Marea de alegacións contra a megamina a ceo aberto en Touro e O Pino

A veciñanza rexistra 500 alegacións contra o proxecto de Cobre San Rafael S.L., que "tornaría inhabitable a zona por contaminación de acuíferos e traídas por metais pesados altamente tóxicos", denuncian. A plataforma contraMINAcción alerta de que "a mina ameaza con deixar sen auga potable centos de vivendas e granxas en Touro e O Pino e pon en risco directo a vida de máis de 200 persoas".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/10/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Unha comitiva de veciños e veciñas de Touro e da plataforma contraMINAcción acudiu este martes até o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia para facer entrega de 500 alegacións contra o proxecto da mina de Cobre San Rafael S.L., que afecta unha ampla zona dos termos municipais de Touro e O Pino. Os denuncuantes argúen que "ameaza seriamente a habitabilidade e futuro dos dous concellos afectados, polo enorme e irreversible impacto que terá a actividade mineira nos recursos hídricos e económicos da zona".

Membros da plataforma contraMINAcción, tras presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia alegacións ao proxecto mineiro de cobre en Touro e O Pino.
Membros da plataforma contraMINAcción, tras presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia alegacións ao proxecto mineiro de cobre en Touro e O Pino.

Sen "minimizar outras consecuencias graves" do proxecto da mina de San Rafael, o "impacto máis grande", din, sería causado polas drenaxes ácidas da actividade mineira, que "xa é algo que vén sufrindo de vello a veciñanza da zona", quéixanse. De feito, un estudo que analiza estas drenaxes entre 1974 e 1988, di que “en apenas 14 anos, a anterior fase de explotación provocou alteracións ambientais críticas, con cortas profundas, paredes verticais, grandes escombreiras de materiais xeradores de drenaxes ácidas de mina, unha extensa balsa de lodos, por súa vez causantes de problemas continuos de contaminación de augas e solos, por augas de drenaxe hiperácidas que se verten de forma continua na cunca do Ulla e nos acuíferos subterráneos. Que ante a xeración continua de emisións con altas concentracións de metais pesados, a administración non teña obrigado ás concesionarias a instalar unha planta de tratamento destas emisións, ou teña practicado calquera sanción, deixa en evidencia a súa incapacidade para entender a gravidade do fenómeno”.

O estudo da propia empresa recoñece concentracións significantes de metais pesados como cadmio, cobalto, cobre, molibdeno, antimonio, selenio e cinc. Porén, dende contraMINAcción alertan de que "non sabemos se por erro ou intencionadamente, omite no seu estudo a violación para substancias perigosas prioritarias como o cadmio ou o mercurio, presentando de xeito errado os límites das Normas de Calidade Ambiental marcados no Real Decreto 817/2015, de 11 de septiembre", polo que se establecen os criterios de seguimento e avaliación do estado das aguas superficiais e as normas de calidade ambiental.

"RISCO DE MORTE"

A actividade da mina de San Rafael crearía, segundo os denunciantes, unha "xigantesca escombreira" na que "se pretenden acumular máis de 80 millóns de metros cúbicos dos residuos potencialmente máis contaminantes, ocupando 484.000 metros cadrados e cunha "cota de coroamento de 510 metros". 

Nas alegacións presentadas denúnciase que “a acumulación neste punto garante a contaminación dos mananciais presentes na zona a ocupar, e que subministran aos núcleos de poboación próximos e á propia traída municipal que fornece boa parte do concello". Os denunciantes lembran que "a escombreira está a menos de 500 metros dos primeiros núcleos de poboación e a menos de un quilómetro dos núcleos do Castelo San Saturniño, sen ter en conta a afectación ao subministro de auga destas poboacións”.

A maiores, proseguen, "faríanse tamén dúas balsas de refugallos, denominadas no proxecto e de maneira eufemística 'laguna de Arinteiro y Vieiro', que albergarían 69.000 toneladas de lodos tóxicos (50.000 metros cúbicos) e estarían situadas a menos de 200 metros de Arinteiro (42 habitantes) e a menos de un quilómetro de Tribas (20 habitantes), Goleta (100 habitantes), Bravos (14 habitantes), Cruz de Méndez (23 habitantes) ou Torreis". O proxecto da empresa dálle categoría de falla “Moi alta” porque estima que hai menos de 100 habitantes a poboación que "se atopa en risco de morte"; porén, continúan, en realidade, esa poboación supera as 200 persoas e a cualificación debería ser “Extrema” e “Permanente”.

A este respecto, as alegacións din que “a realización do proxecto non só supón un risco extremo e permanente para a vida das persoas residentes nas poboacións próximas, máis no caso de núcleos de poboación como Arinteiro, unha condena sumaria á desaparición do lugar, tornando imposíbel a vida nel, mesmo despois da conclusión do proxecto”.

Este apartado conclúe que “os enormes riscos asociados á extracción de máis de 100 millóns de metros cúbicos de materiais que producirán de forma constante drenaxes ácidas de mina capaces de contaminar as augas superficiais e subterráneas con metais pesados, incluídas substancias perigosas prioritarias, durante un longo período de tempo, mesmo con posterioridade ao peche da eventual explotación, torna temeraria a autorización do proxecto na súa actual formulación".

Isto prodúcese, ademais, "non nunha zona illada e despoboada, senón nunha área inmediata e contigua a numerosos núcleos de poboación que obteñen o seu subministro de auga potábel da área de afectación e ademais dentro dunha cunca fluvial como a do Ulla, que abastece a millares de persoas e sostén a economía de comarcas enteiras", indican.

TRAÍDAS DE AUGA

Con todo isto, os denunciantes alertan da "destrución e contaminación de acuíferos", que serán "amplas, como xa aconteceu co a explotación mineira desta zona nos anos 70 e 80", e “tornará a habitabilidade da contorna especialmente difícil, se non imposíbel”.

Aínda que só consta unha captación de auga para abastecemento humano na zona afectada,  o depósito municipal do Monte Arinteiro que fornece centos de veciños e veciñas, avísase de que existen ducias de captacións que fornecen casas, granxas e núcleos de poboación enteiros que non están rexistradas en Augas de Galicia e que tamén quedarían contaminadas ou destruídas nunha zona que xa padece problemas de restrición e fornecemento de auga potable por mor do impacto das actividades mineiras do pasado.

PROXIMIDADE A NÚCLEOS DE POBOACIÓN

O proxecto pretende localizar varios depósitos de residuos mineiros considerados "perigosos, por tratárense de materiais xeradores de drenaxes ácidas con altas concentracións de metais pesados", ao carón de diversos núcleos de poboación, e "sen apenas separación nalgúns casos". A plataforma contraMINAcción subliña neste punto que as distancias aproximadas desde os diversos depósitos de residuos mineiros ata os núcleos de poboación son: Arinteiro (80 metros); Os Torreis de Arriba (100 metros); Os Torreis de Abaixo (200 metros); Castelo (400 metros); Tribas (450 metros); As Goritas (600 metros); Eiresa (650 metros); Goleta (700 metros); Bravos (790 metros); Cruz de Méndez (800 metros); San Saturniño (800 metros); etc. Por só citar os que se atopan a menos de un quilómetro. Sinálese ademais que as capitais (e maiores núcleos de poboación) dos municipios de Touro e do Pino se atopan en ambos os dous casos a 1,5 quilómetros do perímetro da explotación.

Ademais, din, "destruiríanse moitas vías de comunicación construídas en procesos de concentración parcelaria e as estradas que comunican a parroquia de Loxo con Arca e Santiago de Compostela, e a que vai a Pedrouzo pola Reigada".

PATRIMONIO EN PERIGO

O estudo de impacto medioambiental da empresa di que a zona afectada non conta cun patrimonio etnográfico e arquitectónico salientábeis. Porén, contraMINAcción si identifica no rego das Pucheiras diversos muíños que se remontan ao século XVIII, en bo estado de conservación, "algúns dos cales serían totalmente sepultados pola escombreira proxectada", comentan.

Tamén se destruiría o Camiño Real da Feira do 20 e posíbeis elementos arqueolóxicos identificados na tradición oral aínda conservada, e que fan referencia a “casas dos mouros” que ben poderían ser continuación dos complexo megalíticos do Cotiño (8 túmulos) e da Croa de Pereiro (5 túmulos), na parroquia de Loxo. Ademais, no pasado, os traballos de rexeneración medioambiental das anteriores explotacións mineiras destruíron boa parte do Castro de Copa.

GRANXAS SEN AUGA

Nas alegacións referentes ao abastecemento de augas presentáronse algunhas das explotacións agrogandeiras que se verán directamente afectadas polo fin das súas fontes de auga potábel, subministro que dificilmente poderá ser substituído por unha traída municipal de insuficiente capacidade. Pero é que ademais da auga, a actividade mineira prevista implicará, segundo os denunciantes, "a destrución a perpetuidade da base territorial destas e outras explotacións, co agravante de que as terras a destruír forman parte de procesos de concentración parcelaria, que determinan a utilidade pública destes terreos con fins agrarios ademais da función social das propiedades, coa necesidade de que estas terras cultivables non queden abandonadas, se manteña e se conserve a súa capacidade agrícola, se aproveiten axeitadamente os seus recursos en consonancia cos plans de aproveitamento de cultivos ou forestal recollidos no acordo de concentración".

"Estamos a falar dunha actividade económica multixeracional e sustentábel, de modo que o impacto destrutivo non se limita ao período de explotación, senón que afecta á viabilidade agrícola, agrogandeira e forestal da zona por séculos", detallan.

Algunhas destas explotacións teñen un alto número de cabezas de gando (até 200), nas que hai mozos e mozas recentemente incorporados á actividade agraria, e que realizaron nos últimos anos constantes investimentos nas súas explotacións para a súa modernización e ampliación.

En síntese, conclúen, o proxecto proposto é "incompatíbel coa continuidade da actividade agrogandeira da zona e determinará o peche de numerosas explotacións, a perda de postos de traballo e a destrución a perpetuidade da base territorial na que se sustentaría a viabilidade de explotacións futuras".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta