Rescatado un golfiño de máis de dous metros en Ares (A Coruña) tras varar nunha zona acantilada

O cetáceo foi recuperado grazas á colaboración dun grupo de bañistas co CEMMA

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2017 | Actualizada ás 18:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Un golfiño común adulto, de máis de dous metros de lonxitude e case 100 quilos de peso, foi recuperado e salvado nunha zona de cantiis, próxima ás praias de Miranda e Barrosa en Ares (A Coruña) tras o traballo da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA) e a colaboración dun grupo de turistas náuticos.

Delfín recuperado e salvado en Ares por CEMMA
Delfín recuperado e salvado en Ares por CEMMA | Fonte: Europa Press

O lugar no que foi localizado o golfiño é unha zona acantilada da costa de Ares, sen acceso desde terra, con cantiles de máis de 30 metros de altura. Unha familia, segundo explica a CEMMA, atopábase na zona a bordo dunha embarcación, e foron os primeiros que localizaron o golfiño varado vivo no areal de Miranda.

Ante esta situación, tiráronse á auga para socorrer ao cetáceo, e, tras comprobar o estado no que se atopaba, trataron de introducilo á auga e chamaron ao 112 para pedir instrucións.

Desde hai anos, o convenio de colaboración entre o 112 e a CEMMA permitiu a posta en contacto directamente coa coordinadora, desde a que un técnico lles deu as instrucións pertinentes, antes de dar aviso á agrupación de Protección Civil local.

A situación, engade o organismo, era complexa, ao ser o lugar inaccesible por terra e con difícil acceso por mar. A isto engadíase o tamaño do animal e a falta de dispoñibilidade de embarcación. O animal podía varar posiblemente por un descoido, que o levou a quedar atrapado coa baixamar, e sufrindo, como consecuencia, lesións epidérmicas ao rozas coas rocas.

Desde a Coordinadora da Coruña desprazouse finalmente unha unidade móbil e unha técnica veterinaria, mentres que desde Nigrán realizábanse indicacións aos bañistas e a protección civil.

Así, foise actuando progresivamente, estabilizando a temperatura do golfiño mediante a súa introdución no mar, á vez que se lle realizaban masaxes e movementos para animalo a nadar. Tras case dúas horas de asistencia, o golfiño foi reintroducido a 500 metros da costa, por detrás da illa de Miranda.

Debido ás lesións do cetáceo, púxose en marcha un dispositivo de seguimento para comprobar que non volvía á costa, algo que finalmente non sucedeu.

A Coordinadora galega quixo pór de manifesto a concienciación e sensibilización do grupo de persoas que colaboraron e contribuíron a salvar ao golfiño, baixo as instrucións de especialistas.

ELEVADO NÚMERO DE VARAMENTOS

Segundo informa a CEMMA, este verán está a ser especialmente conflitivo, xa que durante o mes de xuño chegáronse a rexistrar ata 66 casos de varamentos, fronte a unha media de 30 en anos anteriores. Isto debeuse a que as condicións mariñas son similares ás da época de primavera, polo que se incrementa a presenza de cetáceos.

A Rede de varamentos de Galicia, actualmente, está baixo a responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, desde 1999 a través dos convenios e servizos que leva a cabo a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA.

A administración cobre o financiamento relativo aos animais varados vivos da fauna mariña ameazada e nalgúns casos leva a recuperación en UCIS especializadas. A CEMMA é a única entidade ambiental autorizada para a participación nesta Rede.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta