O director xeral de CaixaBank chama a "recuperar a credibilidade do directivo" nunha xornada sobre liderado

Feijóo reivindica o modelo de Galicia para "sortear mellor a crise", mentres o alcalde de Santiago aposta por "horizontes colectivos"

Santiago de Compostela | 24/11/2017 | Actualizada ás 11:59 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O director xeral de CaixaBank, Juan Alcaraz, presidente da Asociación Española de Directivos (AED), fixo un chamamento a "recuperar a credibilidade do directivo" na xornada 'Reinvéntate Galicia'.

No Palacio de Congresos de Santiago, e ante numerosos empresarios, Alcaraz opinou que a crise supuxo unha "estigmatización" do directivo, sobre o que se fixo recaer, ao seu xuízo, unha "carga de responsabilidade tremendamente inxusta".

Fronte a isto, avogou por fomentar distintos valores como o "equilibrio persoal", de modo que o directivo "facilite" a conciliación; e o "equilibrio empresarial" entre o curto e o longo prazo.

Medidas como estas e outras "mellorarán a reputación" dos responsables das empresas, segundo reivindicou, nun discurso inaugural no que apuntou á consecución dunha sociedade "máis xusta" na que a xeración de riqueza "poida chegar" a todos.

En Galicia, a Asociación Española de Directivos, creada en 1996, impulsada por Isidro Fainé e da que forman parte máis de 2.000 socios, funciona desde a pasada primavera.

"OU SE TEN OU NON SE TEN"

Na súa quenda, o alcalde compostelán, Martiño Noriega, chamou a atención sobre que a capacidade de liderado, como a elegancia, "ou se ten ou non se ten", e recomendou entendela "de forma xenerosa", de modo que se marquen "horizontes colectivos".

Deste xeito, o rexedor santiagués, que participou no acto como anfitrión, apuntou a principios como a corresponsabilidade e a empatía.

O QUE TEÑEN "EN COMÚN" POLÍTICOS E DIRECTIVOS

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que directivos e políticos teñen "en común moitas cousas", dado que as autoridades públicas, segundo expuxo, deben "xestionar os impostos" e un orzamento, no caso de Galicia, de 9.500 millóns de euros.

Feijóo resaltou que Galicia é "unha comunidade que merece confianza" e subliñou que avanza "sen fracturas sociais", nunha intervención cuxa primeira parte centrou en críticas á actuación da clase gobernante catalá.

Así mesmo, fixo alusión á lei de fomento de iniciativas empresariais, para trasladar a mensaxe aos empresarios de que a comunidade galega é "bo lugar para instalarse".

Por último, reivindicou un modelo "que permitiu sortear mellor a crise" aos galegos e "incorporarse máis rápido á recuperación", dado que, segundo dixo, Galicia "anticipouse" na adopción de medidas e "foi capaz de irromper", por exemplo mediante o incremento de exportacións, facendo a súa economía "menos vulnerable".

A XORNADA

Despois do acto inaugural, a xornada analizou cuestións como 'A situación competitiva da economía e a empresa galega no mundo', coa participación prevista do profesor de Economía da Universidade de Alcalá José Carlos Díez e o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago.

A visión de Galicia "desde dentro e desde fóra", achegada por varios expertos, e o talento na comunidade galega foron outros dos puntos do programa.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta