Veciños teñen que fuxir polas fiestras para evitar os lumes en Vincios (Gondomar)

A Garda Civil e a Policía tiveron que desaloxar aos veciños de Vincios, en Gondomar, pola proximidade das lapas ás vivendas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2017 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

Efectivos da Garda Civil e a Policía Nacional comezaron a desaloxar aos habitantes da poboación de Vincios, en Gondomar (Pontevedra), así como aos veciños dos núcleos de Devesa e Sobreira pola proximidade das lapas ás vivendas.

Lume en vincios
Lume en vincios | Fonte: youtube

Diso informaron fontes da Policía Nacional, que sinalan que mesmo tiveron que romper as xanelas dalgunhas vivendas para sacar a persoas maiores do interior das súas casas, que se viron alcanzadas polas lapas. En Sobreira, unha nonaxenaria viuse afectada por inhalación de fume a consecuencia dun incendio forestal que ameaza este núcleo de poboación da área metropolitana da cidade olívica.

Segundo informaron fontes da Policía Nacional, na zona de Sobreira-Valadares está activado un protocolo de actuación ante a proximidade das lapas ás casas.

Ademais, os axentes, en colaboración con voluntarios de Protección Civil, atópanse despregados na área realizando tarefas de desvío do tráfico, xa que varias estradas están cortadas debido á presenza de lume.

A área metropolitana de Vigo rexistra varios incendios nunha xornada de domingo con gran actividade incendiaria en toda a provincia de Pontevedra. No monte Galiñeiro, os Bombeiros de Vigo están a traballar para sufocar as lapas, que avanzan ladeira abaixo. Na zona actúan tres coches e 12 efectivos.

Segundo fontes dos bombeiros vigueses, incorporáronse 20 efectivos que este domingo estaban de descanso, que se suman ás 23 persoas que estaban de quenda.

Así mesmo, o Concello de Vigo ofreceu a "dispoñibilidade absoluta" dos seus efectivos de bombeiros á Xunta de Galicia para combater os incendios forestais. O incendio de maior magnitude é o que afecta a Ponteareas (Pontevedra), que se estendeu ás localidades limítrofes de Redondela, Soutomaior e Pazos de Borbén. O lume arrasou xa máis de 1.500 hectáreas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta