Temas: MULLER SAúDE

As galegas son as que máis manteñen uns hábitos de vida saudables

As mulleres de Galicia son as que máis deporte practican e as que consomen máis froita. Pero, xunto coas de Castela e León e Madrid, son tamén as que menos tempo dedican ao coidado persoal por mor do traballo e as obrigas, segundo un estudo do Instituto DKV da Vida Saudable e a Universidad Rey Juan Carlos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/09/2017 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

Galicia é a Comunidade Autónoma con máis representantes entre as mulleres do Estado que manteñen uns hábitos de vida saudables. Así o constata o IV Estudo dos hábitos de vida saudable e benestar entre as mulleres levado a cabo polo Instituto DKV da Vida Saudable coa colaboración da Universidade Rey Juan Carlos. Aínda así, parte das galegas afirma que non acaba de gozar dun bo grao de benestar debido a que non se atopa ben física (25,3%) ou emocionalmente (20%).

Mulleres xornalistas
Mulleres xornalistas | Fonte: periodismociudadano.com.

A mostra confirma que entre as máis de 3.000 enquisadas por todo o territorio español, só un 0,5% das mulleres, ou unha de cada 200, cumpren coas mínimas esixidas por DKV para considerar os seus hábitos como sans. En Galicia, concretamente, o 66% afirma sentirse fisicamente enferma durante o último mes, alegando que as principais razóns polas que non manteñen hábitos saudables son o tempo e a motivación.

Ante esta situación, o 82% asegura realizarse a revisión médica xeral mínimo unha ou dúas veces ao ano, mentres que o 86% fai o propio coa revisión xinecolóxica. Máis alarmante na parcela de medicina e prevención é que o 38,89% toma medicamentos diariamente e que o 50% recoñece o consumo de medicamentos durante as dúas últimas semanas, aínda que os adquiriran sen receita médica.

Analizando o descanso das galegas, os resultados mostran que se deitan a unha hora razoable e repousan correctamente pola noite, pero durante o día son as que declaran dedicar menos tempo a relaxarse. Unha cuarta parte das enquisadas afirma mesmo que non lle dedica nin unha hora ao longo da xornada. De feito, este aspecto é o que máis atención suscita xa que, despois de Castela e León e Madrid, son as que aseguran ter menos tempo para dedicarse a si mesmas: mentres que o 12.2% di que nunca ou case nunca ten tempo, o 45,56% manifesta que só o consegue de cando en vez aducindo, na maioría de casos, ao exceso de traballo e á acumulación de obrigacións como motivos da escaseza.

ACTIVIDADE FÍSICA E ALIMENTACIÓN

Polo que respecta ao capítulo alimenticio, as mulleres galegas destacan por ser das que comen máis froita, xunto coas súas veciñas do norte, Asturias, Navarra e Aragón. En xeral apostan por comer os produtos da terra para combater o clima frío e húmido característico do territorio, condicións que provocan que beban menos auga que no resto do país. Entre as enquisadas no estudo de DKV hai un 36% que recoñece mesmo non beber nin un litro de auga ao día.

No apartado de actividade física, as mulleres de Galicia tamén destacan en diversos aspectos. Zapatillas e roupa deportivas forman parte do decorado se camiñamos por estas terras, aínda que sorprenden as cifras correspondentes á cantidade de galegas que realiza exercicio físico, xa que só o 30% recoñece facer deporte activamente. Iso si, as que afirman practicalo son as que o fan con máis regularidade de todo o Estado español: o 76% practica algunha modalidade entre dúas ou tres veces por semana, moitas delas mesmo diariamente; e a maioría recoñecen facelo por unha cuestión de lecer (80%) e non para adelgazar ou outros motivos.

Temas: MULLER SAúDE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta