Temas: PODEMOS

Os críticos de Podemos-Galicia avanzan futuras alianzas con outras forzas tras o acontecido en Podem Catalunya

Din que van “repensar” a súa situación en Podemos e lembran que Pablo Iglesias xa fixo antes en Galicia un “breoganazo” similar ao acontecido con Dante Fachin.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 07/11/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

“Ante os ultimos acontecementos internos e externos, incluído todo o que ocorre en Catalunya, en PODEMOS 15M vímonos obrigados a tomar unha decision e repensar o noso labor en PODEMOS que xa non ten sentido como un simple movemento interno, debido a que tras unha intervencion de facto en Galicia por parte de Madrid, agora en Catalunya repítense ditas actuacións centralistas que atentan gravemente contra a democracia do partido e os inscritos con decisións centralistas contrarias á plurinacionalidade”. É a denuncia que fan os críticos de Podemos en Galicia tras a dimisión do líder de Podem Cataluña, Albano Dante Fachin.

Críticos de Podemos Galicia
Críticos de Podemos Galicia | Fonte: Europa Press.

Así, nun comunicado lembran que o que aconteceu en Cataluña xa pasou antes en Galicia co “Breoganazo”, en alusión as tácticas empregadas por Pablo Iglesias para apartar ao ex líder de Podemos en Galicia, Breogán Riobóo. 

E neste sentido, cargan contra a “delegada estatal” de Podemos en Galicia, en alusión a Carmen Santos, por apostar por explorar posibles pactos electorais co PSOE, “un PSOE que apoiou a aplicacion do articulo 155 en Catalunya e que se manifesto en Barcelona da man do PP, CIDADÁNS e VOX, a favor da aplicacion de devandito articulo 155”, denuncian os críticos. Así, din que Podemos Galicia “non existe salvo de forma virtual” e que a Secretaria Xeral “non exerce como tal”, senón como “unha delegada estatal repetindo como un copia e pega todo o que se decide en Madrid, sen autonomia algunha”. 

Explorar posibles alianzas

Por iso, e ante o acontecido en Cataluña, anuncian que xa solicitaron un CIF como movemento político ao Ministerio de Facenda para “comezar a realizar funcións politicas de forma independente e autonoma”. O obxectivo, din, é comezar a preparar as futuras eleccións municipais, “que se poderán afrontar en solitario representando á militancia de Podemos nos concellos nos que se nos solicite polos inscritos, e/ou explorar posibles alianzas onde se considere necesario”.

Breogán Riobóo, ex secretario xeral de Podemos Galicia
Breogán Riobóo, ex secretario xeral de Podemos Galicia

Con todo, inciden en que seguirán formando parte de Podemos Galicia para “dar voz ás bases silenciadas”. “Partindo desta base estamos abertos a establecer alianzas co noso partido estatal, do cal seguimos e seguiremos formando parte todos os militantes a nivel individual”, aclaran. 

Temas: PODEMOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta