Temas: PREMIOS

Xohana Torres, Berta Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía, Oliver Laxe, Apego, Fundación Rosalía e Pato, Premios da Cultura

Foron premiados nas modalidades de letras, artes plásticas, artes escénicas, música, audiovisual, lingua, patrimonio cultural e proxección exterior, respectivamente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2017 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

Xohana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Oliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2017, nas modalidades de letras, artes plásticas, artes escénicas, música, audiovisual, lingua, patrimonio cultural e proxección exterior, respectivamente. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu este xoves a reunión do xurado dos premios, que tivo lugar na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.

Xohana Torres.
Xohana Torres.

O xurado estivo integrado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández e polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outros.

A Xunta convoca anualmente estes premios co obxectivo de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos.

O galardón deste ano consistirá nunha obra do artista lucense Paco Pestana, que os premiados recibirán nun acto solemne que se realizará en próximas datas.

OS PREMIADOS

Xohana Torres, falecida hai dúas semanas, foi unha poeta, narradora e dramaturga cuxo percorrido literario comezou con 'Do sulco' e proseguiu con obras como 'Estacións ao mar', 'Tempo de ría' e 'Elexía a Lola'.

Berta Álvarez Cáccamo licenciouse en Belas Artes en 1986, ano en que comezou a traxectoria expositiva da súa pintura, vinculada á corrente renovadora do grupo Atlántica.

Actriz de ampla experiencia nas artes escénicas, Mabel Rivera iniciouse no mundo de teatro na década dos 60. Protagonizou unha das comedias de maior éxito da TVG ('Pratos combinados') e o recoñecemento internacional chegoulle coa película 'Mar dentro' de Alejandro Amenábar.

A cantante Uxía Senlle comezou a súa carreira como solista e compositora gañando en 1985 o primeiro premio do festival de Bergantiños. Despois integrouse no grupo Na lúa e, entre outras iniciativas, impulsou o festival internacional da lusofonía Cantos na maré.

A primeira longametraxe do cineasta Oliver Laxe, 'Todos vós sodes capitáns', foi gañador do Fipresci da quincena de realizadores de Cannes en 2010. Seis anos máis tarde estreou 'Mimosas', que lle valeu o gran premio da semana da crítica do festival francés.

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos entre 0 e 6 anos neste idioma.

O Padroado Rosalía de Castro creouse en 1947 co fin de arranxar a Casa da Matanza, na que viviu Rosalía no final da súa vida. En 1995 converteuse na Fundación Rosalía de Castro, institución que fixo da casa-museo un dos principais epicentros culturais de Galicia.

Por último, Cristina Pato, gaiteira, pianista, produtora e educadora, dedicou boa parte da súa carreira ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a gaita galega. Actuou en grandes escenarios de todo o mundo e produciu oito discos, ademais de participar en numerosas gravacións como artista convidada.

Temas: PREMIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta