Case mil brigadistas acaban contratos con previsión de alto risco de lumes: “Podemos ter outra desgraza”

Os comités de Seaga sinalan ao responsable de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, como "o problema" e esixen a súa dimisión, porque "leva 23 anos facendo o que quere" e "repartindo traballo a empresas privadas". Piden ter un dispositivo contra os lumes todo o ano. A Xunta di que prorroga ata o día 12 de novembro o dispositivo antiincendios.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/10/2017 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Brigadistas de Seaga alertaron de que a final deste mes de outubro terminan os seus contratos prorrogados os 500 empregados desta empresa pública de extinción e 436 traballadores de persoal laboral do servizo da Xunta ante unha previsión de "alto risco" de incendios. Peter Brea, delegado sindical de Seaga na provincia da Coruña, sinalou que a previsión meteorolóxica é que se manteña a seca, despois de que a choiva caída nos últimos días non fose "suficiente para mollar o terreo", mentres se mantén o vento do Sur que cambiará a nordeste a partir do fin de semana. "Se vén o aire podemos ter outra desgraza", avisa. Con todo, a Xunta asegura que volveu a prorrogar ata o día 12 de novembro o dispositivo antiincendios xa prorrogado con anterioridade para evitar novos 

Loita contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Loita contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Nesta liña, o presidente do comité de empresa de Seaga na provincia de Lugo, Héctor López, apuntou que se prevé "bastante vento" para próximos días, e lamenta que a Consellería de Medio Rural teña que estar "sempre pendente do tempo" para actuar, "no canto de montar un dispositivo que dure todo o ano".

Por iso, o presidente do comité de Pontevedra, Josafat Puente, pregúntase se Medio Rural vai actuar coa "irresponsabilidade absoluta" da pasada vaga de incendios de "desmontar un operativo dous días antes" para "volver montalo" ante o agravamento da situación. "Pensa facer o mesmo de botarnos á rúa ou volvernos coller se a cousa vai mal?", pregúntase.

Tras explicar que tamén se prevé que traballadores de Tragsa cesen en próximos días —unido aos de Seaga e o persoal laboral que se contrata por tres meses—, os brigadistas cargaron contra a "improvisación" do operativo da Xunta, xa que "a política forestal da Consellería a determina o ciclón das Azores".

CONSELLEIROS "MONICREQUES" DE FERNÁNDEZ-COUTO

"O problema sabemos todos onde está", resumiu Peter Brea, en referencia ao responsable de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, "que leva 23 anos facendo o que quere" e "repartindo traballo a empresas privadas".

Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

De feito, preguntados sobre se tamén piden a dimisión da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, Brea explicou que "xa dimitiron varios conselleiros" nos últimos anos, pero di que só son "monicreques" de Fernández-Couto.

Considera que a política forestal "é un fracaso" por culpa de Fernández-Couto, polo que a súa marcha "é a clave para o cambio de política forestal deste país".

Así mesmo, censuran que "a Xunta con Fernández-Couto á fronte deixou a investigación de lado", pois "quitou o orzamento que tiñan os axentes forestais, que son os que saben realmente das causas do lume" e "quitou o orzamento de investigación".

Ademais, Brea apunta que os traballadores de extinción necesitan formación, "porque os lumes que están a vir non son como os de antes, son auténticas treboadas de lume". "Se queremos parar esta lacra temos que saber de onde vén", sentenza.

Todo iso, mentres se reclama de novo un servizo de loita contra o lume "público, único e eficaz", que se manteña todo o ano e no que se acabe coa precariedade.

RISCO DE REACTIVACIÓN DE LUMES

E é que Peter Brea lembra de que os traballadores de Seaga avisaron o 11 de outubro de que "podería pasar unha desgraza" ante as previsións meteorolóxicas existentes, unha desgraza que "pasou" na vaga de lumes, "pero podía ser moitísimo peor", porque "os incendios en Pontevedra apagounos a auga".

Non obstante, remarca que non choveu o suficiente e, de feito, as brigadas "están a revisar os lumes" para evitar o risco de que se activen "outra vez" ante a seca existente, "porque se están levantando fumaredas".

"OVELLAS NEGRAS"

Neste sentido, o secretario confederal de Medio Rural da CIG, Paulo Rubido, reclama un servizo permanente no tempo sen improvisación. "Non vaia ser que despois haxa unha vaga de lumes e volvan imputarnos a nós ou aos brigadistas a autoría dos incendios, cousa que é absoluta mentira", clamou.

E é que un dos puntos sobre os que quixeron chamar a atención os membros de Seaga é que non entenden que se "dubide" do seu labor. "Unha persoa que está 12 horas en perigo (...) asegurámosvos que non é a que prende lume", deixa claro Peter Brea.

"Hai ovellas negras, pero somos miles de traballadores e non chegan a cinco os que están detidos e prenden lume", razoa este brigadista. "Non entendemos que por pecadores paguen os xustos", afirma Brea.

A XUNTA PRORROGA DISPOSITIVO

Pola súa banda, a Xunta anunciou que volveu a prorrogar ata o día 12 de novembro o dispositivo antiincendios xa prorrogado con anterioridade para evitar novos lumes, ante a previsión de que nos próximos días haberá tempo seco, con sol e sen choivas, segundo informou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Do mesmo xeito, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, comunicou que nos controis realizados na mañá deste mércores nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, así como en acuíferos próximos ás zonas nas que se declararon os incendios o 14 e 15 de outubro, non se reportou "ningún tipo de vertedura".

Ambas conselleiras fixeron estas declaracións este mércores durante unha visita a Ventosela, en Redondela, onde supervisaron os labores inspección encaradas a evitar o arrastre de cinzas dos incendios cara aos bancos marisqueiros nesta parroquia, unha das zonas máis vulnerables a este tipo de contaminación tras os lumes, xunto ás desembocaduras dos ríos Miñor e Verdugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

3 Pastelao

O titular parece mais uma ameaça que qualquer outra coisa, a verdade.

2 Nemesio

Tal como se cuenta, parece que algunos desean fervientemente y hacen todo lo posible para que ocurra dicha desgracia.

1 José

Que Tomás Fernández Couto está amortizado sábeo desde o chofer da conselleira ata o que pega os selos en San Lázaro. O seu cese hase producir cando o PP dea compensado as interpretacións que dese movemento poidan facer os medios de comunicación afíns e a súa propia base electoral. 23 anos non se borran dun plumazo. No PP seguro que xa hai xente que gostaría de mudar o discurso de sempre e facerlle sitio ás frondosas e a outra visión do monte, non a de sempre, a monocorde e monocromática do eucalipto. Por outro lado, ese colectivo de brigadistas que quere estar contratado a tempo completo e todo o ano debería saber que cando así sexa, botarán de menos a vida anterior, pero será ben tarde....

1 En fin

Cando fales faino con argumentos e non con ideais. Frondosas? Gustaríame saber se coas dimensións do sector forestal galego, cos milleiros de empregos directos e indirectos, cos miles de empresas como se ía vivir dunhas frondosas que non teñen saída no mercado. Que pensás que 10000 toneladas de Carballo para barricas, 20000 de castiñeiro para vigas van sacar rendemento ao monte? Vivimos nun mundo que tende aos produtos biodegradables onde a celulosa é un componente esencial, por non falar do ciclo do CO2, ou de que o monte é privado e precisa rendemento para non abandonarse, e o eucalipto ofrece todo iso. Fala de xestión e non de especies ou infórmate. En fin

2 José

Finito.., parece que falar de frondosas é mentar a bicha.. Textualmente repito o que está escrito máis arriba: "facerlle sitio - SITIO- ás frondosas", sen máis precisión, e vas e poste como un teleñeco...en fin

3 En fin

José. Datos Inventario forestal 4 para Galicia. Frondosas puras ou en mestura 415 mil hectáreas, frondosas autóctonas en mestura con especies de produción 250 mil hectáreas (das cales mestura de frondosas con eucalipto só 20 mil, pino e eucalipto 120 mil e pino e carballo 110 mil) , piñeirais 430 mil hectáreas.... eucaliptais puros 280 mil hectáreas. Estes son datos o resto percepcións politizadas e interesadas. Por certo, desas 280 mil, das que a maioría están non centro norte da Coruña e Lugo, cantas arderon? Datos por favor.

4 José

Pero ché, cando me refiro a facerlle sitio, non me refiro, precisamente, ao concepto físico de ESPAZO, senon ao concepto económico, ese que fai tilín no peto e do que, como ben dís, hai tempo que as frondosas foron desterradas. Se hai ben anos, seguindo os consellos de enxeñeiros máis razonables que os de hoxe, lle tivesemos feito ese sitio, hoxe gozaríamos dunha industria diversificada, non dependente en exclusiva dunha especie contra a que eu non teño nada. Agora ben, se queredes converter o país nunha nova Tasmania, pois non. Por iso, o PP deberá pór freo ao abuso que se fai do eucalipto. Porque, senón, outros o frearán... E vai buscar os datos ao gugle

5 A todo porquiño lle chega...

Se non roda a cabeza do tan citado, rodará a do presidente. A base electoral deberá telo claro. A todo porquiño lle chega o seu San Martiño. E este e un San Martiño moi afumado.