Cine árabe e estadounidense de calidade, estreas da penúltima xornada de Cineuropa

Quedan tan só dous días de Cineuropa, mais aínda poderemos desfrutar de bo cinema, longametraxes e documentais premiados internacionalmente.

Por Jorge M.de la Calle | Compostela | 28/11/2017 | Actualizada ás 00:11

Comparte esta noticia

Cineuropa, o festival internacional de cinema de Santiago de Compostela, un clásico nas pantallas desta cidade que cumpre este ano a súa 31ª edición, pecha por todo o alto estreando en Galicia dous filmes premiados no Festival Internacional de Cine de Xixón:  “Lucky”, a ópera prima do actor devido en director John Carroll Lynch, ás 18.30 deste luns no Teatro Principal, e mais “En attentant les hirondelles”, de Karim Moussaoui, ás 20.15 no Salón Teatro.

Imaxe de Hirondelles
Imaxe de Hirondelles

Segundo José Luis Losa, o director de Cineuropa, “ver a Harry Dean Stanton –o actor de Lucky-, nonaxenario, seguindo a súa rutina, facendo ximnasia, tomando o seu Bloody Mary no bar que é prolongación da súa vivenda, é xa un agasallo que chama as portas do ceo”. Pero moito máis alá do anecdótico, “Lucky debuxa un máis que interesante discurso sobre as crenzas relixiosas e o ateísmo. Ofrécenos un poblachón de Texas humanizado –outra maneira de responder á onda Trump- e algunhas aparicións especiais de luxo, como as de Tom Skerritt ou David Lynch”. Gañadora do galardón á mellor banda sonora e ao mellor actor (Harry Dean Stanton) en Xixón, aínda haberá outras dúas oportunidades máis para disfrutala, mañá en sendos pases no Teatro Principal e no Salón Teatro, ás 18.00 e ás 22.00 respectivamente.

OUTRAS NOVIDADES

Non será a única novidade na recta final de Cineuropa, pois Karim Moussaoi traeranos “En attendant les hirondelles (The nature of time)”, un retrato do estado anímico dunha sociedade marcada polas feridas do pasado , a alxerina, a través das  historias de tres personaxes moi diversos. Galardoada co Premio Especial do Xurado en Xixón, trata temas tan de actualidade como a tradición sexista do país ou a memoria histórica a través do recordó da sanguenta guerra civil alxerina da última década do século pasado.

Pero non só de novidades vive Cineuropa, porque os espectadores terán a última oportunidade de ver outras xoias que xa pasaron polo festival, como “Na praia, soa de noite”, a coprodución Corea do Sur-Alemaña gañadora do Premio á mellor interpretación para a súa actriz protagonista Kim-Min-hee ; o documental “Liberami”, un intelixente achegamento á práctica do exorcismo en Italia; “Rock in Reyjavik”, documental de 1982 sobre a escea musical islandesa coa aparición estelar dunha novísima Björk; o filme de ficción; “Favio: crónica dun director”, o documentario máis valorado da súa sección e a peza mellor puntuada do festival (cun 10,00), sobre o realizador máis influínte do cinema arxentino; “Pendular”, premiada co FIPRESCI na Berlinale á mellor película internacional no Festival Internacional de Cine de Uruguai; ou “Cuatreros”,  interesante filme sobre os bandoleiros arxentinos dirixida por Albertina Carri e que ademais contará coa presenza do seu produtor Diego Schipani (22.15, Salón Teatro).

Non só, porque segue o ciclo de cine político e histórico Novecento, con filmes de onte e de hoxe. En total once propostas repartidas entre Teatro Principal, Salón Teatro e Multicines Compostela, no penúltimo día de festival. A programación, horas e espazos dos pases pódense consultar na web de Cineuropa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta