Temas: EDUCACIóN

A Consellería de Educación incrementa en 360.000 € os concertos co ensino privado

A CIG denuncia que, mentres a Xunta practica un “recorte sistemático” no ensino público, incrementa as axudas aos centros privados.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/10/2017 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

A Xunta aumenta en 360.000 euros máis os concertos co ensino privado. Así o recolle o DOG de mércores, que publica a orde de 9 de outubro de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2017/18.

Colexio privado feminino
Colexio privado feminino

Uns cartos que a Consellería de Educación destina a contratar persoal como logopedas, fisioterapeutas, axudante técnicos/as educativos/as, psicólogos/as, pedagogos/as, traballadores/as sociais, intérpretes de linguaxe de signos e coidadores/as. “Son perfís, salvo este último que, aínda sendo moi necesarios e reclamados pola CIG Ensino non existen no ensino público”, denuncia a CIG-Ensino, que pide que os centros públicos tamén poidan ter este tipo de profesionais.

Por iso, o seu secretario nacional, Suso Bermello, destaca que “mentres Educación practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado, curiosamente, mantén inalterada desde 2012 esta partida económica que se incrementou naquel ano un 37% respecto do anterior”. 

Reparacións e realización de obras

Estas axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo permítelles a estes centros, a máis da contratación de persoal, a reparacións, mantemento e obras ou instalacións así como a compra de material funxíbel e non funxíbel.

Estes cartos súmanse aos concertos que xa recollen de por si cantidades destinadas a estas necesidades especificas, permitindo a estes centros privados contar con servizos, modificar instalacións e contratar persoal que os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial, poden prestar ou contratar. “Estamos pois”, remata Suso Bermello, “ante un caso flagrante de discriminación inaceptábel en favor do ensino concertado e un enésimo ataque do Partido Popular ao Ensino Público Galego”.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gustavo Adolfo Garrido

Por que ilustrades cunha fotografía de escolares dun colexio privado británico? Non se pode facer unha foto similar cos de aquí?