Feijóo di que actualmente hai "máis recursos" para enfrontar outro Prestige

Evita falar da xestión do desasttre e bota en falta que, após desta catástrofe, non exista unha sentenza que obrigue a "os responsables patrimoniais" a que "paguen o dano" ás costas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2017 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a día de hoxe hai "máis recursos" para facer fronte ao afundimento dun petroleiro como o Prestige, aínda que botou en falta que após desta catástrofe exista unha sentenza que obrigue a "os responsables patrimoniais" a que "paguen o dano" ás costas.

Feijóo e Xose Cuíña durante o último goberno de Fraga
Feijóo e Xose Cuíña durante o último goberno de Fraga

Así o dixo o xefe do Executivo galego en resposta a preguntas dos medios no día que se cumpren 15 anos do accidente do petroleiro fronte ás costas galegas. Década e media despois daquela catástrofe que verteu máis de 60.000 toneladas de fuel na costa de Galicia, Núñez Feijóo asegurou que "os responsables máximos" dos organismos implicados "aprenderon" o impacto "ambiental, sentimental e obxectivo" que aquel suceso tivo sobre a economía galega.

"Hoxe temos máis medios, temos máis protocolos, hoxe temos máis barcos, máis barreiras anticontaminación, máis almacéns loxísticos", dixo Feijóo, que mencionou tamén infraestruturas como o porto exterior da Coruña.

Con todo, o presidente da Xunta lembrou que "o risco cero non existe" e que "evidentemente seguen pasando miles de barcos con sustancias perigosas" polo corredor de Fisterra. Por iso, pediu ser "absolutamente rigorosos" na clasificación e na inspección dos barcos, un obxectivo que "implica a todos". "O risco cero non existe, pero obxectivamente temos máis recursos dos que tiñamos e máis experiencia", resumiu.

REPARACIÓN PATRIMONIAL

Para o xefe do Goberno galego, o que falta a 15 anos desa catástrofe é unha "sentenza" segundo a cal os "responsables patrimoniais" dean "conta" das indemnizacións por permitir circular a "unha chatarra flotante".

Neste sentido, confiou en que a xustiza "siga asistindo" aos galegos e que "os responsables desde o punto de vista económico paguen o impacto" que causou o fuel nas costas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta