En Marea rexeita o megaproxecto mineiro a ceo aberto a carón da comarca de Compostela

José Manuel Fernández Vázquez, voceiro de En Marea en Touro, considera que a proposta desenvolvida por Cobre San Rafael S.L. é "ambiental e socialmente insostible". Súmase así ás denuncias de Salvemos Cabana e Adega, que critican as eivas deste proxecto.

Por Galicia Confidencial | Touro | 21/09/2017 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

Choven as críticas e denuncias contra a megamina a ceo aberto que se pretende abrir nos municipios de Touro e O Pino. Logo das advertencias lanzadas pola plataforma Salvemos Cabana e por Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), polas eivas medioambientais deste proxecto, agora é En Marea Touro a que mostra a súa "fonda preocupación" polo plan metalífero que a empresa chipriota Atalaya Mining e a súa filial pretenden desenvolver nestes concellos situados na área de influencia de Santiago de Compostela.

Lamentable estado da cabeceira do río Lañas debido á actividade mineira.
Lamentable estado da cabeceira do río Lañas debido á actividade mineira.

José Manuel Fernández Vázquez, voceiro de En Marea en Touro, lembra que "estas localidades levan moitos anos sufrindo as consecuencias negativas sobre o medio ambiente e a saúde de diferentes proxectos extractivos", polo que dende a formación política non comprenden que agora se pretenda reabrir e ampliar as minas de Touro, abandonadas dende 1986.

En Marea considera que a proposta desenvolvida por Cobre San Rafael S.L. é "ambiental e socialmente insostible". "Non resulta verosímil que a promotora prentenda «vender» un proxecto no que non se restauran previamente os gravísimos pasivos ambientais previos nunha «fuxida cara diante» na que para facer a remediación hai que orixinar unha devastación aínda maior", destaca Fernández Vázquez.

Doutra banda, En Marea recorda que a minería a ceo aberto é a actividade industrial que "máis residuos xera a nivel mundial", e que "dende calquera punto de vista supón unha actividade de alto impacto socioambiental, insostible por defición xa que a explotación do recurso supón o seu esgotamento".

NON Á ESPECULACIÓN COA TERRA E COAS PERSOAS

Fernández Vázquez tamén salienta que neste tipo de iniciativas as promesas de emprego que fan as empresas mineiras para as comarcas onde pretenden instalarse son "puramente especulativas". Ademais, ao final desde proxecto, calculado para un máximo de 16 anos, os municipios afectados "non poderán volver con garantías ás actividades agrícolas e gandeiras", alerta.

Por todo isto, En Marea Touro considera que "aínda que dende a empresa se quere facer ver que non hai alternativa á actividade mineira, o futuro está realmente nunha política que poña en valor os recursos da terra e promova o cooperativismo e a comercialización de productos sans e de calidade, que son o verdadeiro valor engadido e sen dúbida o mellor futuro para toda a bisbarra".

CITAS VECIÑAIS E REUNIÓNS ABERTAS PARA A PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS

Dado que o Proxecto Touro se atopa en fase de información pública, En Marea convocará nos próximos días unha serie de reunións abertas para facilitarlle á veciñanza a presentación de alegacións e resolver as súas dúbidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta