Investigan ao pai dun menor de 12 anos por facilitarlle un vehículo para conducir en Ordes (A Coruña)

Admite que non era a primeira vez que lle deixaba o coche e asegura que non era consciente de que fora un feito tan grave

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2017 | Actualizada ás 11:46 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Guardia Civil do Grupo de Investigación e Análise de Tráfico (GIAT), pertencentes ao Sector de Tráfico da Guardia Civil de Galicia, investigaron esta semana ao pai dun menor, de 12 anos de idade, por facilitarlle un vehículo para conducir.

Segundo informa a Comandancia da Coruña, os feitos ocorreron o pasado 19 de agosto na área de Servizo de Ameixeira, situada no quilómetro 39,500 da autoestrada AP-9 ao seu paso polo termo municipal de Ordes (A Coruña).

As mesmas fontes relatan que varias persoas observaron como un menor de idade, de entre 10 e 12 anos, circulaba só ao volante dun vehículo usado como taxi, marca Peugeot e modelo 508, polo interior desa área de servizo, mentres un adulto e outro menor duns 16 anos observábano como conducía desde fóra.

As testemuñas alertaron deses feitos ao Subsector de Tráfico da Guardia Civil da Coruña a través do teléfono de emerxencias 112, pero ausentáronse do lugar antes das chegadas das patrullas.

Após as correspondentes investigacións levadas a cabo polo GIAT do Sector de Tráfico de Galicia, localizáronse ás testemuñas e alertantes dos feitos, un en Santiago de Compostela e outro en Reinosa (Cantabria).

Así, os axentes chegaron á conclusión polas probas achegadas e manifestacións dos mesmos, que o vehículo que conducía o menor tratábase dun taxi a nome dun veciño do Higuerón (Córdoba), e que as persoas que o observaban eran o seu pai, titular do vehículo, e un irmán do mesmo de 16 anos.

O día 8 de novembro finalizáronse as dilixencias, após a toma de manifestación en calidade de investigado ao citado titular do vehículo, como cooperador necesario para a comisión dun delito contra a seguridade viaria por parte do seu fillo de 12 anos (menor de idade sen responsabilidade penal), ao proporcionarlle a condución dun vehículo a motor a persoa que non obtivo nunca permiso de condución.

NON ERA A PRIMEIRA VEZ

O pai admitiu na súa declaración que non era a primeira vez que lle deixaba o vehículo ao menor para conducir e manifestou que non era consciente de que fose un feito tan grave.

Nas devanditas actuacións colaboraron o Posto da Guardia Civil de Reinosa (Cantabria) e o GIAT do Subsector de Tráfico de Córdoba.

As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de garda de Ordes, que puxo os feitos tamén en coñecemento da Fiscalía de Menores da Coruña.

A Guardia Civil lembra que este tipo de condutas que "pon en risco tanto ao propio menor como aos demais usuarios da vía", están penadas con prisión de tres a seis meses ou coa de multa de 12 a 24 meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta