Piñeiros e eucaliptos, as árbores con máis incendios e superficie queimada en Galicia

Os resultados dun estudo do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA sobre lumes forestais cuestionan a campaña do 'lobby' galego da madeira difundida en xornais como Faro de Vigo e La Voz de Galicia a prol do eucalipto. Os datos mostran que esta especie ten unha alta taxa tanto no número de incendios como na superficie arborada queimada no país, só por detrás do piñeiro bravo. Piñeirais e eucaliptais suman o 81 por cento dos incendios e o 88 da superficie arrasada en áreas arboradas. GC presenta os datos completos que non aportou o sector forestal galego na súa campaña nos medios tradicionais.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 24/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Os rexistros históricos cuestionan a nesgada campaña publicitaria que lanzou o lobby da madeira en Galicia en medios tradicionais a prol do eucalipto e a súa relación cos incendios: esta árbore, xunto co piñeiro, é a especie máis involucrada nos lumes forestais que afectan áreas arboradas en Galicia, sendo as que acumulan máis casos de lumes e maior superficie arborada queimada en case catro décadas no país. Asi queda constatado nun estudo recente do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA (Ministerio de Economía, Industria y Competitividad) no que se contabilizou o número de incendios en todo o territorio español entre 1974 e 2010, distribuídos nun mapa de cuadrículas de 10x10 quilómetros. Nesa distribución de todos os lumes, por especies arbóreas afectadas, o eucalipto é a segunda con máis casos e a cuarta por superficie queimada no conxunto do Estado, pero en Galicia é a segunda por número de incendios e hectáreas calcinadas, só por detrás do piñeiro bravo. É dicir, o eucalipto arde máis e mellor en Galicia.

Lume preto das casas en Soutomaior
Lume preto das casas en Soutomaior | Fonte: Info y Emergencias ‏@Cieminfo.

Antonio Vázquez de la Cueva, científico do Centro de Investigación Forestal, é o autor dun amplo informe titulado “Incendios forestales en la España peninsular (1974-2010). Análisis temporal y espacial desde una perspectiva ecológica”. Neste queda constatado que das 1,6 millóns de hectáreas calcinadas en Galicia en 37 anos, 644.769 pertencen a superficie forestal arborada, isto é, nada menos que a cuarta parte do arborado que ardeu en todo o Estado español.

Vázquez de la Cueva analizou os datos de casos de incendios forestais e superficie queimada para nove tipos de arborado: as cinco especies de piñeiros máis representativas —Pinus pinaster (o máis común en Galicia), Pinus halepensi, Pinus sylvestris, Pinus pinea e Pinus nigra—; as restantes especies de coníferas, agrupadas nunha clase separada; as especies do xénero Quercus, agrupadas nunha mesma clase na que se incluíron Quercus ilex, Q. suber, Q. faginea, Q. pyrenaica, Q. robur (carballo) e Q. petraea, entre outras; as distintas especies do xénero Eucalyptus, que se aguparon tamén nunha mesma clase na que as especies máis significativas son E. globulus (a máis estendida en Galicia) e E. camaldulensis; e as restantes frondosas, de xéneros distintos ao Quercus e o Eucalyptus, agrupadas igualmente nunha mesma clase denominada 'Outras frondosas'.

Cada ano se rexistraron de media uns mil incendios en eucaliptais en Galicia, onde ardeu o 20,5% da superficie total desta especie calcinada en España.

Os datos para Galicia son contundentes e non deixan lugar a dúbidas sobre o importante impacto dos incendios forestais relacionados cos eucaliptais: en catro décadas se rexistraron 37.326 casos con eucaliptos afectados polo lume (unha media duns mil incendios por ano), cifra que representa o 30% do total de lumes en zonas arboradas en Galicia; ademais, 132.168 hectáreas de eucalipto foron pasto do lume, o 20,5% do total de arborado calcinado no país.

Espectacular incendio forestal en Avión dende un helicóptero das brigadas que loitan contra o lume
Espectacular incendio forestal en Avión dende un helicóptero das brigadas que loitan contra o lume | Fonte: briflaza

Só o piñeiro bravo supera as cifras do eucalipto: 62.873 casos (50% do total) e 381.182 hectáreas queimadas (59%). Porén, os casos de incendios para a familia Quercus, á que pertence o icónico carballo autóctono de Galicia, son 11.620 (9% do total no país) e as hectáreas queimadas, 18.012 (tan só o 2,80% da superficie arbórea total afectada polos lumes en Galicia).

Todos os tipos de piñeiros e de eucaliptos afectados por lumes suman, en conxunto, nada menos que o 88 por cento do total da superficie arborada queimada en Galicia e o 81 por cento dos casos (é necesario salientar que no caso do Pinus halepensis, especie practicamente inexistente en Galicia na actualidade, dos 2.972 casos rexistrados 2.935 aconteceron no período 1981-1986).

ESPECIES DE ÁRBORES MÁIS AFECTADAS POLOS INCENDIOS EN GALICIA
Tipos de arborado  Nº Casos  % Casos  Sup. arborada queimada (ha) % Sup. arborada queimada
Pinus sylvestris 2.780 2,19% 55.853 8,66%
Pinus pinea 66 0,05% 206 0,03%
Pinus halepensis 9 0,007% 2.972 0,46%
Pinus nigra 20 0,01% 91 0,01%
Pinus pinaster 62.873 49,66% 381.182 59,11%
Xen. Eucalyptus 37.326 29,48% 132.168 20,5%
Outras coníferas  8.180 6,46% 47.958 7,43%
Xen. Quercus 11.620 9,17% 18.012 2,80%
Outras frondosas 3.731 2,94% 6.327 0,98%
TOTAL 126.605 100 644.769 100

A superficie arborada queimada en Galicia representa o 40 por cento do total do territorio afectado polos lumes e o 27 por cento do total arrasado no Estado en superficies dominadas por árbores. É dicir, case tres de cada dez incendios en España en áreas arboradas se producen en Galicia.

No que respecta ao número de incendios en Galicia, os que prenden en zonas arboradas representan o 37,5 por cento do total dos lumes no noso país e nada menos que o 54 por cento do total de casos das mesmas características en todo o Estado. É dicir, as zonas arbóreas galegas son as máis afectadas polos lumes, a moita distancia doutras autonomías

INCENDIOS EN GALICIA POR TIPO DE SUPERFICIE
Tipos de superficie afectada por incendio  Nº Casos  %  Total casos no Estado  Sup. queimada (ha) % Sup. total queimada no Estado (ha)
Superficie forestal non arborada 132.831 43,9% 990.539  25,5%
Superficie forestal arborada 126.605  54% 644.769  27%
Superficie non forestal 78.423  47,6% 8.306 2,81%


Na España peninsular, segundo o Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA, producíronse 234.511 incendios en superficie arborada e queimáronse case 2,4 millóns de hectáreas. As nove especies analizadas neste informe representan o 90 por cento do total da superficie arborada arrasada.

O tipo de árbore máis afectada por número de incendios rexistrados é o Pinus pinaster (32% de casos), seguido das especies do xénero Eucalyptus (20%). As especies do xénero Quercus rexistraron no global do Estado un 15% dos casos e as restantes especies de frondosas non chegaron ao 8%.

En canto á superficie queimada, o primeiro lugar ségueo ocupando o Pinus pinaster (31%), mentres que no segundo lugar aparece o P. halepensis (24%) debido á importancia dos grandes incendios rexistrados no leste peninsular, nos que esta foi a especie arbórea máis afectada polos lumes. A diferenza do que sucede en Galicia, o eucalipto cae ao cuarto posto no global do Estado por superficie calcinada, mentres en Galicia é o segundo tipo máis afectado, o cal parece evidenciar a sobredimensión dos eucaliptais no noso país e as nefastas consecuencias da colonización desta árbore.

En xeral, os datos poñen de manifesto que a incidencia do lume foi máis elevada nas coníferas que nas frondosas. 

ESPECIES DE ÁRBORES MÁIS AFECTADAS POLOS INCENDIOS EN ESPAÑA
Tipos de arborado  Nº Casos  % Casos  Sup. arborada queimada (ha) % Sup. arborada queimada
Pinus sylvestris 9.013 3,85% 184.254 7,75%
Pinus pinea 5.766 2,25% 67.974  2,86%
Pinus halepensis 22.109  9,42% 566.384 23,84%
Pinus nigra 4.540 1,93% 99.291  4,17%
Pinus pinaster 76.540  32,63% 737.350 31%
Xen. Eucalyptus 46.578 19,86% 255.633 10,76%
Otras coníferas  15.831 6,75% 110.694 4,65%
Xen. Quercus 35.808 15,26% 297.506  12,52%
Outras frondosas 18.326 7,81% 56.452 2,37%
TOTAL 234.511 100 2.375.539 100

Galicia rexistrou o 82% do total de incendios no Estado que afectaron o piñeiro bravo, sendo as Rías Baixas a zona máis damnificada.

PINUS PINASTER

No Estado rexistráronse 76.540 casos con Pinus pinaster afectado polo fogo, dos cales 62.873 (82,14%) se localizaron en Galicia. Isto dá unha idea clara do enorme peso que ten o piñeiro bravo no monte galego e da súa enorme incidencia nos lumes forestais no país. A superficie total queimada desta especie en Galicia elévase a 381.182 hectáreas, a máis elevada no Estado (en Estremadura, segunda autonomía con máis piñeiros bravos arrasados, é de 86.567).

O número de casos anuais no Estado nos que se viu afectado o P. pinaster foi de entre 1.500 e 2.000 con diversos anos con valores inferiores aos 500 (como nos últimos do período analizado) e un máximo de máis de 3.500 en 1981. A superficie queimada presentou unha tendencia decrecente desde as máis de 60.000 hectáreas de 1975 ás menos de 10.000 rexistradas na maior parte dos anos da última metade do período de estudo, aínda que con excepcións, como 1994, 2005 e 2006, con valores próximos ás 30.000 hectáreas queimadas. Estas cifras tan elevadas asócianse aos grandes incendios rexistrados no sur (2005) e oeste de Galicia (2006).

En canto aos patróns espaciais, é dicir, o número de casos por cuadrícula de 10x10 quilómetros, destacan en toda España especialmente zonas costeiras de Pontevedra, con valores moi elevados de máis de 575 casos por cuadrícula. Isto é, as Rías Baixas son a zona do Estado onde se produciron máis incendios que afectaron a piñieros bravos en catro décadas.

Ademais, rexistráronse valores superiores a 289 casos en numerosas cuadrículas de Pontevedra, Ourense e algunha cuadrícula illada da vertente sur do Sistema Central.

Valores moi elevados rexistráronse tamén en toda Galicia, zonas de Asturias e o norte de Cáceres (Serra de Gata e As Hurdes).

En canto á superficie queimada, destacan outras zonas montañosas entre Ourense e Pontevedra, outras do norte de Cáceres, o val do Tiétar (Ávila) e diversas áreas máis puntuais de Málaga, Granada, Cuenca ou Guadalaxara con máis de 7.000 hectáreas calcinadas e afectadas por grandes incendios.

Na maior parte destas zonas, especialmente o noroeste peninsular e o Sistema Central, rexistráronse incendios practicamente en todos os anos (en máis de 28 dos 37 analizados no estudo). 

O 80 por cento dos incendios que afectaron a eucaliptos no Estado corresponden a Galicia. Coruña e Pontevedra concentran a maior parte dos lumes.

EUCALYPTUS

No Estado rexistráronse 46.578 casos con especies de eucaliptos afectadas polo fogo, dos cales nada menos que 37.326 (80,13%) se localizaron en Galicia. Isto tamén dá unha idea clara do enorme peso que ten o eucalipto no monte galego. A superficie total queimada desta especie en Galicia elévase a 132.168 hectáreas, a máis elevada no Estado (en Andalucía, segunda autonomía con máis eucaliptos arrasados, é de 76.077).

O número de casos anuais nos que se viron afectadas especies do xénero Eucalyptus seguiu unha tendencia crecente, desde uns 500 na década dos anos 70 do pasado século, ata un máximo próximo aos 2.500 en 2005, aínda que no últimos catro anos estudados (até 2010) o número de casos situouse outra vez próximo aos 500.

A superficie queimada presentou valores próximos ou superiores ás 25.000 hectáreas en 1981, 2004 e 2006, aínda que na maior parte dos anos da segunda metade do período analizado non superou as 5.000. O número de cuadrículas afectadas seguiu unha tendencia crecente con valores superiores ás 400 a principios do século XXI.

O número de casos por cuadrícula máis elevado no Estado —máis de 473 incendios en áreas de 10x10 quilómetros— rexistrouse en zonas costeiras de Pontevedra e A Coruña, aínda que toda a vertente atlántica galega mostra valores moi altos.

As cuadrículas cunha maior superficie queimada —con máis de 5.600 hectáreas queimadas— localizáronse en Huelva e zonas na contorna das Rías Baixas.

Tanto nas Rías Baixas como noutras áreas costeiras de Galicia e Asturias se rexistraron incendios na maior parte dos anos (máis de 27 dos 37 analizados), mentres que en Huelva o número de anos con incendios foi en xeral menor. 

Galicia é a zona do Estado na que máis incendios afectan a familia Quercus; porén, non é onde máis hectáreas arden, situándose no quinto posto.

QUERCUS

11.620 casos de incendios que afectaron á familia Quercus foron rexistrados en Galicia; tamén o número máis elevado no Estado, representando o 32,45 por cento do total. Porén, e a diferenza do que sucede cos piñeiros e os eucaliptos, a superficie de Quercus arrasada no noso país non é das máis altas; de feito, cun total de 18.012 hectáreas calcinadas Galicia sitúase no quinto posto por superficie desta especie queimada, moi lonxe de Castela e León (82.131) ou Estremadura (72.391). É dicir, máis números de incendios non implica máis area arrasada cando afecta a esta familia de árbores en Galicia, onde o rei é o carballo.

O número de casos nos que se viron afectadas especies do xénero Quercus en España rexistrou unha tendencia crecente, desde valores inferiores a 500 nas décadas dos anos 70 e 80 do pasado século, a máximos de máis de 2.000 en 1999 e 2005.

A superficie queimada rexistrou tamén unha tendencia lixeiramente crecente con valores próximos ás 5.000 hectáreas, aínda que con importantes flutuacións e máximos de máis de 25.000 hectáreas en 1985 e 1994.

O número de cuadrículas de 10x10 quilómetros afectadas anualmente presenta tamén unha tendencia crecente, pasando de valores inferiores a 200 nos anos 70 do século XX, até valores superiores a 600 na segunda metade do período considerado (até 2010).

As cuadrículas cun maior número de casos (máis de 239) localizáronse en contornas das provincias de Ourense, Santander e Cáceres, mentres que nas demais provincias os valores foron moi inferiores.

A superficie queimada por cuadrícula foi inferior a 232 hectáreas na maior parte do territorio do Estadp, aínda que en diversas provincias do oeste peninsular localízanse cuadrículas con valores de superficie queimada bastante máis elevados. As rexións con cuadrículas con máis de 20 anos con incendios localízanse ao redor da Cordilleira Cantábrica, Montes de León e Sistema Central. Tamén hai zonas en Cataluña, Serra Morena e áreas entre Cádiz e Málaga, con incendios en máis de oito dos 37 anos analizados. 

Frecuencia de incendios en España por tipo de árbores
Frecuencia de incendios en España por tipo de árbores | Fonte: Antonio Vázquez de la Cueva, Monografía INIA, Serie Forestal nº 29, 2016.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 28 comentarios

14 mal

¿Quén carallo escribiu isto mal?

13 Penosa propaganda.

Parabéns. Nin unha soa referencia ós causantes (non causas, porque se trata de quen, non de que) dos lumes. Un exercicio de uso propagandístico dos datos digno dun premio Goebbles. Onde máis se queima é Ourense. Como en Verín nas 1400 hectáreas de incendio provocado deste vran (non do 74, nin do 81, nin do 2005) non queimaron os incendiarios eucaliptos, temos que levar a discusión a outro terreo. Qué pena, mimadriña.

12 Eu mesmo

Xa ENCE estivo a repartir esmolas a os cipaios que defenden ao eucalipto. Xa que tanto vos mola, ídevos para Australia e deixarnos a nos desfrutar dos montes de caducifolias. Paletos!!!

1 Aldeano da aldea

Desfrutar dos montes de caducifolias dos demais non? Sen pagar un peso por miralos ou pasear por eles como facedes non? Decidindo sobe a propiedade so demais clarom pero sen que toquen o teu piso de Catro Camiños.... Paletos dis? Somos os pobres da aldea claro, eses que vides ver o fin de samana pero que manteñen o rural todo o ano... en fin... Sabes "cidadanito" cal é a maior perda de masa de frondosas nos últimos anos? A transformación en terras agrarias. Porque verás, unha fraga desde o 12 se se corta non se poden poñer eucaliptos pero si solicitas a tala para facer un prado no 75% dos casos a conceden. Pero é mellor insultar, propio dos cidadanitos ecoloxicos, que desprezan o rural pero queren ter un xardín para o seu pisito.

2 Failde

Aldeano falar raro: "no 75% dos casos a conceden", seguro que na túa aldea dicides así? Será un exceso de estudos! O apego á propiedade privada como couto sen inxerencias externas e o desprezo polos urbanitas igual che trae problemas. Imaxina que, ante un previsible aumento da produción a custes máis baixos, os cidadáns decidan boicotear a túa madeira por non ser sustentable. " Te tragas los eucaliptos", mantiendes? Ou sexa, estás nunha aldea global e non nun couto privado onde es autosuficiente. Tanto falar de desprezar o rural, non serás ti o que non o valoras o suficiente? Ou o que sofres complexos?

11 Arturo

Respostando a Balbino Fernández. Mellor sen acritude, porque senón esto non vai a ningures. Está claro que a Administración xa fai moito que non subvenciona o eucalipto, xa que logo a Administración non é responsable para nada da proliferación dos eucaliptos. A porcentaxe de incendios causados por accidentes é moi baixa: eses incendios pola tarde, en tempo seco e con cinco focos non son precisamente accidentais. E a desfeita urbanística en Galciia nos 60 foi algo imparable pola Administración, ben por falta de interés ou por falta de medios: pero non foi algo que fora feito polas " clases dominantes", senón - tamén- por amplios sectores populares. o " pirulí" de Betanzos, os edificios de dez pisos en Sarria, o caos total de Carballo, os centos de casas unifamiliares con fachada de azulexo de cuarto de baño... todo eso non o fixeron precisamente as " clases dominantes"

10 cacatua gang gang

menudo xparvo medio millón de hectáreas de eucalipto polo país, una especie invasiva cun descontrol absoluto no territorio e o señorito ainda pide mais (pero claro si pranta mais eucalipto os preZos acabaran derrumbadonse para o productor lei de oferta e demanda, non señor non mais eucaliptos e mais ordeación do territorio que o PEPEIRO ten feito todo un lameiro de intereses corruPPteiros) VOU TRAER DE AUSTRALIA A CACATUA GANG GANG, sabes come os froitos do eucalipto e vive entre as neves si a soltamos vai ser mellor que o gonipteros escutelatus... xa veréis como os queda todo reducido a nada... A CACATUA GANG GANG E MOI RESISTENTE E ADAPTABLE... non o mito dos ecoloxistas soltando lobos polo monte e si a realidade de ecoloxistas soltando parellas de cacatúas polos eucaliptais

1 Aldeano da aldea

Con nacionalistos coma ti ía ir ben o país, voltar ao carro, as corredoiras e a lareira.... Sorte que sodes poucos e cobardes, minoría....nacionalisto... mi. no. ria.

2 M. Meixide

Gostei Aldeano da aldea, con este ramalazo propio de supremacistas --case fascista-- case me convences... Faltóuche poñer que tés estudos, alto poder adquisitivo, ingresos da madeira, participas no negocio, propiedades forestais en monocultivo, familia e honra! Adoras o progreso: que tal unha central nuclear na túa aldea? Postos de traballo, movemento, cartos... E os residuos? Será o legado para os que veñan, igual lle quitan proveito, igualiño que cos eucaliptos!