Alerta pola administración de antibióticos sen receita en Galicia e o seu abuso

O país non escapa da alerta mundial ante a perda de eficacia destes medicamentos polo uso abusivo. Un estudo feito en Galicia con farmacéuticos evidencia a gravidade deste problema ao constatar que a prescrición destas substancias sen receita médica "segue sendo unha práctica común". "O mundo está abocado a unha era post-antibióticos na que moitas infeccións comúns e lesións menores volverán ser potencialmente mortais", alerta a OMS.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 09/11/2017 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

A resistencia aos antibióticos é hoxe unha das maiores ameazas para a saúde mundial, a seguridade alimentaria e o desenvolvemento. Organismos supranacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Unión Europea (UE), xunto coa comunidade científica internacional, están tentando atallar o problema global do abuso dos antibióticos entre a poboación. Un problema do que non escapa Galicia, onde "a administración de antibióticos sen receita médica segue sendo unha práctica común nas farmacias". Así o alerta un estudo feito por investigadores da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública e do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e do Consorcio de Investigación Biomédica en Red de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP).

Antibióticos
Antibióticos | Fonte: Pixabay.

Nun estudo feito con farmacéuticos de Galicia, os investigadores constataron que a práctica de dispensar antibióticos sen receita médica atribúese a varias causas: a aquiescencia, a indiferenza e a falta de educación continua. Mentres que o problema da resistencia a estes medicamentos atribúese á responsabilidade externa, incluída a dos pacientes, os médicos, os dentistas e o Sistema Nacional de Saúde, aportan os investigadores.

RESPONSABILIDADE EXTERNA

De acordo coas conclusións de todos os grupos consultados polos investigadores, unha das variables máis influentes en xogo cando un farmacéutico dispensa un antibiótico sen receita médica é a responsabilidade externa, aspecto que se considerou para dous tipos de profesionais da saúde: médicos e dentistas.

Esta responsabilidade externa dos médicos foi sinalada polo 100% dos grupos de farmacéuticos como unha das variables máis influentes na dispensación inadecuada de antibióticos.

Do mesmo xeito, outra variable importante foi a responsabilidade dos dentistas. Todos os grupos acordaron que estes adoitaban emitir un gran número de receitas por teléfono, é dicir, "os pacientes veñen dicindo: acabo de falar co meu dentista e díxome que tomase un antibiótico", expoñen os científicos. Os grupos tamén viron aos dentistas como unha fonte de prescricións antibióticas innecesarias.

O Sistema Nacional de Saúde foi cualificado tamén como un dos principais culpables deste problema. Segundo os farmacéuticos, o acceso deficiente (espazo-tempo) aos médicos é un factor influente cando se dispensan antibióticos sen receita médica, é dicir, "outro problema é todo o tempo que se necesita para ver a un médico: o acceso é sempre máis rápido nunha farmacia", argúen.

Outra variable importante é a cantidade de prescricións receitadas no seguro privado fronte ao sistema público. A maioría dos farmacéuticos informa de que "se administran dez veces máis antibióticos no seguro privado que no Sistema Nacional de Saúde".

FALTA DE EDUCACIÓN CONTINUA

A falta de educación continua para a dispensación de antibióticos foi considerada un factor relevante polo 80% dos grupos de farmacéuticos consultados polos investigadores. Así, por exemplo, os farmacéuticos recoñecen que "para enfermidades específicas hai unha variedade de antibióticos, e comezas cos máis antigos", cando en moitos casos non son os máis efectivos.

A idade dos farmacéuticos tamén se recoñece como unha variable clave para explicar a existencia de falta de educación continua, sendo os máis antigos os que presentan este déficit. "Os farmacéuticos máis vellos administran os antibióticos moito máis facilmente" e "os máis novos administran menos antibióticos", esclarécese no estudo.

Outro aspecto mencionado e relacionado coa falta de educación continua é a consideración do problema da resistencia aos antibióticos como un fenómeno recente.

AQUIESCENCIA

Nos cinco grupos de farmacéuticos consultados polos investigadores, a aquiescencia —conformidade co que outro fai ou di— viuse tamén como unha variable importante. É dicir: "Moitas persoas administran antibióticos para reter aos pacientes", saliéntase no estudo. Un factor contribuínte foi o diferente trato outorgado aos clientes regulares e non regulares, é dicir, os farmacéuticos recoñecen que ás veces deciden dispensar antibióticos aos clientes habituais.

En esencia, a aquiescencia cede ante a presión dun paciente determinado que quere un antibiótico: "Cando coñeces ao cliente, tratas de convencelo, pero ao final, se segue insistindo, dásllo", confesaron os farmacéuticos aos investigadores. De feito, o 60% considera a presión do paciente como un factor importante á hora de dispensar antibióticos sen receita médica. Desde o punto de vista dos farmacéuticos, a porcentaxe actual varía do 5% ao 20%.

INDIFERENZA

Os participantes no estudo tamén indicaron a existencia de indiferenza e consentimento mutuo entre os farmacéuticos e outros profesionais da saúde, principalmente médicos, xunto con actitudes inapropiadas para prescribir e dispensar antibióticos, sinalando a falta de comunicación como indirectamente asociada coa indiferenza, é dicir, "dareiche amoxicilina/ácido clavulánico... pero vas ao teu médico e tráesme a receita; desa maneira, sinto que estou libre de culpa", recoñecen.

Outros aseguran que "as dúas profesións apenas están involucradas entre si, non hai lazos próximos, polo que criticamos os nosos erros pero non valoramos os nosos éxitos", mentres que outros confesan: "Ás veces entrego un antibiótico inadecuado porque non teño tempo para contactar co médico do paciente". Neste caso, identifican as dificultades de comunicación como a causa da dispensación inadecuada, pero mostran indiferenza sobre a solución do problema.

Os investigadores tamén observaron a existencia de indiferenza sobre a transmisión de información adecuada sobre os problemas de resistencia aos antibióticos aos clientes que acoden á farmacia para comprar antibióticos, xa que a indiferenza é outra forma posible de contribuír ao desenvolvemento de resistencias microbianas. "Se falas con alguén sobre a resistencia, soaralles familiar, pero tratando de explicarlles como se xeran as resistencias..., xa sabes o que quero dicir, unha forma efectiva de facerlles comprender que se toman este ou aquel antibiótico sen necesitalo, non terá ningún efecto máis adiante", argúen algúns farmacéuticos.

Finalmente, outro aspecto que se enmarca dentro da indiferenza é o feito de que o farmacéutico tamén é un empresario. "Ademais de ser profesionais da saúde, tamén somos xente de negocio", din algúns, polo que, ademais da saúde do individuo, preocúpalles a rendibilidade do negocio.

Neste punto, falan do que chaman "dispensación retardada", é dicir, a dispensación de antibióticos para un paciente coa condición de que non se usen de inmediato, senón só cando os síntomas non melloran.

Os resultados deste estudo publícanse na revista científica BMJ Open. A investigación foi aprobada polo Comité Ético de Investigación Clínica (CEIC) de Galicia. Trátase do primeiro estudo cualitativo que se realiza no Estado para explorar o coñecemento, as dificultades e as actitudes dos farmacéuticos con respecto ao uso de antibióticos e a súa relación coa resistencia microbiana

ALERTA MUNDIAL

A Organización Mundial da Saúde (OMS) activou unha alarma global ante o abuso que a poboación fai dos antibióticos e a xa demostrada perda de efectividace destes medicamentos.

A resistencia aos antibióticos está a aumentar en todo o mundo a niveis perigosos. Día tras día están a aparecer e propagándose en todo o planeta novos mecanismos de resistencia que poñen en perigo a nosa capacidade para tratar as enfermidades infecciosas comúns. Un crecente número de infeccións, como a pneumonía, a tuberculose, a septicemia ou a gonorrea son cada vez máis difíciles —e ás veces imposibles— de tratar, a medida que os antibióticos van perdendo eficacia.

Alí onde os antibióticos poden ser adquiridos sen receita médica para uso humano ou veterinario, a aparición e propagación da farmacorresistencia empeora. Nos países que carecen de directrices terapéuticas normalizadas, o persoal sanitario e veterinario ten tendencia a prescribilos —e a poboación xeral a consumilos— en exceso.

"Se non se toman medidas urxentes, o mundo está abocado a unha era post-antibióticos na que moitas infeccións comúns e lesións menores volverán ser potencialmente mortais", alerta a OMS.

Os antibióticos son medicamentos utilizados para previr e tratar as infeccións bacterianas. A resistencia aos antibióticos prodúcese cando as bacterias mutan en resposta ao uso destes fármacos. Son as bacterias, e non os seres humanos nin os animais, as que se volven resistentes aos antibióticos. Estas bacterias farmacorresistentes poden causar infeccións no ser humano e nos animais e esas infeccións son máis difíciles de tratar que as non resistentes.

A resistencia aos antibióticos fai tamén que se incrementen os custos médicos, que se prolonguen as estancias hospitalarias e que aumente a mortalidade.

Por todo isto, a OMS avisa de que "é necesario que se cambie urxentemente a forma de prescribir e utilizar os antibióticos".

"Aínda que se desenvolvan novos medicamentos, se non se modifican os comportamentos actuais, a resistencia aos antibióticos seguirá representando unha grave ameaza. Os cambios de comportamento tamén deben incluír medidas destinadas a reducir a propagación das infeccións, a través da vacinación, o lavado das mans, a seguridade das relacións sexuais e unha boa hixiene alimentaria", advirten dende este organismo internacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta