“Volver a 2006 non é a solución ao paro, a emigración e a precariedade”

“Non somos nin queremos ser as mocidades de ninguén” deixa claro Iván Rodríguez Iglesias. El é o voceiro de Espiral, unha nova organización que acaban de crear centos de mozos, moitos deles participantes nas mareas.

Por Manuel Vilas | Noia | 22/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nesta entrevista con GC, sitúa ideoloxicamente ao grupo, por exemplo salientando o dereito a decidir do pobo galego, e asemade argumentando que nestes tempos “non vale construír o noso proxecto nacional contra España”. A situación en Cataluña e as leas en En Marea son outros dos temas desta conversa.

Asemblea Constituínte de Espiral / Proceso 1 de maio Asemblea Constituínte de Espiral / Proceso 1 de maio
Asemblea Constituínte de Espiral / Proceso 1 de maio Asemblea Constituínte de Espiral / Proceso 1 de maio

Republicana, anticapitalista e rebelde. Cre que todos estes cualificativos poden ser válidos para definir á nova organización?

Si, cremos que a situación social da mocidade galega non deixa outra saída que a da ruptura e a da construción dunha nova realidade na que nada quede fóra do control democrático da maioría. Non pode ser que non teñamos ningunha capacidade de decidir sobre o traballo, a actividade na que máis horas investimos e da cal depende a nosa subsistencia. A idea é moi sinxela: democratizar a economía, que todas decidamos sobre os recursos dos que dispoñemos. Tamén por iso somos republicanos, entendendo a República como unha forma de goberno, como a ruptura dos vínculos de dominación, teñan estes que ver coa clase, coa nación ou co xénero, para tecer vínculos civís. Tamén me gustaría lembrar hoxe que é imposible falar disto sen ter presentes a Toni Domenech, que nos ensinou que a loita pola emancipación é sempre unha loita pola República.

A nova organización tamén se define como asemblearia ...

O asemblearismo é algo que levamos practicando dende que naceu o Proceso 1 de maio. Decidimos dende o comezo organizarnos en asembleas abertas, nas que mozas de todas as sensibilidades puideran vir a opinar, debater e tomar decisións. E a fórmula funcionou, fixemos asembleas en case 30 localidades ás que se achegaron moitas mozas que non tiñan participado antes en ningunha organización política. Ademais, nun país cun tecido social desfeito, cuns vínculos comunitarios cada vez máis febles, é fundamental que contribuamos a crealos. Espiral ten que ser tamén un espazo onde formular unha alternativa colectiva signifique crear comunidade.

Intervención na Asemblea Constituínte de Espiral
Intervención na Asemblea Constituínte de Espiral | Fonte: Proceso 1 de maio

Espiral é claramente unha organización de esquerdas, pero no eixo centralismo-independentismo, onde estaría situada?

Ser unha organización republicana en Galicia implica defender o dereito do pobo a decidilo todo. A maioría social galega temos que ser o que queiramos ser sen pedirlle permiso a ninguén, por iso falamos de proceso constituínte e por iso falamos de República Galega. Son propostas cunha potencia inmensa que teñen que ir alén de tradicións e identidades concretas. A nosa loita é pola total autonomía das clases populares, e en Galicia iso pasa polo exercicio do dereito á autodeterminación. Ademais, temos que formularnos como facelo nun contexto internacional no que os estados tamén están desposuídos de soberanía. Xa non vale construír o noso proxecto nacional “contra España” e esixir ó poder central que nos deixe resolver os nosos problemas particulares, temos que ser un suxeito que fale de todo sen restricións e sen asumir os marcos impostos polo Réxime.

A nivel orgánico e organizativo, cales serán os seguintes pasos para consolidar a súa estrutura?

Os próximos pasos son consolidar as asembleas que naceron co proceso e amplialas. A partir de aí temos que ir vendo que temas son máis urxentes, cales teñen máis potencial e como e con quen podemos tratalos. Temos que atopar o xeito de xerar discurso a través dos conflitos, das loitas que haxa en marcha e das que virán. Abordar a emigración, o paro, a precariedade, a imposibilidade para moitas de nós de vivir sen depender dos nosos pais...e tamén temas relacionados co ocio, a cultura, o deporte, o ensino. O obxectivo é ser unha ferramenta útil para formular alternativas, pero sabemos que iso é algo que se elabora pouco a pouco, no traballo do día a día co que poder ensaiar, contrastar as nosas teses, equivocarnos, acertar e a partir de aí ir mellorando.

Os principais problemas que arrastran hai décadas a mocidade galega son o paro e a emigración. Que medidas de choque proporía Espiral para acabar con estas eivas?

Niso é no que temos que comezar a traballar agora. Temos claro que a solución a emigración, ó paro e a precariedade non son a volta ó 2006, porque non é posible e porque aquela non era unha situación idílica. A temporalidade non se soluciona derogando reformas laborais, aínda que tamén haxa que facelo. As propostas que fagamos teñen que funcionar como contrapoderes e dentro disto a Renda Básica Universal, por exemplo, pode ser unha medida interesante a por enriba da mesa. Nos próximos meses comezaremos a debatelo e a concretar as nosas propostas, porque cremos que onde hai que facelo é batendo na realidade. Na Asemblea Nacional aprobamos os textos que van guiar o noso traballo os próximos dous anos, agora temos por diante a tarefa de desenvolvelo.

Varias organizacións axudaron a difundir o Proceso 1 de maio e varias xa saudaron o seu nacemento. Unha lista non exhaustiva inclúe a ANOVA, Compostela Aberta, Marea Atlántica, FPG, Xeira, Ferrol en Común, Anticapitalistas e Marea de Ribeira. Polo tanto, até que punto pode dicirse que Espiral é un colectivo próximo ás mareas, en concreto ao sector das mareas crítico co liderado de Luís Villares apoiado por Podemos?

Espiral é unha organización de filiación individual. Moitas de nós militamos en espazos que comparten análise con este: a posibilidade da ruptura democrática segue aberta e o noso obxectivo é materializala. Todas esas experiencias axudan a nutrir o noso discurso e a nosa práctica e levamos anos aprendendo de moitas das organizacións que nomeas e dos seus referentes públicos, pero non podemos reducilo todo ó aspecto político ou institucional, temos que construír dende o social e facelo con total autonomía. Sería un grave erro repetir o modelo de xuventudes que funcionan como correa de transmisión dos adultos, iso mata o debate, a pluralidade, a participación e a política. Nós non somos nin queremos ser as mocidades de ninguén.

Cal é o papel que aspira a xogar Espiral, se é que aspira a xogar algún, dentro de En Marea? 

Non aspiramos a xogar ningún papel, as desputas de En Marea son algo alleo á nosa organización. O noso papel está no espazo de ruptura, en contribuír a enriquecelo con análises, propostas e actividades que axuden a construír a alternativa máis alá dunha sigla concreta. A aposta pola ruptura democrática é moi ampla e conta con moitos actores que non se teñen que vincular a un partido ou unha sigla. A pluralidade de prácticas, de lecturas e de formas de organizarse é imprescindible se queremos ter realmente o potencial para mudar as cousas.

Pregunta obrigada, dado o clima político, é a postura de Espiral sobre o Referendo convocado pola Generalitat ...

Do mesmo xeito que cando falabamos de Galicia, Cataluña e a súa maioría social teñen o dereito a ser o que queiran ser, a exercer a democracia sen que poda impedilo unha Constitución ou uns Tribunais. É a democracia a que forma a lei, nunca ó revés. Polo tanto a ilegalidade, as ameazas, os rexistros e a persecución de activistas son obstáculos que superar e nos que nós temos que dar toda a nosa solidariedade e todo o noso apoio. Cataluña está demostrando que o Réxime está morto e que é posible unha alternativa democrática e popular, e esa loita é tamén a nosa. 

Por último, por que escolleron o nome de "Espiral-Mocidade Republicana Galega"? En concreto, o termo Espiral.

Espiral é un nome cunha enorme carga simbólica. Negámonos a crer que a historia rematou e todo o que aconteceu no mundo despois da crise danos a razón, a política sempre volve. Con Marx, cremos que a historia nunca é unha liña na que se dan procesos que sempre atopan a súa harmonía nun todo que lles da sentido. Espiral é dicir que historia non é mecánica e que nela hai crises e hai rupturas. E na crise é onde aparece a posibilidade dunha política para as de abaixo.

Iván Rodríguez, voceiro de Espiral
Iván Rodríguez, voceiro de Espiral | Fonte: praza.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

7 Fartodecomunistas

¿Qué hacen con el puño en alto? ¿Acaso desconocen que los comunistas han asesinado millones de personas en Rusia, China, Camboya o Corea? ¿No saben que dónde han gobernado los comunistas los ciudadanos han sufrido dictaduras aberrantes? ¿Todavía no se han dado cuenta de que los regímenes comunistas han llevado a sus sociedades a la pobreza y el aislamiento? Levantar el puño es igual que hacer el saludo fascista, una manifestación de intolerancia y violencia.

1 comunista independentista

Ben. Quedou claro que te aprendiches a biblia do cuñao español. Agora colle o Marca que aí só saen capitalistas que tributan en Suiza.

6 Quechachilopasoenmadri

A ver se publicades reportaxes de interese e non o da espiral esa eterna na que andamos dende a época castrexa: voltas e reviravoltas e ala a empezar. https://www.elespanol.com/espana/20...

5 Gustavo

Outro aspirante para vivir do conto. Lobeira é o seu ídolo

1 forappeirosfachas

do conto que ti dis e máis do que nos teñen roubado, so poden vivir os ladróns do PP ¡¡ ADIANTE COA XENTE NOVA QE SE IMPLICA CO CAMBIO POLÍTICO!!

4 Amóñimo

Non hai maior ou mellor ruptura ca de ter escano asegurado para descansar as cachas no 2020.

3 Cansino

Outros a querer vivir sen traballar sentados no banco dos contraTodo.... Ala, xa os da esquerda teñen novos catxorros...