Temas: XUSTIZA

Unanimidade do Parlamento para reclamar polo menos oito novos xulgados para Galicia

Unha proposta do PP transaccionada coa oposición demanda máis partidas para custear substitucións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2017 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

A Cámara aprobou por unanimidade unha iniciativa do PPdeG, transaccionada cos grupos da oposición, para reclamar que en Galicia se cren, polo menos, oito novos xulgados en 2018 -cifra que demanda o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)- e que se reforcen as prazas de maxistrados. Así mesmo, este acordo insta á Xunta a reclamar ao Ministerio de Xustiza un incremento nas partidas orzamentarias para as substitucións de persoal por baixas e vacacións.

Votación por unanimidade para pedir o traspaso da AP-9 no Parlament
Votación por unanimidade para pedir o traspaso da AP-9 no Parlament | Fonte: Europa Press

Ademais, os grupos emprazan a realizar unha auditoría exterior e independente sobre a implantación da administración dixital na Xustiza, con especial atención aos fallos do sistema Lexnet, á vez que se pide adoptar medidas para o seu correcto funcionamento.

Finalmente, emprázase ao Goberno galego a dotar de medios materiais a todos os órganos xurisdicionais que o Ministerio de Xustiza asigne a Galicia.

Na súa toma da palabra, Paula Prado (PPdeG) apuntou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "fala de oito unidades xudiciais", que considera unha "proposta de mínimos". "Non podemos pedir só oito", razoa, xa que "temos que pedir os que necesitamos, e probablemente necesitamos máis que ese oito".

Respecto diso, Prado recoñece que os xulgados galegos "non son suficientes", xa que o país "necesita máis unidades xudiciais", e considera que un acordo unánime do Parlamento en materia de xustiza é unha "mensaxe moi importante".

A OPOSICIÓN VALORA A PROCURA DO CONSENSO

Pola súa banda, Luís Villares (En Marea) mostrouse "sorprendido" do afán de consenso na xustiza do PP, que valora como un "avance".

A continuación, denunciou diversas problemáticas existentes como xulgados de violencia de xénero "sen medios persoais nin materiais", así como o "escándalo" da falta de substitutos nos xulgados galegos, que achaca á "precarización" promovida pola reforma da Xustiza que realizou Alberto Ruiz Gallardón.

Así, Villares lamenta que a Xustiza sexa a "irmá pobre" de todas as administracións, mentres cada ano ábrense "200 casos" de corrupción en Galicia, que non se dan pechado por unha "administración de xustiza lenta", e o "90 por cento" deses casos afectan ao PP, sostén.

Patricia Vilán (PSdeG) deulle a "benvida ao consenso" ao Partido Popular, a pesar de que "non cumpriron" o plan xudicial que tiñan previsto entre 2010 e 2015.

Ademais, a deputada socialista denunciou que o Ministerio de Xustiza "non está disposto a dar nin un céntimo máis para cubrir as substitucións" en Galicia, tras acabarse os fondos en xuño.

Luís Bará (BNG) reprochou que Galicia leva "sete anos sen ter ningún xulgado novo", aínda que recoñece "a vontade de consenso" dos populares.

Así mesmo, Bará esixe melloras como un "necesario" incremento de medios económicos para substitucións por vacacións ou baixas. Tamén pide que se tomen medidas antes dificultades como as que vive o xulgado do social de Lugo, con "atrasos de dous anos" en expedientes de prestacións por desemprego.

Temas: XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta