Gómez Noya, na loita polo sexto

O triatleta ferrolán, acompañado por Iván Raña e Uxío Abuín, tentará este sábado acadar un novo título das Series Mundiais en Rotterdam (13.05 horas), onde necesita recuperar 340 puntos a Mario Mola. A viguesa Susana Rodríguez Gacio, prata en paratríatlon.

Por gcdeportes | Pontevedra | 15/09/2017 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

2008 en Vancouver, 2010 en Budapest, 2013 en Londres, 2014 en Edmonton e 2015 en Chicago. Este sábado ás 13.05 horas (TVG2), en Rotterdam, Javi Gómez Noya loitará polo seu sexto título das Series Mundiais de tríatlon. Necesita unha vitoria e que Mario Mola non remate entre os cinco primeiros (ou ser segundo e sétimo Mola, ou terceiro e noveno…)

Todo un abano de posibilidades, xa que o mallorquino, malia gañar antes do verán catro probas, foi oitavo na última en Estocolmo, e 14º na penúltima, a principios de agosto, afundido na carreira a pé por tentar alcanzar o grupo do ferrolán, que venceu con autoridade en Montreal. E na lembranza está o segundo título en Budapest’2010, cando o alemán Jan Frodeno se desfondou correndo e ao ferrolán chegoulle con ser segundo.

A Rotterdam chega Javi Gómez Noya tan só seis días despois de acadar o seu segundo título Mundial de Ironman 70.3 en Chattanooga (Tenneessee), e a conseguinte viaxe de regreso dende os Estados Unidos. Na cidade holandesa tentará repetir a xesta do 2014, cando gañou en Mont Tremblant o mundial de medio Ironman unha semana despois do cuarto título das Series Mundiais. Pero desta volta, será máis difícil aínda a fazaña, polo cansazo acumulado nunha proba de media distancia (2 quilómetros de natación, 90 de bicicleta e 21 de carreira a pé) e a viaxe transoceánica.

Para facelo máis imprevisíbel, agárdase un día de frío e choiva en Rotterdam (sobre distancia olímpica: 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pé), que dificultará as cousas no sector do ciclismo, cun circuíto moi complicado, revirado e empedrado, e no que pode haber caídas. “Xogarte un Mundial neste circuíto non é o máis axeitado. O tempo non acompaña, algo que podía pasar en Rotterdam a mediados de setembro, e haberá que loitar contra o frío. E o circuíto é moi desafortunado. En todos os anos que levo competindo, unha cosa é un circuíto técnico e outra, un circuíto perigoso. E este é perigoso”, laiouse o ferrolán.

Mola (3.701 puntos) chega cunha vantaxe de 340 puntos sobre Javi Gómez Noya (3.361), e con menos opcións están o sudafricano Richard Murray (3.197), o castelán Fernando Alarza (3.172) e o noruegués Kristian Blummenfelt (3.171). Pero a gran final das Series Mundiais conta dobre: 1.200 puntos para o primeiro, 1.110 para o segundo, 1.027 para o terceiro, 950 para o cuarto, 897 para o quinto…

Ademáis da loita polo título de Javi Gómez Noya, destaca a presenza de dous galegos máis: Uxío Abuín, que volve ás Series Mundiais tres anos despois, e Iván Raña, pioneiro do tríatlon galego e español (campión do Mundo en 2002) e que, malia estar centrado no vindeiro Mundial Ironman (Hawai, 14 de outubro), afronta esta proba con moitísima ilusión.

Prata para Susana Rodríguez

Gómez Noya, xunto a Alarza, Mola e Murray, os seus principais rivais en Rotterdam.
Gómez Noya, xunto a Alarza, Mola e Murray, os seus principais rivais en Rotterdam. | Fonte: triathlon.org

E Galicia estará moi presente en case todas as probas. A primeira en competir foi a viguesa Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo), que acadou a medalla de prata na proba de paratríatlon (categoría PTVI, para deportistas con discapacidades visuais) xunto coa súa guía Mabel Gallardo.

Este venres tamén se celebra a proba júnior feminina (sen representación galega) e o Mundial sub-23 masculino (17:00 horas), con Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) coma un dos deportistas destacados. O vigués chega en boas condicións a este Mundial, despois de recuperarse dunhas molestias nun pé que lle estaban impedindo render ao cento por cen nas últimas probas. Pero a lista de saída deste Mundial é espectacular, con triatletas habituais nas Series Mundiais coma Raphael Montoya, Dorian Coninx ou Gordon Benson. O galego sae co dorsal número 11.

O sábado será o día grande coa celebración das probas júnior masculina, sub-23 feminina e as dúas gran finais das Series Mundiais. En categoría júnior masculina, Galicia non conta con representantes, pero no Mundial sub-23 feminino (10:00 horas) estarán Inés Santiago e Camila Alonso, ambas as dúas do Tríatlon Ferrol. Para Inés este será o seu primeiro Mundial sub-23, polo que ten a dificultade da distancia olímpica, que é o dobre da que ela estaba afeita, e para Camila é o último ano na categoría “polo que vou gozar desta carreira, independentemente do resultado”. Iso si, chega en boas condicións: “Levo unhas semanas adestrando ben, consistente nas tres modalidades”.

Gómez Noya, en pleno esforzo no Mundial Ironamn 70.3 nos EUA.
Gómez Noya, en pleno esforzo no Mundial Ironamn 70.3 nos EUA. | Fonte: ironman.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta