Temas: EDUCACIóN

A selectividade de setembro pasa ao mes de xullo

Galicia adiantará finalmente esta proba, agora coñecida como ABAU, a partir do próximo curso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2017 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

Galicia adiantará finalmente a proba de selectividade de setembro, agora coñecida como ABAU, ao mes de xullo a partir do próximo curso. Así o decidiron a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xunto coa Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e as tres universidades galegas nunha reunión celebrada este martes en Santiago.

Selectividade 5
Selectividade 5

Galicia sitúase así na liña tomada por outras comunidades autónomas que xa deran o paso e adiantaron a convocatoria extraordinaria, como Asturias, Comunidade Valenciana ou País Vasco, e recentemente Castela e León e Madrid.

A Xunta xa avanzara meses atrás a posibilidade de introducir esta modificación no calendario de acceso á universidade, que se manterá de momento durante o presente curso escolar nos parámetros habituais e que se cambiará no período 2018-2019.

Deste xeito, haberá unha convocatoria ordinaria da ABAU durante o mes de xuño e adiantarase a extraordinaria para mediados de xullo.

O obxectivo será mellorar a integración deste proceso nos calendarios do ensino obrigatorio e o curso universitario, segundo destacou o conselleiro Román Rodríguez en declaracións aos medios.

O responsable de Educación agradeceu "o traballo coordinado" das tres partes implicadas para sacar adiante esta medida, que vai en consonancia coas demandas das propias universidades.

O cambio permitirá aos estudantes "contar con tempo para ir planificando" o seu salto ao ensino superior, ademais de marxe suficiente para "asimilar" os cambios e realizar unha previsión para as probas.

Así mesmo, o adianto da proba de setembro "favorecerá a planificación e organización" do curso e a definición do acceso ás universidades, facilitando que os alumnos estean asignados ás súas prazas "antes" do inicio do curso.

SEIS PRAZOS DE MATRÍCULA

A modificación do calendario de acceso á universidade implicará, ademais, unha redución dos prazos de matrícula para o alumnado, que pasarán do oito actuais até seis no ano 2019.

As tres universidades unificarán, ademais, a data de inicio do curso, que se fixará na segunda semana do mes de setembro, co fin de "reducir as disfuncións" de contar con datas diferentes de comezo do período lectivo.

Á espera de que esta reordenación do calendario estea plenamente en vigor, a ABAU de 2018 manterase coa estrutura e parámetros actuais e realizarase durante o 11, 13 e 14 de xuño, no caso da convocatoria ordinaria; e o 12, 13 e 14 de setembro, a proba extraordinaria.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta