Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 29/11/2017 | Actualizada ás 09:00
Eurodeputados galegos e portugueses anunciaron que están traballando xa no Parlamento europeo en distintoas frontes para intentar evitar traxedias como as que este ano provocaron os lumes nos dous estados.
Precisamente, este martes, a UE aprobaba a nova directiva sobre enerxías renovables que permitirá que os particulares poidan ter instalados paneis solares nas súas casas para uso propio sen ningún tipo de coste. "Son medidas que tentan paliar o cambio climático e facer fronte á seca", dixo o socialista José Blanco.
Tamén Lidia Senra, de AGE, apostou por modelos que reduzan as emisións á atmósfera pero tamén insistiu na necesidade de defender modelos agrícolas sostibles que, axuden, dixo, a manter activos os territorios agrarios abandonados. De feito, indicou, o abandono do rural "está detrás da gran problemática dos lumes". "Por iso nós sempre insistimos en por en marcha medidas para evitar o abandono do rural e dos terreos agrarios tradicionais", destacou.
Pola súa banda, o tamén eurodeputado socialista portugués Francisco Assis dixo que os incendiarios son "asasinos" e "como tal hai que tratalos". Ademais, criticou que sexan dous estados --en alusión a Alemaña ou Francia-- os que "queiran decidir a axenda europea só en base a súa poboación". "Os portugueses e os galegos sumamos moitos millóns de persoas e tamén temos dereito a que nos escoiten", incidiu.
Estes eurodeputados, xunto con outros como o portugués José Manuel Fernández, ou o galego Francisco José Millán Mon --que describiu o seu traballo en Bruxelas-- participaron nunha xuntanza con xornalistas galegos e portugueses que están estes días na capital belga.
Este luns, Christos Styliniades, Comisario Europeo de Emerxencias, destacaba a importancia da "prevención" para facer fronte a castástrofes, como a dos lumes e defendía o proxecto RescUE que porá en marcha a UE nos vindeiros meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.