Temas: AUGA SECA

Galicia podería activar a alerta por seca tras un ano hidrolóxico cun 40% menos de choivas

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil decidirá en setembro se decreta a alerta, o cal suporía restricións no uso da auga. Os encoros atópanse nove puntos por debaixo da media da última década. De momento mantense a prealerta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2017 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

Ríos como o Miño e o Sil con baixos caudais de auga, encoros a un 58% da súa capacidade, case nove puntos por baixo da media da última década, unha media de choivas en Galicia un 40% menor do habitual e municipios de Ourense e Pontevedra recorrendo a camións cisterna para abastecerse ante a carencia de auga. É o panorama, aínda de prealerta, que se debuxa case ao termo do mes de agosto e que podería derivar na declaración do estado de alerta por seca a partir de setembro.

Seca.
Seca. | Fonte: Europa Press

Así o expuxo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), que fixa a decisión na reunión que manterá a oficina técnica o 1 de setembro para avaliar se é necesario pasar a un estado de alerta que, entre outras cuestións, podería traducirse en restricións do uso da auga para usos que non fosen prioritarios.

Francisco Marín, presidente da CHMS, matizou, iso si, que confía en que finalmente non se estableza unha situación de alerta por seca, xa que a pesar das carencias que están a sufrir algúns municipios, os niveis aínda se manteñen "aceptables" debido, sobre todo, ás altísimas precipitacións que se rexistraron en 2016.

No caso de que se decretase a situación de alerta por seca, sostén que non tería que supor excesivos inconvintes, máis aló dos que xa se comezaron a rexistrar nalgúns municipios, con cortes puntuais ou un maior control da auga na limpeza de vías ou na rega.

"En setembro os cultivos completaron ciclo e xa case non precisan auga, polo que a situación en canto a isto non sería moi significativa, e en canto ao abastecemento, está asegurado, aínda que pode haber problemas nalgúns concellos que terán que recorrer a camións cisterna", explicou.

CAMBIO DE CAPTACIÓN DE AUGA

De feito, a trasfega de camións cisterna con auga xa se comezou a ver esta semana nalgúns municipios da provincia de Ourense e de Pontevedra, como Petín, Xinzo de Limia, Os Blancos, Vilardevós ou Barro. Unha situación que non só se deriva da escaseza de choivas. Francisco Marín alude a outras causas complementarias, como o incremento de poboación no verán e o abastecemento que numerosos municipios teñen centralizado en pequenos acuíferos, máis sensibles á falta de choivas.

No caso de que se agrave a situación, existen distintas alternativas, entre as que destaca o establecemento de novas captacións. Precisamente, a CHMS fai referencia aos Concellos da Rúa e Petín que xa solicitaron cambiar os seus puntos de captación debido ao esgotamento dos seus recursos actuais. Ademais, Ribadavia demandou unha nova captación e Vilamartín de Valdeorras adiantou que pedirá unha autorización temporal para abastecer as localidades de Arcos e Valdegodos.

PUNTOS MÁIS CRÍTICOS

Os puntos máis críticos rexístranse, segundo apunta Francisco Marín, en zonas da Limia e Ourense oriental, onde hai "concellos que non teñen ríos regulados con encoro augas arriba, como sucede con Ribadavia, na cabeceira do río Maquiáns". "Ao chover cada vez menos poden empezar a ter problemas de abastecemento aqueles que se abastecen de acuíferos, aí se non chove non hai reservas", engade Marín. "Ourense ten moitos acuíferos, pero pequenos, que non almacenan gran cantidade de auga, son moi sensibles á falta de auga e tamén ao incremento da demanda".

"Cada concello sabe a súa situación, estamos nunha zona na que aumentou a poboación estacional, aínda que algúns xa están a tomar medidas para que non se regue, porque o recurso nestes núcleos que se abastecen de mananciais é máis escaso", resalta.

Aínda que algúns municipios xa están a xestionar o cambio de captación, admite que resulta un proceso complexo e, nalgúns casos, custoso. "Nós arbitramos para reforzar a unidade que tramita as concesións para que se axilice a tramitación se algún concello quere un cambio de abastecemento puntual, aínda que cando tes unha infraestrutura xa creada de abastecemento a distintos núcleos dun concello, para crear outra fai falta proxectos, cesión de terreos, etcétera". Conclúe así que "é moi difícil para o concello buscar alternativas que non sexan as máis rápidas, que é encher con camións cisterna".

ANO CUN 40% MENOS DE CHOIVAS

Neste ano hidrolóxico, que arrinca en outubro de 2016, a precipitación acumulada media na parte galega da Demarcación Miño-Sil a día 20 de agosto de 2017 situábase en 680,8 litros por metro cadrado, un 38% por baixo da media histórica, que entre 1980 e 2012 foi de 1.095,6 litros por metro cadrado. No ano hidrolóxico anterior, a esta altura do ano, a precipitación rexistrada era de 1.346,9 litros por metro cadrado, un 23% por enriba da media histórica e arredor do dobre que a actual.

Na última semana rexistráronse 0,2 litros por metro cadrado. O groso das precipitacións do presente ano hidrolóxico producíronse principalmente en catro períodos: do 11 ao 23 de outubro (47,3 l/m2), do 1 ao 28 de novembro (123,1 l/m2), do 24 de xaneiro ao 19 de febreiro (198 l/m2) e do 8 ao 14 de maio (64 l/m2). Nestes períodos recolléronse 432,4 dos 680,8 litros por metro cadrado (64%) que rexistra actualmente este ano hidrolóxico. Mensualmente poden destacarse os meses de febreiro e maio como húmidos, e os meses de outubro, decembro, xaneiro, xullo e, especialmente, abril, como secos.

BAIXOS CAUDAIS NOS RÍOS

No relativo aos caudais circulantes a situación é similar á das semanas anteriores, con caudais baixos para esta época do ano, especialmente nos ríos Avia, Tea, Louro, Arenteiro en Carballiño, Ladra en Ínsua, Narla en Gondai, Umia en Ponteareas e Arnoia. Os ríos Sil e Miño tamén presentan caudais baixos para esta época do ano, aínda que se ven afectados polos numerosos elementos de regulación presentes na súa canle.

En Galicia-Costa destaca a situación de encoros como o Barrié de la Maza, dependente do río Tambre, nun 34% da súa capacidade, ou o de Vilagarcía, vinculado ao río Con e que se sitúa ao 20%.

ENCOROS AO 58%, NOVE PUNTOS MENOS QUE A MEDIA

De feito, a reserva hidráulica descendeu a 38 hectómetros cúbicos nos encoros de Galicia na última semana, de forma que as concas de Miño-Sil e Galicia-Costa están, respectivamente, ao 58,25% e 61% da súa capacidade, segundo datos publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

A reserva da conca Miño-Sil contén 1.765 hectómetros cúbicos, fronte aos 1.788 da semana pasada, o que supón unha diminución de 23 hectómetros cúbicos. Hai un ano, a reserva situábase en 2.221, no 73,49%.

En canto á conca de Galicia-Costa, ten 417 hectómetros cúbicos, de modo que, fronte aos 432 da semana anterior, a redución é de 15 hectómetros cúbicos, no 60,9 por cento. Hai un ano a reserva estaba en 498 hectómetros cúbicos, o 72,81%.

Temas: AUGA SECA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta