Temas: GASTRONOMíA

O Dezaseis, o éxito dun clásico que non quere medrar

A coñecida casa de xantar da rúa de San Pedro, en Compostela, é un referente da boa cociña en Galicia e incluso fóra. Agora ben, malia a súa popularidade e a diferencia doutros restaurantes da cidade, pero non ten intención de abrir delegacións tras vinte dous anos de traxectoria. Achegámonos ao Dezaseis para falar con Avelino Martínez, unha das pezas importantes na xerencia do local dentro do gran equipo co que conta este negocio, marca xa para moitos no que á restauración en Galicia se refire. O turismo, a lingua e, por suposto, a cociña son algúns dos temas desta conversa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/09/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Cantos anos hai que abristes as portas?

Avelino, xerente do Dezaseis
Avelino, xerente do Dezaseis

Hai xa 22 anos.

Mudaron moitas cousas no DEZASEIS dende a súa estrea ao día de hoxe?

Claro, é normal cando botas tanto tempo cara o público, tes que adaptarte ó tempo e á demanda da clientela, costumes, modas…

Cales considerades que son as vosas fortalezas? E as debilidades... se as hai?

Comedor do Dezaseis
Comedor do Dezaseis

Pois coma fortaleza pode ser a perseveranza no traballo diario e o mimo aos clientes, aínda que coma debilidade este mimo pode ser tamén… (risas)

A calidade de servizo vai sempre ligada ao bo ambiente do equipo de traballo?

Cremos que se a xente traballa contenta iso reflíctese na atención ó cliente, na elaboración de pratos … sempre se fan as cousas con outro mimo.

Sen ter Estrelas Michelín nin dar titulares á prensa sodes xa unha marca recoñecida e recoñecible. Como credes que se consegue iso?

Perseveranza… o traballo diario, o non deixarse levar, facer as cousas crendo nelas.

Parece que teñades a fórmula da fidelidade, un valor en perigo de extinción na actualidade. Podedes desvelala para o GC?

Fidelidade? Hai de todo pero dentro do barrio (San Pedro) e en Compostela si que temos moitos devotos jejeje. Supoño que polo espazo, o trato amigable, comida da casa, sen alardes, e pouco a pouco vanse fidelizando os turistas tamén, cada vez son máis os que repiten ano a ano pero supoño que será por estas cuestións que comentaba.

Non pensades en medrar e abrir outros "Dezaseis" en Compostela e incluso fóra de Santiago?

Déixao así! Xa hai moito xornal que pagar. (risas)

Ofrecer carta e servizo en galego ocasionouvos algún inconveniente coa xente que vén de fóra de Galicia? 

Os inconvenientes son moi puntuais, en todos estes anos puido haber 8-10 persoas que nos pediron a carta en castelán, pero son casos moi puntuais. Ademais os galegos temos algo que parece ás veces non saben... que sabemos falar tamén o castelán. (risas)

Algunha anécdota para estar orgullosos e que vos tocara a fibra nestes máis de 20 anos? 

Que nos faga sentir orgullosos, cando volven os clientes. Que fagan o posible para poder comer aquí, iso é algo moi bonito. Déronse casos incluso de cambiar datas de hoteis ou outras reservas se estamos pechados ou completos para poder pasar polo Dezaseis. Iso é tremendo! 

Que nos recomendas para comer?

Calquera prato dos que temos na carta está espectacular pero un dos que máis  recomendan os nosos clientes é o polbo á grella. 

Suso, do Dezaseis, tomando algo cunha clienta
Suso, do Dezaseis, tomando algo cunha clienta
Temas: GASTRONOMíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta