Cando chega a doenza

O médico trata con persoas que sofren, que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade. Por iso o aspecto humano e relacional adquire unha especial relevancia.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 27/09/2010

Comparte esta noticia

 O médico debe actuar en todo momento con respecto e cordialidade. A empatía é unha forma de coñecemento, de aproximación ao outro, na que tentamos "poñernos no seu lugar". Temos que saber que a doenza non está separada da persoa e que todas as enfermidades teñen compoñentes mentais e físicos. A relación entre médico e paciente é o centro da curación: o médico é o primeiro e principal placebo. Xa dicía Balint que "o que non saiba administrarse como fármaco que se adique a outra cousa".

Rita Charon (Columbia University) fala da necesidade de desenvolver a "competencia narrativa" dos profesionais sanitarios, que lles permita penetrar no mundo do sufrimento dos seus pacientes, ofrecer apoio e acompañar na experiencia da enfermidade. Só aqueles médicos que teñen desenvolvido a súa competencia narrativa saberán "recoñecer os desexos e motivacións dos pacientes, deixarán contar a historia das súas doenzas ata a fin, e poderán ofrecerse a si mesmos como instrumentos de curación". Como consecuencia chegarán tamén a entender mellor o sentido das súas propias vidas.
O médico Albert Jovell tamén é, desde 2001, un enfermo de cancro. Esta experiencia cambiou a súa vida. Casado, pai de dous nenos, nun artigo falaba do medo. O medo é un síntoma moi frecuente. Non só o padecen os enfermos senón tamén os seus familiares. Pode manifestarse de diferentes maneiras: medo a empeorar, medo á dor e medo á morte. Existe, aínda que o enfermo tente controlalo: "Cando un esquece, os demais recordan: a ollada do outro convértese no espello no que te miras. É a ollada do medo".

Resulta estremecedor o seu testemuño. Por iso compartimos a proposta de reclamar unha "medicina baseada na afectividade", entendendo que tan importante como curar é coidar e confortar. A compaixón e o acompañamento deben formar parte da boa práctica médica. Porque, como el mesmo nos lembra, tarde ou cedo todos padecemos "ese medo que, como gas indoloro, invade todo o corpo e, nese instante, un fica perplexo ata que desaparecen no recordo os tempos en que padecía a soberbia do san".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.