Temas: CLIMA SECA

Temperaturas máximas case cinco graos por enriba da media en outubro en Galicia

O mes tamén rematou con niveis de choiva por debaixo do habitual.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2017 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O mes de outubro en Galicia terminou coa media das temperaturas máximas máis elevada da serie histórica, cun total de 4,7 graos por riba, mentres que as cantidades de choiva situáronse por baixo do habitual. Son datos que fixo públicos este martes Meteogalicia, que tamén indicou que o valor medio das temperaturas máximas foi de 22,7 graos e que as mínimas se situaron en parámetros normais, de 9,9.

Bar, bares, xente, persoas, persoa, turismo en Madrid, turistas, turista
Bar, bares, xente, persoas, persoa, turismo en Madrid, turistas, turista | Fonte: Europa Press

Os valores máis altos das máximas rexistráronse nas comarcas ourensás do Ribeiro e Carballiño, con case 29 graos; mentres os máis baixos das mínimas tamén se deron en Ourense, na comarca da Limia, cuns dous graos. No lado oposto, a zona de Vigo viviu as temperaturas mínimas máis altas, ao redor dos 16 graos.

En canto ás precipitacións, foron moi escasas en Galicia durante o mes pasado e practicamente limitáronse ao período comprendido entre os días 16 e 21.

Así pois, non só a cantidade de choiva estivo por debaixo do habitual, senón tamén o número de días nos que se produciu. Nun mes de outubro normal, superaríanse os 10 días de precipitacións, mentres nesta ocasión foron entre tres e seis.

FURACÁN OFELIA

Con estes datos, o mes de outubro caracterizouse polas situacións anticiclónicas, segundo Meteogalicia, e polo achegamento do furacán Ofelia ao seu paso desde as Azores até Irlanda.

Tal e como explica este organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, dado que as temperaturas superficiais da auga do mar estaban máis cálidas do normal, a actividade de Ofelia cando pasou fronte ao litoral oeste da Península Ibérica aínda era elevada.

Isto provocou, ademais das altas presións, que os ventos fosen fortes do sur e achegasen aire cálido, co que o día 15 —cando se produciu a vaga de incendios— rexistráronse nalgúns puntos as temperaturas máis elevadas de outubro.

Após o paso do furacán, chegaron as borrascas que circulaban polo Atlántico norte e deixaron choivas débiles o día 16 que cubriron xa todo o territorio o 17. Estas precipitacións seguiron até o día 20, o máis chuvioso do mes.

Temas: CLIMA SECA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta