76 praias galegas teñen alto risco de sufrir inundacións

O 10 por cento das praias de Galicia está en zonas de risco de inundación potencialmente significativo. A área máis vulnerable é a ría de Muros e Noia, onde unha inundación dun metro podería anegar 104,3 quilométros cadrados, segundo un estudo piloto realizado por científicos de Galicia, Suecia, Noruega, Canadá e Nova Zelandia sobre a vulnerabilidade do turismo costeiro a asolagamentos.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 29/11/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A avaliación de vulnerabilidade de 724 praias en Galicia mostra que 76 areais están situados en "áreas con alto risco de inundación". Destas 76 praias, 43 están en risco de inundacións costeiras, 26 en risco de inundacións fluviais e sete en risco de ambas as dúas. Ademais, a zona máis vulnerable é a ría de Muros e Noia, onde "unha inundación dun metro podería alagar unha área de 104,3 quilómetros cadrados". Estas son as principais conclusións dun estudo científico realizado por investigadores das Universidades de Vigo, Linneo e Lund (Suecia), Canterbury (Nova Zelandia), Waterloo (Canadá) e do Western Norway Research Institute (Noruega).

Praia de Rodas, nas illas Cíes.
Praia de Rodas, nas illas Cíes.

O Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC, nas súas siglas en inglés) salienta que Europa enfronta riscos significativos de inundacións fluviais e costeiras relacionadas cos cambios no uso da terra, o aumento do nivel do mar, a erosión costeira e eventos extremos de choiva. De feito, as inundacións son o desastre natural máis frecuente e economicamente máis significativo en Europa, segundo os científicos. En Galicia, apuntan, os riscos de exposición tamén están agravados pola "infraestrutura que limita a capacidade de canalización, sistemas de drenaxe con capacidade insuficiente, falta de mantemento dos sistemas de drenaxem, odificación do ecosistema, xestión inadecuada da terra e uso da terra —incluído o desenvolvemento en zonas inundables—, e incendios forestais que reducen a capacidade de almacenamento de auga do bosque como resultado da perda de vexetación".

A comunidade científica tamén advirte de que baixo os escenarios do cambio climático, existen previsión de que os eventos de inundacións sexan no futuro máis frecuentes e intensos nalgunhas áreas, o cal, avisan, "representa unha ameaza potencial para as comunidades costeiras que dependen en gran medida dos recursos costeiros, como as praias para o turismo". 

No caso deste estudo científico, a vulnerabilidade das praias de Galicia —onde se observou un aumento do nivel do mar de entre 2,2 e 2,5 milímetros ao ano—, avaliouse con respecto ao turismo, considerando tres indicadores: nivel de visitas, instalacións turísticas e ancho da praia. Estes indicadores avaliáronse en termos de risco baixo, medio ou alto e foilles asignada unha puntuación correspondente nunha escala de 1 a 3, que corresponde a vulnerabilidades baixas, moderadas e altas.

O traballo desenvolve unha metodoloxía para a avaliación de riscos de inundacións costeiras, baseada nun índice que compara 16 indicadores hidrogeomorfolóxicos, biofísicos, de exposición humana e de resiliencia, cun enfoque específico no turismo. O documento logo utiliza unha avaliación de vulnerabilidade ás inundacións de 724 praias en Galicia.

Vulnerabilidade turística de praias en risco de inundacións nas Rías Altas. Verde: praias con baixa vulnerabilidade turística; amarelo: vulnerabilidade media; vermello: alta vulnerabilidade | Fonte: Environments 2017, 4(4), 83.
Vulnerabilidade turística de praias en risco de inundacións nas Rías Altas. Verde: praias con baixa vulnerabilidade turística; amarelo: vulnerabilidade media; vermello: alta vulnerabilidade | Fonte: Environments 2017, 4(4), 83.

O estudo desenvolve un marco para a avaliación da vulnerabilidade das praias ante os riscos de inundación nas rexións de turismo costeiro. Utilizando Galicia como exemplo, avaliáronse as 724 praias do país, das cales 76 (10,5%) mostran alto risco de inundación, incluídas 10 praias urbanas e 36 rurais.

En análises posteriores avaliouse o risco relativo para o turismo para estas 76 praias con maior probabilidade de inundacións. Os resultados indican que as vulnerabilidades do turismo varían, dependendo dos niveis de visitas, a existencia de instalacións turísticas e o ancho da praia.

Os resultados tamén sinalan que o nivel de vulnerabilidade das diferentes praias varía considerablemente, o que, segundo os autores, indica posibles prioridades para avaliacións adicionais da vulnerabilidade in situ. Aínda que os mapas non suxiren riscos enfocados xeograficamente, si destacan un total de 10 praias de alto risco e un número significativo doutras praias en risco de inundación.

A visualización dos resultados nos mapas creados polos investigadores non parece indicar patróns particulares, como por exemplo que liñas costeiras específicas teñan menos riscos ca outras, aínda que a parte suroeste das Rias Altas e a parte norte das Rías Baixas parecen menos vulnerables.

Os mapas tamén mostran que as praias altamente vulnerables se poden situar preto daquelas con baixo risco. Os autores do estudo explican que mentres algunhas praias en risco teñen grande importancia para o turismo, outras son de pouca relevancia.

PRAIAS CON RISCO DE INUNDACIÓN POTENCIALMENTE SIGNIFICATIVO

Estas son as praias ubicadas en áreas de risco potencial importante de inundación costeira en Galicia (fonte: Environments, 2017, 4(4), 83).

Estas son as praias ubicadas en áreas de risco potencial importante de inundación fluvial en Galicia (fonte: Environments, 2017, 4(4), 83).

CONTEXTO TURÍSTICO

Un aspecto importante no contexto do turismo e as análises de risco de desastres naturais, din os científicos, é a súa dimensión temporal. A análise feita por estes investigadores mostra que os eventos de inundación xeralmente ocorren fóra da tempada alta de turismo (xullo e agosto). Con todo, baixo os escenarios de cambio climático, os científicos esperan que as condicións climáticas na primavera e outono sexan máis adecuadas para as visitas e as axencias de turismo busquen aumentar as chegadas no que actualmente é considerada tempada baixa.

Isto, explican, implicará un maior risco relacionado coas inundacións, xa que os picos de chegada de turistas estarían aliñados máis estreitamente cos riscos de inundación e, por tanto, os resultados do seu estudo terían maiores implicacións para a xestión costeira e turística.

Así, expoñen que para algúns destinos de praia, a consideración dos riscos de inundación pode ser parte da planificación do destino e, potencialmente, das medidas de adaptación relacionadas coa xestión dunha crise. Isto tamén requirirá que se teñan en conta os efectos do cambio climático nas estratexias de planificación, como a construción de estradas ou aloxamentos, para o que se debería considerar a probabilidade de eventos extremos, incluídas as inundacións en escenarios de cambio climático, engaden os científicos.

Para os investigadores, o risco de inundacións representa un custo, xa sexa en termos de seguros, construcións máis resistentes, menor atractivo para os turistas ou cancelacións en situacións extremas, que poden incluír a perda de ingresos en situacións onde o dano á infraestrutura (por exemplo, estradas) free ou impida as visitas. Os autores do estudo exemplifican as graves consecuencias das inundacións para os destinos turísticos co caso do Caribe en 2017, logo dunha serie de grandes furacáns. 

ESTRATEXIAS DE XESTIÓN COSTEIRA

En termos xerais, consideran que as estratexias de xestión costeira deben considerar o cambio dos riscos de inundación, tamén en relación co cambio climático, para protexer importantes activos económicos, de conservación e sociais costeiros, incluídos os que son importantes para o turismo. Para o manexo destes activos cren fundamental o desenvolvemento de sistemas de avaliacións de vulnerabilidade de praias que identifiquen os lugares máis expostos a asolagamentos, como o feito neste estudo.

Dita información podería permitir a toma de decisións baseada en estratexias de adaptación a curto e longo prazo para reducir o risco de inundacións, así como unha mellor asignación de recursos económicos en resposta ao risco, aumentando a resistencia do destino costeiro a eventos naturais extremos. Unha información que, subliñan, sería valiosa para distintas partes interesadas, incluídas as administracións públicas, para determinar a asignación de recursos e as prioridades; compañías de seguros na súa avaliación de responsabilidades; empresas en relación coa súa propia planificación, adaptación e avaliación de riscos; así como aquelas persoas que viven en áreas costeiras (riscos, valores de propiedade).

Os científicos salientan que o índice de risco desenvolvido no seu estudo aplicado á costa galega tamén pode ser potencialmente adaptado a outras contornas costeiras, particularmente en Europa. Os autores recoñecen que este é un estudo piloto, cuxos resultados son agora publicados na revista científica Environments nun artigo títulado 'Vulnerability of Coastal Beach Tourism to Flooding: A Case Study of Galicia, Spain', asinado por Diego R. Toubes, Stefan Gössling, C. Michael Hall e Daniel Scott.

Vulnerabilidade turística de praias en risco de inundacións nas Rías Baixas. Verde: praias con baixa vulnerabilidade turística; amarelo: vulnerabilidade media; vermello: alta vulnerabilidade | Fonte: Environments 2017, 4(4), 83.
Vulnerabilidade turística de praias en risco de inundacións nas Rías Baixas. Verde: praias con baixa vulnerabilidade turística; amarelo: vulnerabilidade media; vermello: alta vulnerabilidade | Fonte: Environments 2017, 4(4), 83.
Área de inundación (quilómetros cadrados) en relación co escenario de nivel de inundación (metros)
Área de inundación (quilómetros cadrados) en relación co escenario de nivel de inundación (metros) | Fonte: Environments 2017, 4(4), 83.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta