Os bombeiros galegos lembran que o actual sistema de emerxencias “só beneficia a empresas privadas”

A Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia critica que a comarcalización dos parques municipais non é máis ca "outro parche" da Xunta, lembra a "a situación de precariedade na que se atopan estes servizos esenciais" e volve denunciar a súa privatización.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/11/2017 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

"Malestar". Ese é o sentimento que están suscitando entre os Bombeiros Públicos de Galicia as declaracións que fixo Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, no Parlamento, sobre a "problemática que presentan as emerxencias" no país. "Como de costume, declaracións e propostas con falta de rigor e seriedade", censuran, en referencia á comarcalización dos parques de bombeiros das cidades galegas, "outro parche" do Goberno galego, din.

Bombeiros contra a privatización
Bombeiros contra a privatización | Fonte: CIG

Os Bombeiros Públicos de Galicia recordan a Rueda, "unha vez máis, que a problemática en Galicia é a situación de precariedade na que se atopan estes servizos esenciais" e explican que "existe un determinismo polo que se dá esta situación", sendo necesario "retroceder ata o ano 2000", cando "o Partido Popular deseñaba o seu sistema 'pioneiro' de parques de bombeiros privatizados".

Ao longo destes anos, din, "foise demostrando unha e outra vez que este sistema non funciona, que é un absoluto desastre, que só resulta beneficioso para as empresas privadas que se lucran coa súa xestión".

Para tentar "emendar esta ineficacia" fóronse tomando "pequenas medidas", como integrar os Consorcios Comarcais iniciais en Consorcios Provinciais, buscando homoxeneizar e abaratar custos, en liña co defendido desde este colectivo, a homoxeneización dos servizos de bombeiros galegos, como recolle a Lei de Emerxencias de Galicia 5/2007 do 7 de maio na súa disposición adicional terceira, recordan.

Este ·"desastre de sistema", din, "caeu polo seu propio peso", xa que "constantemente incumpre coas súas obrigas". E reiteran que só se aplicaron "pequenas medidas", que prefiren denominar "parches", que "o único que buscan é tapar as vergoñas do señor Rueda", e "prolongar un pouquiño máis esta 'rendible' situación, non para a poboación pero si para certos empresarios".

"Estes días volvemos topar outra vez con outro parche a petición de Rueda, outro «veña, que o seguimos estirando» como é a comarcalización dos Parques de Bombeiros das cidades galegas, e ademais, cunha oferta 'especial' de 1,7 millóns de euros", critican.

Os Bombeiros Públicos de Galicia consideran que esta medida só pretende "ocultar a redución de persoal sufrida nos últimos anos nos servizos de bombeiros municipais a consecuencia da taxa de reposición de efectivos, imposta polo goberno do Estado, tamén do PP", denuncian. Isto, para eles, "xa dificulta dar un servizo adecuado aos seus concellos, facendo consecuentemente inviable dotalos do persoal suficiente para estender a súa acción ao ámbito comarcal".

"A nós non nos enganan, sabemos cal é a intención do brinde ao sol das comarcalizacións. A intención é prolongar no tempo este subdesenvolvemento, crear máis GES {Grupos de Emerxencias Supramunicipais]", advirten.

Para os bombeiros, os GES supoñen "continuar coa explotación privada, manter o CIAE 112 na mesma situación de precariedade, continuar coa Axega como unha axencia de colocación de persoal afín, así como a Agasp, etc.".

SOLUCIÓNS PROPOSTAS

Para reverter a situación, cren necesario o rescate dos parques privatizados e a regulación da profesión, e con iso, máis o levantamento da taxa de reposición, "si poderemos falar de comarcalizar os Parques de Bombeiros das cidades galegas, dunha dimensións adecuada de persoal en bombeiros e CIAE 112, sendo xa un servizo homoxéneo e coordinado, que elimine barreiras territoriais absurdas, cumprindo isocronas razoables e deixando atrás esta precariedade reinante", propoñen.

Os bombeiros lembran que a Lei de Emerxencias de Galicia, "incumprida repetidamente polo goberno do PP en todo o que se refire á homoxeneización do servizo e a racionalización e coordinación do uso dos seus recursos", xa obriga a todo iso.

Porén, din, "non só se incumpren estas obrigas", senón que "mesmo se están impulsando medidas contrarias" a esta lei, ademais de seguir "fomentando a heteroxeneización e atomización dos servizos de emerxencias".

Por todo isto, piden ademais "criterio e seriedade" nas decisións políticas e que "se faga un esforzo en abstraerse" dos "intereses particulares" dos gobernantes e "se actúe segundo o interese común da sociedade galega dunha vez por todas".

"Se non se mostran capaces, que se fagan ao carón e dimitan", subliñan os bombeiros, que advirten de que non consentirán "máis parches que prolonguen no tempo este sistema" nin "máis faltas de respecto" á súa profesión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta