Preséntease o documental do canteiro nacionalista que quixo conquistar Compostela aos franquistas

Xoán Xesús González foi asasinado o 12 de setembro de 1936 polos fascistas. Fora apresado logo de tentar retomar a capital galega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/11/2017 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

Xoán Xesús González foi asasinado o 12 de setembro de 1936, logo de ser apreixado días antes polos golpistas de Franco. Acudira a santiago cunha columna de 50 obreiros para retomar a cidade que caíra en mans dos sublvevados.

Fusilados republicanos durante a Guerra Civil
Fusilados republicanos durante a Guerra Civil | Fonte: historiayarte.blogsopot.com

O político, avogado e canteiro de Cuntis (da aldea de Sebil) foi un dos persoeiros máis sobranceiros do seu tempo, salientable en múltiples ámbitos e sempre leal ao seu compromiso coa democracia e as liberdades. Un compromiso que lle custou a vida a mans dos fascistas e que foi  levada á pantalla. Un documental producido por Quinteiro do Umia será presentado o día 2 de decembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

'O canteiro de Sebil' é a ollada colectiva, unha homenaxe á súa figura que procura a posta en valor do traballo feito ata agora por diversos particulares e entidades, así como a aportación de datos novos e descoñecidos ata o momento, produto do traballo de documentación do propio Quinteiro do Umia para este audiovisual. “Este traballo non ten pretensións individuais e non procura máis que ser unha humilde contribución á tarefa colectiva de recuperación da nosa memoria”, apuntan desde esta entidade. 

A interpretación conta con ducias de persoas que participaron desinteresadamente en horas de gravación polos concellos Cuntis, Caldas, Moraña e Compostela, así como coa presenza de actores e actrices con experiencia semiprofesional na escena galega. Súmanse caras coñecidas da política, a sociedade e a música do País que aparecen no propio documental. Cómpre salientar ao propio alcalde de Compostela, Martiño Noriega, e ao concelleiro Rafael Peña.

Logo de estrearse en Cuntis, o documental chega á Capital do País, Santiago de Compostela, onde se presentará no Teatro Principal, un espazo cun simbolismo especial: aquí estreou a súa obra ‘Carmiña’ en 1922. Logo desta parada, están xa pechadas varias presentacións noutras cidades e vilas de Galicia que se irán anunciando nas vindeiras semanas.

GRAN ACTIVISTA NACIONALISTA E REPUBLICANO

Xoán Xesús González estudou maxisterio e dereito, colaborou en varios xornais, foi secretario da Asociación de Prensa de Santiago, fundou o xornal 'El País Gallego' (1927), tivo o seu propio bufete de avogados e impulsou a libraría e editorial 'Niké': estes son só algúns breves trazos do seu activismo. É autor das obras 'Ana María' (1925), 'A filla da patrona' (1926), 'A modelo de Paco Asorey' (1934), 'Teresiña Novás' ou 'En pé campesiños (ensaio) entre outras.

No eido político foi dirixente da Agrupación Nacionalista Independente de Compostela, secretario local da Agrupación Socialista, fundou en 1931 a Unión Socialista Galega e incrementou a súa actividade política en Izquierda Republicana. Integrou o Terzo de Calo na defensa da legalidade republicana e exerceu o liderado fronte ao Golpe de Estado de 1936 na comarca compostelá.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta