Temas: ALFONSO RUEDA

A Xunta admite que contrata cun cargo do PP e de Protección Civil

A Vicepresidencia da Xunta contestou as preguntas parlamentares presentadas polo PSdeG e En Marea tras as informacións de GC sobre Carlos Faílde. Este xornal desvelou que a Xunta e outras administracións compran regularmente material de emerxencias a empresas dirixidas polo coordinador de Protección Civil da Estrada e ex-cargo do PP local, que dixo que ía dimitir tras noticias deste xornal.

Por Manuel Vilas | A Estrada | 13/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Vicepresidencia admitiu no Parlamento que “Ricarsat realiza servizos habituais coas administracións; en concreto, coa Xunta de Galicia veno facendo polo menos nos últimos doce anos”. Asemade a Administración tamén di ser coñecedora que o seu contratista é traballador público: “Carlos Faílde Pereiras está identificado na base de datos de medios e recursos susceptibles de mobilización polo 112 como coordinador dos servizos de emerxencias do Concello da Estrada”. Carlos Faílde é, ademais de xefe de Protección Civil na Estrada e ex-cargo do PP local, administrador único de Ricarsat.

Á esquerda, o alcalde da Estrada, Rueda e Faílde, de uniforme, nun acto oficial na Estrada nunha imaxe da web de Vicepresidencia
Á esquerda, o alcalde da Estrada, Rueda e Faílde, de uniforme, nun acto oficial na Estrada nunha imaxe da web de Vicepresidencia

“Ten noticias a Xunta de Galicia de eventuais contratos públicos que puidera ter adxudicado o Concello da Estrada a empresas das que puidera ser administrador o Sr. Faílde ou persoas vinculadas, nomeadamente no sector das emerxencias, protección civil ou seguridade pública? Se for o caso, algún destes contratos estaría confinanciado con cargo a fondos europeos?”, preguntou en concreto o PSOE. Vicepresidencia preferiu non concretar que lle comprara a Faílde, malia que son contratos do sector público e xas o desvelara GC. 

As vendas de material á Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), dependente da Vicepresidencia, por parte de Ricarsatson as seguintes, segundo figuran no DOG e na Plataforma de Contratación da propia Xunta. En 2013 subministrou un sistema de videoconferencia para os centros 112 de Galicia, Castela e León e norte de Portugal; e un sistema de telecomunicacións para o vehículo de posto de mando avanzado da Axega polo que ingresou 41.322 euros. Do mesmo organismo obtivo adxudicacións en decembro de 2015 pola venda de esparexedores de sal por 49.565 euros nun concurso ao que só Ricarsat se presentou. En setembro de 2016 ingresou 37.165 euros pola venda de coitelas quitaneve para os servizos de emerxencias. As tres adxudicacións foron cofinanciadas pola Unión Europea. E equipou tamén catro vehículos Renault Kadjar para a axencia en 2016. 

Na súa resposta,malia ter sido preguntada polo PSdeG explicitamente sobre outras empresas relacionadas con Faílde, Vicepresidencia obvia calquera referencia a Emersafe. Nesta outra empresa, Faílde é apoderado e a súa muller administradora. Emersafe tamén factura regularmente á Vicepresidencia mediante contratos adxudicados usando o procedemento negociado sen publicidade, é dicir, por invitación a dedo. 

Tanto Faílde como Vicepresidencia, cuestionados por GC, negaron calquera irregularidade. Con todo, Faílde presentou unha petición de excedencia como traballador público do Concello da Estrada tras desvelar GC as adxudicacións.

Extracto da resposta da Vicepresidencia sobre Carlos Faílde no Parlamento
Extracto da resposta da Vicepresidencia sobre Carlos Faílde no Parlamento | Fonte: parlamentodegalicia.es

O alcalde, do PP, defendeuno pero dixo que aceptaría a excedencia solicitada polo seu compañeiro de partido unha vez que pasara o período de incendios do verán. Con todo, aínda hoxe non hai noticias de que o empresario abandonara polo de agora o seu mando público. 

Efectos inmediatos, polo contrario, si tivo a súa dimisión da directiva local do PP, que Faílde dixo tomaba para protexer a honorabilidade da súa empresa e o futuro dos seus empregados. Segundo fontes consultadas por GC, Faílde presumía da súa amizade co vicepresidente, Alfonso Rueda. Rueda e Faílde aparecen xuntos en numerosas fotos, pois o empresario/traballador público era un dos cargos que se deixaban ver nas visitas institucionais do Vicepresidente á vila. 

Na súa resposta, a Administración lávase as mans e parece deitar as responsabilidades dunha posible incompatibilidade nas costas do empresario. Así lembra que “que toda persoa concorrente a unha licitación pública teñen a obriga de cumprimentar unha declaración expresa e responsable de ser certo que non se atopa en ningún dos supostos de prohibición para contratar que establece a lexislación en materia de contratación pública, así como tampouco en ningún dos supostos de conflito de intereses ou incompatibilidade establecidas nas respectivas normas do Estado ou da Comunidade Autónoma”. 

Incompatibilidade que está a ser obxecto dun duro debate político na Estrada, pois Faílde non só lle facturaba á Vicepresidencia, tamén vendía, tanto a través de Emersafe como de Ricarsat, material de emerxencias ao propio concello no que aínda é coordinador de emerxencias. 

Temas: ALFONSO RUEDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ejjj que vamos

Xa a perdís perdeu a pluma de tanto marear o asunto.... Seica os de Mòvete de Lastrada non miran a viga no seu ollo pero si a palla no do viciño.... tranquilos... Que nas municipais idea ter recompensa..outros 4 do PP.

1 Isolino

Vaia novidade. Durante lustros Cuiña adxudicou contratos a quen compraba o material nas empresas da súa familia, con Pablo Crespo polo medio. Así funciona o PP