Temas: INCENDIOS LUME

Xa son catro os mortos polos lumes en Galicia

Trátase dun septuaxenario que morreu cando apagaba un incendio subido a un muro nunha parroquia de Vigo.

Por E.P. | VIGO | 16/10/2017 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

A morte dun septuaxenario cando apagaba un incendio subido a un muro nunha parroquia de Vigo eleva a catro as vítimas mortais pola vaga de incendios que afecta a Galicia.

Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes sanitarias, ás 22,10 horas do domingo o 061 recibiu o aviso da caída dun home desde un muro na zona de Rial cando apagaba un lume na parroquia viguesa de San Andrés de Comesaña.

Ao lugar acudiu unha ambulancia medicalizada para atender ao home A.C.S., de 70 anos de idade, que ingresou cadáver no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo.

OUTROS TRES FALECIDOS

Os incendios cobráronse a vida doutras dúas persoas no interior dunha furgoneta tras verse na tarde do domingo atrapadas polo lume nun incendio na parroquia de Chandebrito, en Nigrán (Pontevedra).

A hipótese que se baralla é que as dúas persoas viaxaban nunha furgoneta cando se viron atrapadas polas lapas dun dos incendios declarados na localidade do Val Miñor.

Ademais, unha persoa de idade avanzada, veciño da parroquia de Abelenda, no municipio de Carballeda de Avia (Ourense), converteuse na terceira vítima mortal por mor da vaga de incendios que afecta a Galicia.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes da Consellería do Medio Rural, o cadáver deste terceiro falecido foi achado nun galpón situado detrás da súa casa.

A hipótese barallada é que o señor quixo ir apagar pola súa conta e risco as lapas que cercaban a súa vivenda, pero caeu e non foi capaz de levantarse, ata que foi alcanzado polas lapas.

Temas: INCENDIOS LUME
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta