A morte digna

No meu exercicio profesional -xa van aló máis de trinta anos-, tiven que acompañar moitas persoas nos seus últimos pasos na vida.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 24/11/2010

Comparte esta noticia

Axudar o paciente e a súa familia neste transo é, ao meu ver, unha das obrigas máis importantes da práctica médica. Por iso celebro o anuncio do goberno de que se vai lexislar o dereito a morrer con dignidade, regulando e dando protección a todas aquelas prácticas profesionais que teñen por finalidade aliviar a dor, o sufrimento e a angustia que aparecen, a miúdo, ás beiras da morte. Ás veces, a obstinación dos médicos non axuda a prolongar a vida senón a manter o padecemento da agonía.

Na última década houbo en España intensas polémicas sobre este tema. A morte de Ramón Sampedro e a película Mar adentro provocaron un tenso debate. O caso Leganés, iniciado en 2005 por unha denuncia anónima que acusaba os médicos dese hospital de practicaren sedacións a pacientes terminais de forma irregular, provocou unha grande conmoción social. O doutor Montes e os seus compañeiros foron absoltos polos tribunais de xustiza, pero pasaron un longo calvario, sendo sinalados polos seus acusadores como asasinos e nazis.

Moitos países de Europa xa contan con esta regulación desde hai anos. Andalucía aprobou, o pasado mes de marzo, a súa propia Lei de morte digna. En Galicia tamén se deron algúns pasos: o goberno de progreso elaborou a Lei de vontades anticipadas e puxo en marcha o Rexistro Galego de Instrucións Previas. Tamén impulsou o Plan galego de coidados paliativos (2006), por entender que o sistema sanitario debe mellorar a calidade de vida sen prolongar de xeito artificial a supervivencia máis alá do razoable, dándolles apoio emocional aos familiares e aliviando a dor dos enfermos.

Aínda queda moito por avanzar neste terreo, que conta coa tenaz oposición da Igrexa católica e os grupos políticos afíns. No Manifesto de Santander, promovido polo doutor Montes en 2008 e asinado por milleiros de persoas, afírmase que todo cidadán "ten dereito a recibir información veraz sobre a súa doenza, a rexeitar os tratamentos, a limitar o esforzo terapéutico e a elixir entre as opcións dispoñibles, como a sedación terminal". Tamén se reclama a promoción dun debate sobre a eutanasia e o suicidio asistido de persoas que padecen, ao final da súa vida e a pesar dos coidados paliativos, un sufrimento insoportable do que desexan librarse con todas as garantías legais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.