Turismo político

Cando na estrada hai un accidente vemos que moitos coches baixando a velocidade para "botar un ollo" e mirar como quedou o coche, se hai mortos ou si hai sangue. Para qué? Supoño que para contalo logo, "sabedes ía pola estrada e...". Este é o turista improvisado, o que pasaba por alí e picoulle a curiosidade sen decatarse de que entorpecía o tráfico.

Por Andrés Núñez Rajoy | Pontevedra | 26/10/2017

Comparte esta noticia
Logo está o turisteo do morbo, en incremento, por desgraza, nesta terra. Que non? Podería poñer varios exemplos pero amolaría ás localidades que visitan. Ultimamente levo visto, e outros que me contaron, excursións de xente a sitios onde houbo unha desgraza importante, ou un crime, ou un apuñalamento. Canto máis complicado sexa na súa composición e mistura, máis sangue e máis mortos, máis turistas do morbo.
 
Nestes días de lume e tristura estase xerando un turisteo que pasa sempre que hai unha desgraza colectiva coma inundacións, furacáns, un barco que derrama contaminantes no mar, ou coma neste caso as desgrazas provocadas polo lume. Son o que chamo os Turistas Políticos, os de aquí e os de fora, uns están o primeiro día, outros o segundo. Todos gravan ás súas palabras en zonas desvastadas polo lume (que se vexa ben o queimado detrás). Van os de aquí e os de Madrí, os dun lado e os doutro. Uns fan fotos e autorretratos que axiña o seu equipo coloca nas redes. Todos cunha morea de xente detrás (mágoa de brazos o día do lume, diría a finada de miña avoa) . Uns deféndense dicindo que son mafias, mesmo terroristas, outros contraatacan criticando o que non se fixo. Mañá xa é outro día e xa teremos outra cousa de que falar. Todo é inmediato. Todo é xa.
 
E todo isto é o que máis me amola. O lume non é unha cousa para pasar a outra. Xa sabemos moitas cousas dos lumes, ou non? Como galegos sabemos que non hai tramas, nin mafias nin organizacións terroristas no lume, senón que fixo a policía ou a Garda Civil ou a fiscalía nos derradeiros corenta anos? Demostraron algo, non. E en caso de habelas son as mesma que as de California ou as de Grecia?. Sabemos que hai pirómanos e tamén sabemos que o lume, algunhas veces, "se escapa". Sabemos que se edificou en zonas puras de monte, que hai casas, cortes es cortellos, naves e garaxes en moitas pistas forestais logo xa se asfaltarán. Sabemos que o rural estase despoboando e non se fai nada. Sabemos que a maioría da superficie do monte non está coidado. Sabemos que somos o que menos superficie medioambiental protexida temos de toda España. Sabemos que "non sabemos que facer" diante duns incendios coma estes cando se dan as condicións 30-30-30.
 
Si sabemos todo isto temos un grave problema de estado, ou de comunidade para os máis suspicaces. Este problema non o soluciona só un goberno, hai que chegar a un gran Acordo ou Pacto de Galicia contra o lume no que teñen que estar todos, sen exclusións, os partidos, os sindicatos, as CMVMC, os colexios profesionais, a industria, as organizacións ecoloxistas, as universidades, etc.
 
Agora temos que enterrar e chorar aos falecidos. Temos que reparar os danos o mellor que se poida. Temos que evitar a erosión do queimado e a contaminación dos ríos. Temos que criticar e esixir responsabilidades (o cortés non quita o valente).
 
Por todo iso non me gusta os Turistas Políticos, non, que fan a foto e logo a outra cousa. A min gústame a POLÍTICA, con maiúsculas a de compromiso co país, a que propón e tamén esixe, a que quere chegar a acordos. Esa política de todos é a que ten que levar a ese Pacto de Galicia contra o lume no que os ingleses cualifican cunha palabra que non existe en español que é "compromise" (settlement of differences in which each side gives up something it has previously demanded, que poderíamos traducir libremente por liquidar as diferencias nas que cada lado renuncia a algo que antes esixía) e que en galego poderíamos chamarlle"sentidiño", o resto é comida (lixo) para hoxe e lume para mañá. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Últimas de Andrés Núñez Rajoy
Andrés Núñez Rajoy Enxeñeiro Técnico Agrícola. Leva na profesión case corenta anos. Traballou na Cooperativa Agraria Provincial da Coruña como xefe do Departamento do Hortofloricultura. Foi Axente de Extensión Agraria na oficina de Carballo. Estivo adicado a investigación e experimentación en horticultura tendo máis de 20 publicacións en revistas especializadas. Foi coautor do primeiro libro de horticultura en galego. Foi Xefe do Servizo de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal na Consellería do Medio Rural. Foi membro do Comité Fitosanitario Nacional, Comisión Nacional de Avaliación de Fitosanitarios e Comisión Nacional de Bioseguridade . Na Unión Europea formou parte do Committee on the Food Chain and Animal Health. Na actualidade traballa no Servizo de Infraestruturas Agraria en Pontevedra. É o responsable da Secretaría de Finanzas, Patrimonio e Internacional da Comisión Executiva Nacional de Compromiso por Galicia