Temas: BNG MINA TOURO O PINO

O BNG súmase á fronte contra a megamina a ceo aberto nas proximidades de Compostela

O Bloque presenta alegacións á reapertura do polémico proxecto de Cobre San Rafael S.L.

Por Galicia Confidencial | Touro | 22/09/2017 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

Logo de que se dese a coñecer o proxecto de reapertura da explotación mineira para a extración de cobre, o BNG de Touro e O Pino van presentar alegacións a este proxecto por considerar que no mesmo hai "moitos aspectos que deben ser modificados" e "outros quedan demasiado no aire sen concretar". Deste xeito, súmanse ás denuncias de Salvemos Cabana, Adega e En Marea.

Río Portapego
Río Portapego | Fonte: Salvemos Cabana.

Para os nacionalistas, "non hai moitas garantias" de que este proxecto se vaia poñer en marcha cuns "mínimos respectos ambientais", tendo ademais en conta "os trinta anos que levamos padecendo a contaminación polo abandono sen restauración da primeira explotación e do proceder das empresas promotoras do proxecto, tanto no propio espacio onde se ubican os terreos como en outras explotacións", alertan dende o BNG.

O proxecto, que se atopa en fase de información pública, está planificado para 16 anos e medio de duración e cunha afectación de 689 hectáreas. Segundo o Bloque, terá un "elevadísimo impacto", no que hai que ter en conta ademais que "o 70% dos terreos a ocupar son agrícolas e forestais", detallan.

"Ainda que no proxecto se fala de mineria de transferencia (ir enchendo as cortas explotadas cos entullos das que se están explotando) a realidade é que se prevé que se crearán catro escombreiras temporais, moitas delas susceptibles de xerar drenaxe ácido", describen dende o BNG.

Os nacionalistas tamén chaman a atención sobre o "megadepósito de estériles de mina (altamente contaminante pola ácidez e a presenza de metais pesados), dunha extensión de 126 hectáreas, cunha altura de 81 metros, moi preto do núcleo de Arinteiro". Este depósito supón unha triple afectación: "a eliminación de case 50 hectáreas de terras agrarias, base territorail da agricultura desta aldea; a afectación aos mananciais que subministran auga potable ás vivendas deste núcleo e a propia traida municipal, e por último, supón unha ameaza permanente ao atoparse moi perto e nunha altitude por encima da rasante desta aldea", denuncia o Bloque.

Charla do BNG en Touro para explica o proxecto de Cobre San Rafael S.L.
Charla do BNG en Touro para explica o proxecto de Cobre San Rafael S.L.

Polo tanto, conclúen, "estamos ante un proxecto de megaminería moi lonxe do que sería a minería de transferencia".

Ainda que se prevé que estas escombreiras quedarán impermeabilizadas, o BNG subliña que "nada se di de cal vai ser a vida útil dos materiais que se van usar para este fin", polo que "é imposible garantir que non se van producir filtracións co paso do tempo, co efecto tan grave que estas supoñen para as augas subterráneas e superficiais".

OUTROS IMPACTOS "INADMISIBLES"

No proxecto "tampouco se contempla a recuperación do río Portapego nin da balsa hiperácida de Angumil", como salientan os nacionalistas. Ambos están contaminados como consecuencia da primeira explotación que agora se retoma, polo que o BNG considera que debe ser unha "esixencia" recuperar ambientalmente estes dous espazos. "É unha evidencia que se se retoma a explotación debe procederse a restauración ambiental non realizada no primeiro abandono", comentan.

O proxecto mineiro contempla tamén a construción dunha nova liña de alta tensión de 14 quilómetros, dende a estación de Portodemouros, "sen contemplarse a alternativa de utilización de liñas eléctricas xa existentes que pasan moi perto da mina", engade o BNG.

Tamén preocupan no Bloque, as afecións que vai causar a emisión de polvo en suspensión e os posibles danos que poidan causar na saúde das persoas e nas colleitas, así como a provocada polas vibracións e o ruído (a actividade realízarase de forma ininterrompida 24 horas ao día os 365 dias do ano.)

En definitiva, o BNG considera que este proxecto, tal e como se contempla agora mesmo, xeraría uns impactos "inadmisibles", polo que dende o Bloque solicitan que debe ser "modificado substancialmente" reducindo a zona afectada, eliminando a creación das escombreiras en zonas agrícolas e forestais e onde se garanta que se recuperan ambientalmente os terreos e augas afectadas pola anterior explotación e se asegure que non se producirán novas afeccións".

Para dar a coñecer o seu punto de vista, o BNG organizou charlas  informativas nos municipios de Touro e O Pino, na área de influencia de Santiago de Compostela.

Temas: BNG MINA TOURO O PINO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xilgaro

Esta información está copiada literalmente do comicado que onte emitiu Adega.O BNG terá que dar moitas explicacións do seu comportamento como oposición os últimos anos. Qué significa " sumarse aun fronte antimina?? descoñezo de qué está a falar o Bloque.-para que se dea unha suma tén que haber máis dun sumando

1 Ecologistadelacapetal

E a vos gustanvos máis as restas. Non fai falla que nolo lembres.