Urxen á Xunta a analizar os niveis de contaminantes en augas e encoros logo dos incendios

A Sociedade de Historia Natural avisa dos riscos para a saúde de elementos tóxicos prexudiciais e esgrime varios estudos

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2017 | Actualizada ás 20:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural avisa de que os incendios forestais xeran en "grandes cantidades" hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP), "moitos" dos cales "son contaminantes orgánicos tóxicos, persistentes e bioacumulables", que "en maior ou menor medida teñen, ou se sospeita que teñen, efectos carcinoxénicos ou mutaxénicos".

Billa, auga, cociña, fregadero
Billa, auga, cociña, fregadero | Fonte: Europa Press

Nun comunicado, explica que estes contaminantes son arrastrados polas choivas até os cursos e masas de augas, polo que esixe á Consellería de Sanidade (en colaboración con Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e servizos municipais de auga) a que proceda a analizar "urxentemente" os niveis destes tóxicos nas augas e encoros de Galicia após a vaga de lumes de mediados de outubro.

Así, a Sociedade Galega de Historia Natural remítese a estudos como no que se detectaron niveis "moi elevados" destes HAP nos sedimentos recollidos preto do muro do encoro das Conchas (río Limia).

Tamén cita outra investigación na que se observaron niveis de concentración deste contaminante cinco veces maior en ovos do paxaro píllara das dunas en praias do Noroeste logo da vaga de incendios de 2006, "que tivo uns efectos maiores dos niveis de HAP que a marea negra do Prestige".

Ademais, esta entidade de defensa do medio natural galego apunta que nos sedimentos erosionados de zonas queimadas en Galicia detectáronse no pasado "niveis moi elevados dalgúns elementos traza, principalmente zinc e maganeso, que poderían comprometer a potabilidade das augas".

INCENDIOS EN ZONAS DENSAMENTE POBOADAS

A este respecto, remarca que os incendios afectaron a boa parte da Comunidade, "incluíndo zonas densamente habitadas", onde calcinaron "extensas superficies nas cabeceiras ou contornas de mananciais, captacións de auga, ríos e encoros, tanto hidroeléctricos como de abastecemento de auga a poboacións".

Por iso, "existe risco de que as cinzas, carbón e sedimentos arrastrados polas choivas ocasionen a contaminación de cursos e masas de auga".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta