(AM) Iglesias reclama en Vigo políticas contra incendios con máis investimento en prevención e medios

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, remarcou en Vigo que son necesarias políticas públicas contra os incendios forestais, a través das que se invista en máis medios, en mellorar as condicións de bombeiros e brigadistas, e en prevención. Ademais, referendou o seu compromiso en traballar nunha nova regulación neste sentido.

VIGO | 17/10/2017 | Actualizada ás 15:50 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, remarcou en Vigo que son necesarias políticas públicas contra os incendios forestais, a través das que se invista en máis medios, en mellorar as condicións de bombeiros e brigadistas, e en prevención. Ademais, referendou o seu compromiso en traballar nunha nova regulación neste sentido.

Pablo Iglesias en Vigo
Pablo Iglesias en Vigo | Fonte: Europa Press

Así o trasladou tras unha reunión celebrada na mañá deste martes na sede da asociación de veciños de Navia, onde, xunto ao secretario de sociedade civil da formación, Rafael Mayoral, analizou a situación con membros da brigada de reforzo de incendios forestais, de comunidades de montes e de sindicatos de bombeiros e axentes forestais.

Iglesias puxo en valor o traballo que realizan os efectivos que combaten estes días os incendios así como o dos propios veciños, sobre os que fixo un símil coa recollida de chapapote tras a catástrofe do 'Prestige'. "Un pobo de Galicia que sempre dá a cara ante calquera adversidade", remarcou.

Neste contexto, incidiu en que hai que "protexer aos bombeiros forestais e urbanos, e aos brigadistas", pois as súas condicións "de precariedade" son "vergoñosas", e non dispoñen de medios suficientes. Acto seguido, engadiu que é necesario "un marco xeral que protexa aos bombeiros e levar a cabo políticas públicas de prevención de incendios".

"É fundamental que todo o mundo entenda que protexer os servizos públicos é protexer aos bombeiros forestais e urbanos e aos brigadistas", insistiu, antes de reclamar ás administracións que escoiten aos profesionais, xa que "hai cousas que se poden facer mellor" e hai que estar "á altura dos incendios do século XXI, que en moitos sentidos están a cambiar".

Finalmente, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, valorou o traballo realizado nos últimos días polos veciños, que foron quen de "suplir o que a administración non é capaz de prever nin garantir: A seguridade", afrontando incendios nos que catro persoas perderon a vida e nos que tamén se produciron danos materiais e ecolóxicos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta