Por Galicia Confidencial | Meirás | 08/09/2017 | Actualizada ás 13:29
A Fundación Francisco Franco anunciou a cancelación das visitas ao Pazo de Meirás "por motivos de seguridade", segundo publicou na súa páxina web. "Por motivos de seguridade, as visitas ao Pazo de Meirás quedan canceladas ata nova orde", reza unha mensaxe colgada na web da fundación.
O anuncio chega un día despois de que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, opinase que un "modo" de que a familia Franco se “reconciliara” con "parte da sociedade" é que "doase" o Pazo de Meirás ao pobo galego.
Así se pronunciou o titular de Cultura ao ser preguntado polos xornalistas sobre a situación deste casarón situado en Sada (A Coruña) e na mesma xornada na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediulles ao Franco que doen este ben de interese cultural (BIC) ao patrimonio galego se non asumen cumprir as normas de visitas estipuladas.
Ademais, a Xunta informou a pasada semana que o expediente aberto á familia Franco por non abrir ao público o Pazo de Meirás está "a piques de pecharse" e que "seguramente" terá "carácter sancionador".
O Pazo de Meirás foi declarado en 2011 como Ben de Interese Cultural (BIC). Esta denominación obriga aos seus propietarios a abrir ao público o complexo polo menos catro veces por mes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.