O BNG propón declarar o 1 de decembro Día da Dignidade de Galicia en recordo de ‘Nunca Máis’

En Marea ve "con simpatía" a proposta, o PSdeG di que a analizará e Puy (PP) cre que os pobos "non celebran os delitos ambientais que se cometen contra eles"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2017 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, anunciou que a Cámara debaterá no próximo pleno, a proposta do seu grupo, unha proposición non de lei para declarar o 1 de decembro como Día da Dignidade Nacional de Galicia, en recordo da gran manifestación organizada por 'Nunca Máis' após a catástrofe do Prestige.

Manifestación en Vigo de 'Nunca Máis' once anos despois da catástrofe do Prestige
Manifestación en Vigo de 'Nunca Máis' once anos despois da catástrofe do Prestige | Fonte: Miguel Núñez

Trala xunta de portavoces, Rodil lembrou que hai 15 anos, o 1 de decembro, "miles de paraugas levantaron a dignidade do pobo galego" nunha multitudinaria manifestación polas rúas de Compostela. "Queremos que se recoñeza esta data e se poña en valor a capacidade dos galegos para autoorganizarse ante situacións complexas como foi esta catástrofe ambiental", sinalou.

Ao seu xuízo, é necesario remarcar esta data no calendario e que "sexa recoñecida", despois de que algúns "responsables políticos" cando se afundiu o petroleiro non só "quedasen impunes" senón que, ademais, en casos concretos mesmo "foron premiados cun ascenso". Como exemplo, apuntou ao presidente estatal, Mariano Rajoy, entón membro do Goberno de José María Aznar.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou que o seu grupo analizará esta proposta para votar no pleno, e aproveitou para lembrar que os socialistas organizaron este venres unha xornada que ten como obxectivo lembrar a catástrofe do Prestige 15 anos despois e que contará con "destacados participantes".

Á marxe da vertente negativa da catástrofe, Leiceaga recoñeceu a importancia da efeméride, xa que o sucedido supuxo "unha aldrabada" para a sociedade galega, que "espertou" consciente de que "non se podía mirar cara a outro lado" ante un desastre con "tráxicas consecuencias".

"SIMPATÍA" DE EN MAREA

Pola súa banda, o viceportavoz de En Marea na Cámara, Antón Sánchez, coincidiu en que o 1 de decembro de 2002 a sociedade galega deu "un paso adiante" e tamén recoñeceu o papel do movemento 'Nunca Máis'.

"Creo que é un exemplo de como o pobo ten que organizarse e saír á rúa", recoñeceu Sánchez, quen afirmou que En Marea ve "con simpatía" a proposta do BNG.

"OS POBOS CELEBRAN AS BOAS NOTICIAS"

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, remitiuse ao que acorde o grupo maioritario para decidir o sentido do voto despois de analizar a proposta, aínda que a súa propia opinión persoal, que desvelou a continuación, suxire que non ten moitas opcións de saír adiante.

"Eu, persoalmente, teño a impresión de que os pobos o que celebran son as boas noticias e non os delitos ambientais que se cometen contra eles. Pero, insisto, é unha opinión persoal", resolveu Puy.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

O 1 de decembro é o día internacional da loita contra a SIDA.

1 Euridice nas Tebras

Se vos deixarades de lerias simbólicas e mirarades, uns e outros, de traballar máis, sería moito mellor. Estádesvos contaxiando do peor das Mareas (o simbolismo vácuo que encobre a nada). Entre uns e outros estades a converter ao PP en vencedor das próximas eleccións. Agora xa só vos queda dicir que defendedes os valores republicanos pero non sodes republicanos... Coma outros que non explicitan isto seica. A dicir verdade non explicitan nada máis que vacuidades para consumo dos convencidos. http://www.eldiario.es/politica/Uni...