Lugo, liderado para a historia

O equipo lucense, tras gañar ao Nàstic e empatar Osasuna en Tenerife, é líder en solitario da Segunda División por primeira vez na súa historia. Suma 23 puntos e sete vitorias en doce xornadas, con tan só tres derrotas.

Por gcdeportes | Lugo | 30/10/2017 | Actualizada ás 08:25

Comparte esta noticia

Tirar unha foto da clasificación para gardala. Por primeira vez na súa historia, o Club Deportivo Lugo é líder da Segunda División. Na sétima campaña na categoría de prata, a sexta consecutiva, o equipo lucense suma 23 puntos en doce xornadas que lle serven para situarse no alto da táboa en solitario.

O CD Lugo levaba dúas xornadas compartindo liderado co Osasuna, pero tralo empate dos navarros en Tenerife (0-0), o equipo lucense queda só no cumio da clasificación con eses 23 puntos. Por detrás, dous históricos: Sporting de Xixón con 22 e Osasuna con 21.

No primeiro curso de Francisco Rodríguez como adestrador, o CD Lugo leva 7 vitorias, 2 empates e tan só 3 derrotas nas doce primeiras xornadas. E todo con 12 goles a favor e 9 en contra. Das sete vitorias lucenses, seis foron pola mínima, todas agás o 2-0 ao Córdoba. O último triunfo, que vale para acadar un liderado histórico, foi o sábado ante o Nástic no Anxo Carro grazas a un gol de Campilllo no primeiro tempo.

Antes desta data para a lembranza, o CD Lugo fora segundo na táboa en seis ocasións, catro na campaña pasada con Luis César e dúas na 2013-14 con Quique Setién. Dase a casualidade que, ademáis de acadar o liderado por primeira vez na súa historia, con Francisco Rodríguez de adestrador, o Lugo estivo esta campaña por primeira vez en postos de descenso dende o seu ascenso a Segunda División no 2012. Foi na segunda e terceira xornadas, tras un comezo dubitativo (só 2 dos primeiros 12 puntos); despois, chegou a reacción, con catro vitorias consecutivas. Trala derrota 2-0 en Granada na oitava xornada, de novo a boa xeira: 10 dos últimos 12 puntos. En total, 23 e primeiro posto.

Como dixo o técnico Francisco tralo partido co Nàstic, tirar “fotos da táboa” para gozar delas e “manter os pés no chan e ser humildes”. Dende este martes, toca preparar a visita a Oviedo: domingo ás 12.00 horas no Carlos Tartiere.

O once inicial do CD Lugo que venceu o sábado ao Nàstic.
O once inicial do CD Lugo que venceu o sábado ao Nàstic. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Parabéns!