E isto terá algo que ver co dereito a decidir?

Andan dicindo por aí que que as accións tomadas polo goberno do Estado é algo nunca visto nunha democracia europea avanzada, porque, claro, como as accións tomadas polo goberno de Cataluña son tan comúns en tódalas democracias avanzadas, europeas ou non, o normal é escandalizarse. Xa estou vendo aos lexisladores e gobernadores de Massachusetts, Provenza, Baviera, ou Nova Gales do Sur subvertendo as súas constitucións e dicindolles a cadanseus tribunais supremos ou constitucionais que a vaian rañar.

Por Xoán Vázquez | New Yersey | 26/09/2017

Comparte esta noticia
Mais indo coa resposta á pregunta de arriba, para min está claro que non, que a trama catalana ten moi pouco que ver co dereito a decidir e moito cun narcisismo desaforado e mailo seu fecundo de soberbias e avaricias inherentes. Se isto tratase do dereito a decidir, no parlamento do Estado os grupos secesionistas cataláns estarían traballando arreo, con toda anormalidade e amabilidade, sumando esforzos e ideas cos nacionalistas vascos e galegos, con Podemos e asociados, con tódalas outras agrupacións marxistas e socialistas, e xuntos facendo pedagoxía e transmitíndolles aos moitos millóns de cidadáns votantes do PP e mailos outros remisos espallados por todo o Estado que unha reforma constitucional que recollese o dereito a decidir, claramente definido e enmarcado nos máis altos valores democráticos, non lle restaría nada ao país. Aínda na suposición de que dese dereito deviñese a segregación dun territorio, pouco perde quen se desprende de quen non quere estar. Iso non sería difícil de vender.  Pero iso non é o que se persegue. Se algo detesta o narcisismo é a igualdade, nin sequera entende o concepto. O narcisismo non só se sente diferente, séntese especial, único, singularmente endeusado e unxido polos óleos dunha grandeza sen igual. E, claro, un dereito enmarcado na Constitución é inevitablemente extensible a tódolos territorios do Estado. E iso non é aceptable para os ofendidos do café para todos. Porque nas mentes guiadas pola egolatría e maila soberbia, o café, por máis bo, sabe a pouco se tamén hai para os de abaixo. En que cabeciña cabe que o insignificante pobo galego poida ter os mesmos dereitos có divinizado pobo catalán.  Xa nin falar de que ese dereito poida ser extensible a esa chusma do sur. Ese é o problema, esa incapacidade de entender que ao meu café non lle resta nada que os da mesa da carón tamén desfruten de cadanseu.  Velaí a cerna da cuestión. De aí vén que non procuren alianzas para traballar en prol do dereito a decidir enmarcado na Constitución e suxeito aos máis altos valores democráticos. Ou sexa, este sen fin de infamias e calumnias pouco ten que ver co dereito a decidir, moito coas ruíns condescendencias do narcisismo, e guiado e entregado á voracidade da depredación. 
 
Porén, amósaseme incrible que os derradeiros exabruptos deste tardío posfranquismo flúan dos mananciais do tan admirado nacionalismo catalán. Paradigma que foi el, envexable modelo a imitar. Os que entendíamos, e entendemos, o nacionalismo ou galeguismo como unha forza vital ao servizo do desenvolvemento e prosperidade cultural, social e económico de Galicia, agora atopámonos con que o paradigma, o modelo (o nacionalismo catalán) é unha farsa, unha forza de destrucción e ruína.  As acusacións de franquistas e fachas, elas por tantos tan repetidas e tan ben aproveitadas, séguense vertendo sobre o PP -e seguirán- moi a pesar de que nesa carreira de calumnias e infamias da posverdade o PP non é quen, por moito que o intente, de acercarse ás posicións de podio. Mais das moitas cousas raras que en España acontecen, esa non é unha delas; quizais mesmo sexa unha das grandes coherencias. España, por desgraza, coa súa Cataluña en cabeza, sempre foi fecundo da calumnia, reino do engano e da traizón, berce de expertos nas artimañas da infamia e da depredación, e agora engade ao seu acervo o valioso pedigree da CUP. Xa estamos todos. É de agradecer aos do “procés” o guiarnos e darnos a benvida á España de sempre, e facelo con esta exquisita clarividencia onde conflúen tódalas nosas miserias. Foi o “procés” quen nos espertou da ilusión de que podíamos vivir vida normal, dentro dos marcos dun Estado de Dereito, coas nosas miserias do pasado superadas, cos vieiros do futuro desbrozados, e firmes nas conviccións. Quedou claro, grazas ao “procés”, que seguimos sendo un país dominado por covardes, asoballado por oportunistas usurpadores, e subxugado ás endogamias dos chupóns vividores e traidores de sempre. Grazas, porque a verdade nunca sobra e a claridade nunca é moita.
 
Velaí a reacción de non poucos dos nosos ante a infamia do "procés": Solidarios de  puño erguido obedientemente repetindo as  sabias palabras do infalible amo catalán. Que aínda haxa alguén capaz de crer que isto trata do dereito a decidir é incomprensible. Triste testemuño dun  baldeiro moral arrepiante, completamente alleo aos valores dos que se nutre a dignidade da autocrítica. O fácil é cubrirse con iso de que o equivocado sempre é o Outro; mirase ao espello é outra cousa. Mais aínda a un famélico gato rueiro lle quedan suficientes neuronas para ver a gran trama, o gran engano, e a avaricia depredadora que detrás del se agacha. Non obstante, velaí están os abandeirados do nacionalismo galaico, tan ofendidos co Estado opresor como solidarios co gran depredador. Incomprensible, triste e vergonzoso. Non hai peor cego có quen non quer ver.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/