Podio histórico para Galicia

A patinadora compostelá Nadia Iglesias, campioa de España e de Europa júnior, acada con 18 anos a medalla de bronce no Mundial de Patinaxe artística nos World Roller Games da cidade chinesa de Nanjing.

Por gcdeportes | Compostela | 08/09/2017 | Actualizada ás 09:27

Comparte esta noticia

Ás medallas de ouro acadadas nos Campionatos de España e de Europa en categoría júnior, a patinadora artística galega Nadia Iglesias sumou a medalla de bronce no Mundial de Patinaxe artística que se celebra na cidade chinesa de Nanjing, no marco dos World Roller Games (por primeira vez todos os deportes das federacións de patinaxe xuntos). Colofón perfecto para unha tempada excepcional da patinadora de Ames.

Nadia Iglesias, no intre histórico de subir ao podio do Mundial. Nadia Iglesias, histórica medalla para Galicia na patinaxe artística.
Nadia Iglesias, no intre histórico de subir ao podio do Mundial. Nadia Iglesias, histórica medalla para Galicia na patinaxe artística. | Fonte: @FGPatinaxe

A deportista do CPA Maxia, que se despraza a Coruña para adestrar con Rosa García, integrante do corpo técnico do equipo español, comezou a competición o pasado martes co programa curto da modalidade libre, onde tras un bo exercicio finalizaba na quinta posición, o que lle garantizaba saír no último grupo de cara ao programa longo pero lle obrigaba a remontar alomenos dous postos para tentar subir ao podio.

Así foi. Unha vez máis, e grazas a un completo exercicio onde no acusou a presión de tentar superar ás grandes favoritas, como xa ocorrera en anteriores competicións, a patinadora de Compostela de 18 anos lograba remontar dúas posicións e facerse coa súa primeira medalla nun Mundial, no que debutaba no seu primeiro ano júnior, o que lle outorga aínda máis valor ao éxito acadado pola patinadora galega.

As italianas Rebecca Tarlazzi (ouro) e Micol Zangoli (prata) acompañaron a Nadia Iglesias de Salvador nun podio histórico para a patinaxe artística galega. A Federación Galega de Patinaxe apunta a que o metal é un premio ao traballo ben feito nos últimos anos, coas medallas conseguidas nos recentes Campionatos de España nas categorías de base.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta