade marítima derivada do porto de Marín. E iso, a pesar de que esta zona albergaba en 2001 o 10% do total dos viveiros flotantes de Galicia.

A investigadora Rosa Anllo, do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC, publicaba en setembro de 2001 unha tese na que recollía os niveis de compostos de estaño en mostras de auga e sedimentos ao longo de toda a rúa. O seu estudo determinou que a parte interna da ría era a que presentaba as concentracións máis altas de organoestánnicos, especialmente nos arredores do illote de Tambo, e tamén nas inmediacións do porto de Marín.

Imaxe da papeira de Ence na Ría de Pontevedra
Imaxe da papeira de Ence na Ría de Pontevedra | Fonte: ndignatepontevedra.wordpress.com

Pero, agora a Xunta di que o marisco extraído desta zona é apto para o seu consumo en fresco, "con todas as garantías de calidade e salubridade", segundo informa o Goberno galego, sempre que se someta a proceso de depuración.

As zonas de produción de moluscos bivalvos clasifícanse como A, B ou C. No caso de zona A, os produtos poden acceder directamente ao mercado. En B, é necesario a depuración. E en zona C, só poden ir ao mercado no caso de que vaian para conserva ou tras unha reinstalación para un proceso de depuración natural.

OUTRAS MELLORAS

Ademais, a Xunta informa de que conseguiron melloras na situación microbiolóxica nas partes internas das rías de Cedeira e Betanzos, así como no polígono de bateas de Vilagarcía A.

No caso da ría de Cedeira, trátase da zona entre Punta Sarridal e Punta Xián, que pasa a ser zona B, pois era C entre xuño e setembro.

Respecto da ría de Betanzos, mellora o espazo entre Punta Ostreira e o apeadeiro de Paderne --pasa tamén de zona C a B--. No polígono de Vilagarcía, o cambio é de zona B a A.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta