Galicia internacionaliza o seu modelo de neofalantes

Un congreso internacional en Coimbra analizou a nova realidade sociolingüística de Galicia e a actual situación dos medios en galego. Tamén se falou da importancia de programas como o Xabarín Club para toda unha xeración de mozos e das dificultades que teñen algúns galegos para tentar utilizar o seu idioma no seu propio país.

Por Galicia Confidencial | Portugal | 18/09/2017 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

Galicia comeza a internazionalizar xa unha nova realidade lingüística; a dos seus neofalantes. Precisamente, este foi o tema principal do Congreso “Focusing on Policies and Practices, the New Speakers”, organizado esta pasada semana pola rede COST na Universidade de Coimbra. Un encontro no que especialistas de toda Europa discutiron políticas para tratar esta nova realidade social vencellada ás linguas mal chamadas minoritarias.

Chapas co lema Eu falo galego, unha campaña do CEIP Víctor López Seoane
Chapas co lema Eu falo galego, unha campaña do CEIP Víctor López Seoane | Fonte: bibliomistos

Unha delas foi o galego, que tivo unha presencia destacada nos paneis, coa intervención de varios conferenciantes e a proxección dun documental. De feito, houbo un único panel adicado á situación específica dos neofalantes galegos e a situación dos medios en galego. Nela participaron o profesor de Ciberxornalismo na USC e director de Galicia Confidencial, Xurxo Salgado; o director do xornal Que Pasa na Costa, e secretario da Asociación Galega de Medios (Amega), Ubaldo Cerqueiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Moderaron este panel, que levou por título "New speakers and the future of the Galician Media: Role of crowdfunded Galician newspapers in creation of bottom-up language policies", Anik Nandi, da Universidade Queen's University Belfast, e Bernadette O’Rourke, da Heriot-Watt University.

Na súa intervención, Ubaldo Cerqueiro contou a súa experiencia como neofalante nado nun ambiente castelánfalante como o da Coruña, facendo fincapé nas dúas realidades sociolingüísticas galegas: a rural e a urbana. Ubaldo destacou que un neofalante, pode chegar mesmo a dirixir un medio escrito integramente nesa nova lingua e a interactuar perfectamente e a enriquecerse cultural e lingüísticamente de comunidades lingüísticas nativas como as da Costa da Morte.Así mesmo, o vicepresidente da Asociación Galega de Medios (AMEGA) puxo o balón no tellado da Xunta destacando a falta de apoio institucional que reciben os medios na lingua propia do país.

Axudas aos medios por uso de galego

Valentín García, como responsable na materia, destacou que a Secretaría de Política Lingüística aporta 200.000€ a medios en galego (maioritariamente xornais mensuais comarcais en papel) e lembrou os principais programas postos en marcha polo seu departamento para dinamizar a lingua galega e impulsar o neofalantismo. 

O historiador Íñigo Mouzo (dereita) e o galego-arxentino Facundo Reyna (segundo pola dereita) nunha intervención nun congreso sobre neofalantes en Coimbra
O historiador Íñigo Mouzo (dereita) e o galego-arxentino Facundo Reyna (segundo pola dereita) nunha intervención nun congreso sobre neofalantes en Coimbra

García analizou o peso dos neofalantes nos procesos de promoción e transmisión da lingua galega para concluír que teñen un papel fundamental por mor da súa praxe lingüística "especialmente consciente e activa", que os leva a tomar a iniciativa a prol da normalización lingüística. "Temos que promover esta actitude e avogar pola colaboración entre as institucións e a cidadanía máis comprometida co futuro do galego para complementaren as súas accións e garantiren así a vitalidade da lingua propia de Galicia", dixo. Unha acción, sinalou, na que deben ter un papel "activo" os xornais dixitais integramente escritos en galego.

Pola súa banda, Xurxo Salgado repasou a complicada situación da lingua galega no panorama mediático galego, e presentou resultados de estudos sobre a escasa presenza do galego nos grandes medios de comunicación financiados pola Xunta. Así, lembrou que, aínda que a propia Xunta obriga a que os medios en español de Galicia a que publiquen un 8% de noticias en galego para recibir subvencións, a maior parte deles non cumpren con este requisito.

Así, destacou os datos dun estudo realizado en 2016 sobre a presenza do galego nos medios en español e sinalou que é de pouco máis do 6% --isto non inclúe as noticias diglósicas, é dicir, aquelas escritas en español pero con citas en galego--. Tamén destacou Salgado que o galego queda reducido a seccións concretas –opinión e cultura, principalmente-- e a datas determinadas –o Día Nacional de Galicia e o Día das Letras Galegas--. A pesar diso, os grandes medios en galego perciben anualmente axudas por valor de 1,6 millóns de euros por eses pequenos artigos que escriben en galego.

Ademais, o director de GC lembrou a importancia que tivo para a recuperación de falantes e, sobre todo, dos neofalantes, programas como o Xabarín Club, que foron iconas para toda unha xeración de galegos. Por iso criticou que se retirara da grella de programación un espazo que chegou a repartir máis de 150.000 carnés de socios entre os máis cativos.

Os neofalantes en Galicia e no resto do mundo

O congreso incluiu numerosos paneis que serviron para analizar a situación dos “newspeakers” en moitas partes de Europa. A realidade do gaélico en Escocia, o irlandés en Irlanda, o galés no País de Gales, o Bretón na Bretaña, o euskara no País Vasco, ou do catalán en Cataluña, (e dos seus neofalantes) foron analizadas en numerosas mesas.

Precisamente, noutra mesa sobre a experiencia dos neofalantes tamén houbo participación galega. Neste caso foi o historiador herculino Íñigo Mouzo o que contou a súa experiencia de como decidiu mudar a súa lingua e comezar a falar en galego, a pesar de que toda a súa educación e a súa contorna na Coruña era castelán falante. Así lembrou que as súas viaxes a Laxe –terra dos seus avós--, programas, precisamente, como o Xabarín Club, e a creación dunha conciencia cultural e identitaria como galego foron fundamentais para dar ese paso.

Nese mesmo panel falou tamén Facundo Reyna Muniaín, arxentino de orixe galega, que falou da realidade da diáspora galega en Bos Aires. Así, aportou datos sobre esa falta de identidade que teñen algúns galegos de segunda xeración cando perden aos seus pais, os únicos falantes de galego como lingua materna que queda na familia. Para moitos ese é o momento de comezar a pensar en coidar e recuperar a lingua dos seus antergos e tentando que tamén os seus fillos, os galegos de terceira xeración, tamén a amprenda en colexios que imparten clases de cultura e lingua galega, como o Santiago Apóstol de Bos Aires.

O galego e o portugués

Por outra banda, Sabela Fernández e José Ramom Pichel tamén presentaron o seu documental “Porta para o Exterior”, producido por Axóuxere, en parceria con AGAL. Trátase dunha viaxe que nos permite transitar polas experiencias de máis de 70 persoas entrevistadas, que nos mostran como e porque viven a súa lingua diariamente como unha lingua falada non só na Galiza, mais tamén noutros lugares do mundo “Brasil, Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde e Timor Leste” e os desafíos que leva consigo.

Porta para o exterior, pretende coñecer son as razóns desas persoas afirmaren que galego e portugués son variedades do mesmo idioma e cales son as súas propostas de futuro para a lingua ao norte do Miño, que pasan por unha mudanza de vía, agora que os datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) falan de que só 18% dos nenos galegos menores de 14 anos ten como lingua diaria, a que fora maioritaria en xeracións anteriores.

O neofalantismo

Este congreso foi organizado pola rede "The Newspeakers" (Neofalantes) da European Cooperation in Science and Technology (COST) que entende aos neofalantes como actores lingüísticos que teñen que adaptarse, expresarse e vivir en contextos lingüísticos novos diferentes á a súa lingua nativa ou na que foron educados.

Xurxo Salgado, director do GC; o sociolingüista indio Anik Nandi e Ubaldo Cerqueiro nun congreso internacinal sobre neofalantismo en Coimbra
Xurxo Salgado, director do GC; o sociolingüista indio Anik Nandi e Ubaldo Cerqueiro nun congreso internacinal sobre neofalantismo en Coimbra
Ubaldo Cerqueiro, Xurxo Salgado e Valentín García nun Panel sobre neofalantes e medios en galego nun congreso internacional sobre Newspeakers en Combra, Portugal
Ubaldo Cerqueiro, Xurxo Salgado e Valentín García nun Panel sobre neofalantes e medios en galego nun congreso internacional sobre Newspeakers en Combra, Portugal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

2 galegocalante

A morte do galego non a vai ver ningún dos que aquí estamos. O debalo do galego nas cidades ten moitas causas. Hai parellas galegofalantes con fillos castelan falantes, a socialización nas cidades non é só a familia. Mais hai fórmulas para a súa recuperación nunca utilizadas. Non hai garderías en galego, son 100% en castelán, así é imposible que un neno con 3 anos fale a língua. En Infantil o decreto mal chamado do galego impón como língua a maioritaria do alumnado deixando ó galego co cú ó aire. Os nenos chegan ós 6 anos sen ter socialización ningunha en galego na maioría dos casos. Esa é a idade na que se aprenden as linguas. Con inmersión en galego, podes ter nenos galegofalantes en Southwest Manhattan e na Coruña.

1 galegocalante

A famosa enquisa do galego dou porcentaxes dun 25-35% de pais na Coruña que solicitaron o galego en infantil ós seus fillos. A maioría deses pais son castelanfalantes pero iso non quere dicir que teñan prexuizos contra o galego como maliciosamente pensan os nosos gobernantes. A propia consellería dixo que os pais non respostaran ben a enquisa, pois non se preguntaba pola preferencia linguística senón pola língua que falan nenos de 3 anos ó comenzar a escola. É dicir que se non falan inglés non se pode empregar o inglés en infantil ¿?, é dicir que pais castelánfalantes non tiñan a opción de escoller o galego para os seus fillos ¿?. Iso nos pasa por poñer ó raposo a coidar das galiñas.

1 galegocalante

Para min que unha persoa educada en castelán na Coruña pase a ser monolingue en galego non é un neofalante. Esa persoa simplemente adquiriu consciencia social e linguística coa edade e decidiu dar o paso. Eres un galegocalante que pasou a galegofalante. Se incrementas os ambientes de uso da língua incrementas as posibilidades de que moitos galegocalantes pasen a ser galegofalantes en ambientes nos que antes non usaban a língua coma son moitos ambientes urbanos na Coruña, Ferrol ou Vigo. Para min un neofalante é un inglés, un alemán ou un madrileño afincado no pais que se integra e pasa a usar o galego. O resto só era a diglosia propia dos galegos que a escola que temos nos últimos 40 anos non nos dá curado...

1 falante

Moi bem falado

2 Sip

coincido plenamente, y soy castellanohablante

3 Vivalarepublica

A diglosia non a cura a escola e cousa da de familia xa que os fillos falán en galego cos país namentras aos netos falanlles en castelan ese e o problema que os vascos xa lle dieron a Volta e os catalanes tamen so aquí non se lle vai dar a Volta e o gallego quedanlle Dous telediarios e o que hai