O Laboratorio de Radon de Galicia critica a falta de homoxeneidade nos niveis admisibles deste gas

O profesor Alberto Ruano publica un artigo moi crítico no que pide que a Unión Europea baixe os niveis que marcan a tolerancia de concentración deste gas canceríxeno.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/11/2017 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

Os investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia acaban de publicar un editorial no European Respiratory Journal no que consideran “rechamante” as diferenzas entre distintas administracións nos niveis admisibles de concentración de radon interior. 

Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas
Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas | Fonte: USC.

European Respiratory Journal é unha das tres revistas máis importantes do mundo en enfermidades respiratorias e a máis destacada no ámbito europeo. O editorial, do que é autor principal o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Alberto Ruano Raviña, subliña que a poboación norteamericana –“pero tamén a irlandesa, canadense ou a inglesa”– ten niveis de acción máis estritos que o doutros países.

O profesor Ruano avoga por que na Unión Europea se baixen os niveis que marcan a tolerancia de concentración do gas tendo en conta que a directiva europea –que debe ser trasposta o ano que vén­- establece a posibilidade de empregar niveis superiores, informa a USC.

O Laboratorio de Radon de Galicia que dirixe o profesor Xoán Miguel Barros Dios fai un importante labor de investigación no ámbito do radon interior á vez que dende hai 25 anos realiza medicións a particulares e empresas previa solicitude. 

O equipo do laboratorio é o responsable do Mapa de Radon de Galicia, con máis de 3.500 medicións en municipios galegos e que é un instrumento de saúde pública no que cidadanía, administracións e empresas poden coñecer a concentración esperada de radon interior segundo a localización da súa residencia xeográfica. 

O Laboratorio é recoñecido internacionalmente polas súas publicacións e pola participación no Manual da Organización Mundial da Saúde sobre o radon interior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta