Denuncian que o Proxecto Touro abrirá unha megamina a ceo aberto na contorna de Compostela

Salvemos Cabana alerta de que Cobre San Rafael S.L. pretende instalar un complexo de minaría metálica de case 700 hectáreas sen garantías medioambientais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Outro proxecto mineiro e a ceo aberto en Galicia sen garantías medioambientais, desta vez na área de influencia de Santiago de Compostela: o Proxecto Touro. A plataforma Salvemos considera que este plan megamineiro podería ter consecuencias "moi negativas para o medio ambiente e a saúde da poboación, tanto pola técnica empregada (minería a ceo aberto a grande escala), como polo feito de que unha das entulleiras propostas e un dos depósitos é dos denominados estériles PAG, potencialmente xeradores de drenaxe ácida e coa capacidade de contaminar tanto solos como augas superficiais e subterráneas".

Río Portapego, en Touro
Río Portapego, en Touro | Fonte: Salvemos Cabana.

Salvemos Cabana presentará alegacións durante a fase de información pública ao estudo de impacto ambiental presentado pola empresa Cobre San Rafael S.L., que pretende instalar un complexo de minaría metálica a ceo aberto de case 700 hectáreas (689,65) de extensión nas localidades de Touro e O Pino, incluíndo a instalación de dez curtas e unha liña de alta tensión de 14 quilómetros entre os municipios de Touro e Arzúa, o desvío de dúas canles fluviais, numerosas entulleiras de grandes dimensións e o desenvolvemento de labores de procesado en continuo de 24 horas ao día, todos os días da semana, a pouco máis de 15 quilómetrois en liña recta de Santiago de Compostela e a menos de dous quilómetros do Camiño Francés de peregrinación.

Na documentación presentada á Xunta, que se atopa en fase de alegacións ata finais de mes, a propia empresa recoñece que "é esperable a ocorrencia de estéril de mina potencialmente xerador de drenaxe ácida (PAG) e con alta capacidade de mobilización de metais", o que fai que teñan que ser clasificados como "residuos non inertes".

Así, o vertedoiro de estériles PAG que pretende instalarse terá, segundo o proxecto, unha capacidade máxima de 58 millóns de toneladas e unha pegada máxima de ocupación de 484.000 metros cadrados, chegando a contemplarse unha altura máxima de ata 100 metros.

Doutra banda, o Estudo de Impacto Ambiental analiza os impactos xerados durante a fase previa e de explotación, dando por sentado a bondade das medidas correctoras propostas. Con todo, aínda que "incorpora un plan post-clausura, en ningún caso de carácter indefinido", alerta Salvemos Cabana, "no caso de que houbese problemas a longo prazo sobre a viabilidade de tales medidas, a única responsabilidade, a teor do que se extrae do exame detallado da documentación presentada, sería da Administración pública, que tería que facerse cargo de calquera problemática futura".

LEI DE FOMENTO EMPRESARIAL

Salvemos Cabana considera ademais necesario lembrar que "anteriores episodios de minería metálica en Touro xa provocaron un problema ambiental de case imposible solución en augas superficiais e subterráneas", e que "ríos como o Brandelos, Laña, Pucheiras, Felisa e Portapego sufriron os seus efectos, o que levou ao Defensor del Pueblo en 2015 a reclamar á Xunta unha actuación eficiente polo desastre ambiental xerado pola actividade extractiva".

Trátase, segundo esta plataforma, dun "recordatorio práctico do que pode supoñer a Lei de fomento da implantación empresarial" que pretende sacar adiante o PP "sen consenso político nin social" no Parlamento galego e que xa recibiu numerosas críticas, incluída a da Sociedade Galega de Historia Natural, que cualificou de "indecente" esta proposición de lei dos conservadores.

"Esta iniciativa, que polas súas características e axentes implicados non pode senón lembrar ao fracasado proxecto aurífero de Corcoesto, pode servir de recordatorio de cales poden ser as consecuencias da aprobación da lei de fomento empresarial que pretende impoñer o Partido Popular, que modifica de maneira significativa varios artigos da lei 3/2008, de ordenación da minería de Galicia, chegando a outorgar a utilidade pública no mesmo acto administrativo de resolución de expediente e na que se acurtan os prazos de exposición e os informes preceptivos doutros organismos como Medio Ambiente deixan de ser determinantes, deixando a criterio da Consellería de Industria e a Dirección Xeral de Minas cando e cómo aprobar calquera tipo de proxecto extractivo", denuncia Salvemos Cabana.

A plataforma ecoloxista tamén critica que o estudo de impacto ambiental "está comprimido cun formato propietario, en privado", é dicir, "cólgano en Internet pero non se pode ver", o cal, din, demostra que "é absolutamente indecente a forma de facer desta xente", en referencia á Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta